Os concellos da volta buscan finanzamento provincial para o xeoparque do Ortegal

0

Representantes dos gobernos de San Sadurniño, Moeche, Cerdido, Valdoviño, Cedeira, Cariño e Ortigueira reuníronse este xoves en Moeche cos edís provinciais Suso Soto e Xosé Regueira para ver a posibilidade de que a Deputación se implique no finanzamento do Xeoparque do complexo do Cabo Ortegal. Faríao a través dun programa centrado no patrimonio que o organismo provincial está preparando e que terá unha dotación de 8 millóns de euros para varias anualidades. Por outra banda, a representación municipal tamén acordou apoiar economicamente a presentación do proxecto na III Feira de Minerais que terá lugar en Santiago a principios de marzo.

Os sete concellos presentes na xuntanza cos representantes provinciais ratificaron deste xeito o seu compromiso con que o xeoparque vaia adiante. Unha iniciativa que, previamente, require traballo técnico en dous ámbitos: o da caracterización dos valores minerais e xeolóxicos da zona e, por outro lado, o da planificación dun desenvolvemento sostible arredor deses valores.

Da primeira cuestión xa leva anos encargándose o xeólogo Francisco Canosa que, xunto con outras persoas e entidades interesadas na paisaxe, están levando o peso técnico e o labor de impulso social ao xeoparque. Unha figura da UNESCO que, sen implicar restricións para os usos do chan, ten como obxectivo recoñecer e identificar zonas únicas no mundo polas súas peculiariedades orográficas e minerais. Condicións que, segundo parece, reúne o denominado Complexo do Cabo Ortegal.

Canosa localizou nos oito concellos asentados sobre este complexo ata 52 lugares de interese xeolóxico e 5 sitios de relevancia internacional por atoparse neles formacións únicas ou case imposibles de ver en ningún outro lugar do mundo. De feito, ese é o principal valor dunha zona que abrangue máis de 700 kilómetros cadrados de superficie e onde se encontran praias de area vermella, raras praias de area negra como a de Teixidelo, a única no planeta -que se saiba- de orixe non volcánica, afloramentos de lava, granitos negros, restos glaciais, e rochas que habitualmente están a máis de 70 kilómetros de profundidade e que aquí poden observarse a simple vista.

Porén, os parques xeolóxicos tamén buscan ser un factor de desenvolvemento económico a través do turismo e doutras iniciativas que poidan beneficiarse deste recoñecemento internacional. No mundo existen 135 xeoparques e en Europa 62, dos que 11 están en España. No noroeste non hai ningún, pero a zona do Ortegal reúne todas as condicións para selo. Por iso o xeólogo Francisco Canosa, a Asociación de Amigos do Parque Xeolóxico do Cabo Ortegal e varios municipios desta área levan desde 2015 facendo unha intensa campaña divulgativa tanto do patrimonio xeolóxico como da candidatura a través de encontros e rutas.

Agora búscase a implicación provincial para darlle o pulo definitivo á candidatura. Unha das maneiras que se puxeron este xoves enriba da mesa foi a de que os municipios opten ao programa relacionado co patrimonio histórico e turístico que está preparando a Deputación da Coruña. Segundo informaron Suso Soto -responsable de Contratación- e Xosé Regueira -titular de Patrimonio histórico e Turismo- o organismo provincial está ultimando unha liña dotada con 8 millóns de euros e varias anualidades na que tería cabida o proxecto do xeoparque e a súa candidatura para ser declarado como tal pola UNESCO.

A alcaldesa de Moeche e os alcaldes dos demais concellos -agás As Somozas- quedaron en volver reunirse no prazo de quince días para ter xa definidas as liñas mestras do plan que se lle presentará á Deputación, así como a decisión sobre que municipio vai ser o que asuma a tramitación da solicitude formal do finanzamento.

A xuntanza da representación municipal tamén serviu para trasladarlle a Francisco Canosa o apoio dos concellos para que o proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal asista á 3ª Feira de Minerais que se desenvolverá do 2 ao 5 de marzo en Santiago de Compostela.

Ademais do xeoparque, no evento participarán outros 30 expositores de España, Portugal, Brasil, Xeorxia e Polonia con minerais, fósiles e xoiaría.

Share.