Os concellos da comarca solicitarán unha reunión urxente con Feijóo para falar do tren

0

O Concello de Moeche foi sede durante boa parte desta mañá da terceira xuntanza da mesa técnica constituída hai un ano para abordar as melloras no transporte ferroviario de cercanías. No encontro participaron representantes municipais da área de Ferrol-Ortegal e da Mariña luguesa, ademais de responsables da Subdirección xeral de Infraestruturas da Xunta de Galicia, da zona noroeste de RENFE e, por primeira vez, tamén de ADIF, o organismo encargado do mantemento das infraestruturas. A reunión saldouse con “poucos avances” con respecto á mantida a primeiros de decembro. RENFE comprometérase daquela a achegar datos de uso das distintas liñas e a estudar as propostas de reconfiguración dos servizos achegadas pola Plataforma en defensa do tren Ferrol-Ribadeo. Hoxe a empresa presentou unha estatística “pouco alentadora e pouco rigorosa” acompañada dunha contraoferta que só prevé modificar horarios entre Ferrol e Ortigueira -a zona da Mariña quedaría como está- pero en ningún caso a creación de novos servizos. Por outra banda, a administradora da infraestrutura ferroviaria só anunciou a licitación “para finais deste ano” dun sistema de bloqueo automático que, se ben mellorará a seguridade, “non é a solución aos problemas de mantemento que arrastran as máquinas e as vías”, tal e como declarou Beatriz Bascoy. A rexedora de Moeche -quen actúa como portavoz dos municipios da zona- sinalou ao remate da xuntanza que os concellos  avaliarán o documento horario de RENFE e insisten en que sexa o goberno autonómico quen interceda “polo interese xeral do tren de proximidade, o mesmo que fixeron os gobernos de Asturias ou Cantabria”. Os alcaldes sopesan abandonar a mesa técnica “a menos que se dea un compromiso firme con esta cuestión por parte da Xunta e do seu presidente”. Neste sentido está previsto solicitar unha reunión urxente con Alberto Núñez Feijóo na que, con toda probabilidade, tamén se porá enriba da mesa o futuro da VAP da Costa Norte.

Pouco despois das 10 desta mañá sentaron arredor da mesa da sala de xuntanzas do Concello de Moeche Javier Villoria e Enrique Fonte por parte de RENFE, Nuria Blanco en representación de ADIF e, pola Xunta, o Subdirector Xeral de Infraestruturas, Juan Alberto Vidal, e a Xefa do servizo Tamara Subiela. Dos municipios estiveron presentes a alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, a Xerente de Urbanismo do Concello de Ferrol, Ana Marquina, e o alcalde de Burela, Alfredo Llano, quen acudiu ao encontro representando tamén á Mancomunidade de Concellos da Mariña luguesa.

Na orde do día encontrábanse dous puntos principais: coñecer os datos de aforamento recollidos por RENFE e a resposta da compañía ante a petición de modificación horaria e de creación de novos servizos esixida pola Plataforma en defensa do tren Ferrol-Ribadeo. Sobre a primeira cuestión -a dos datos de usuarios e usuarias- RENFE asegurou que as liñas só eran empregadas diariamente por 562 persoas. Un dato “pouco alentador e pouco rigoroso” que, segundo a alcaldesa de Moeche, “non semella axustarse á realidade, xa que se trata dunha estatística que contabilizou durante dous días do mes de outubro as persoas usuarias de estacións e apeadeiros unicamente entre Ferrol e Ortigueira”.

Neste sentido Bascoy argumenta que se debería ter feito un seguemento máis exhaustivo “collendo varias xornadas en distintas épocas do ano e en todo o trazado desde Ferrol ata Ribadeo”. A alcaldesa engade que, no transcurso da xuntanza, RENFE cualificou estes datos como “nefastos” aínda que, en palabras de Bascoy, “tamén se nos asegurou que os servizos se van manter por tratarse dunha prestación pública obrigatoria por lei. Tal e como temíamos, dá a impresión de que se queira usar a estatística para deixar morrer o tren cando o que se debería facer é todo o contrario, ofrecer un servizo de calidade e adaptado ás necesidades dos usuarios para que a estatística volva dar as cifras de hai quince ou vinte anos, cando só as liñas Ferrol-Ortigueira-Ferrol transportaban unha media de 1.400 persoas diarias, segundo os datos da antiga FEVE recollidos pola Plataforma en defensa do tren Ferrol-Ribadeo”.

No tocante ao cambio de horarios e incremento de servizos, a contraoferta formulada por RENFE á petición municipal expresada na xuntanza do mes de decembro só lle afectaría a unha reconfiguración de horarios nos traxectos Ferrol-Ortigueira, pero en ningún caso se crean liñas novas. “Temos que estudar a fondo a proposta, pero na primeira revisión que fixemos só atopamos adaptacións de horarios pero nada de novos servizos. Do que pedimos en decembro si se aceptan cambios como o de retrasar a saída do tren das 14.10h., o que lle daría marxe suficiente ao alumnado dos institutos para coller o transporte e chegar antes á casa sen ter que agardar ao servizo das 15.30h. O cambio axuda, pero do que se trata é de reactivar un servizo que está indo a menos por causa do abandono e as incidencias constantes,  non porque non haxa demanda”.

A alcaldesa de Moeche comenta que ADIF recoñeceu na reunión “a falla de mantemento” da infraestrutura ferroviaria e que como único investimento só se anunciou a licitación “para finais deste ano” da instalación dun sistema de bloqueo automático que mellorará a seguridade das locomotoras e dos vagóns no caso de que aparezan obstáculos no trazado. “É unha mellora importante, pero non é a solución aos problemas de mantemento que arrastran as máquinas e as vías”, dixo Bascoy.

Críticas ao papel da Xunta e petición dunha reunión urxente con Feijóo
O balance que se fai desde os concellos do encontro desta mañá é o de ter “avanzado pouco” tras un ano de xuntanzas. “O único que vimos é unha certa vontade de adaptar horarios, pero non é de recibo que se sigan mantendo os mesmos servizos nin tampouco que se rexeitasen todas as peticións solicitadas polos municipios da Mariña”, explica Beatriz Bascoy. A alcaldesa modestina dirixiu as súas críticas tamén á Xunta, cualificando a súa presenza nas xuntanzas como a dunha “convidada de pedra que non propón solucións nin tampouco asume o seu papel de estar representando unha área de Galicia que engloba tres comarcas e máis de 200.000 habitantes. O tren é un servizo básico e un elemento de cohesión social e fixación de poboación, igual que a comunicación por estrada que nestes momentos tamén está no aire. O Goberno galego debería ter entre as súas prioridades velar polo interese xeral do tren de proximidade, o mesmo que fixeron Asturias ou Cantabria, onde hai comprometidos investimentos xa para este ano”.

A rexedora de Moeche -que actúa como portavoz dos municipios das comarcas de Ferrol e do Ortegal- asegurou que este xoves cursará unha petición para marcar unha reunión urxente dos concellos co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. “Neste momento fai falla que a Xunta se poña do lado das demandas das tres comarcas, os concellos non podemos forzar en solitario un cambio nas posturas de RENFE e ADIF”. Bascoy engade que, “a falta de avances”, tamén lle proporá ao resto de rexedores abandonar as mesas técnicas  “a menos que se dea un compromiso firme con esta cuestión por parte da Xunta e do seu presidente”.

Pola súa banda, o alcalde de San Sadurniño, Secundino García, lembraba esta tarde que os orzamentos do Estado “non recollen nin un só céntimo en investimentos para o tren”, engadindo que o norte de Galicia “non pode quedar á marxe das comunicacións”. O alcalde recordou a este respecto que os últimos anuncios da Xunta “poñen tamén en dúbida a execución da Vía de Altas Prestacións da Costa Norte substituíndoa por un novo proxecto, unha especie de monstro de Frankenstein, que aproveite parte do trazado da AC-862. Penso que o debate de ambas cuestións, o tren e o futuro da VAP, debe formar parte da axenda inmediata dos concellos e da Xunta”.

 

 

Share.