Os Chivos chivóns abren o programa das Letras Galegas

0

Na escola infantil municipal parece que esta semana a cousa vai de bichería. Onte foron os pitos de Mos e hoxe tocoulles ás cabras. Non, que ninguén se asuste, non entraron cabuxas nas aulas. Ou si, anque en sentido figurado. E é que esta mañá as nenas e nenos tiveron unha sesión de contacontos promovida pola ANPA e o Concello na que participaron en distintas actividades sobre a historia dos “Chivos chivóns”, un conto popular adaptado a estas idades por Kalandraka que chegou ao centro da man de Picariños. Esta é unha das actividades relacionadas coas Letras Galegas que temos no territorio durante estes días. O evento principal organizado pola área de Cultura está posto para mañá venres ás 11.00h. na Casa da Cultura, tras cambiar de ubicación -ía facerse no patio do pazo- ante a posibilidade de que chova.

As Letras Galegas están dedicadas este ano a Antón Fraguas Fraguas (1905-1999), destacado historiador, etnógrafo, antropólogo e xeógrafo que xa desde moi novo marcou como obxectivo vital a defensa da lingua e da cultura de Galicia a través do ensino, da investigación e do activismo político.  Pola súa proxección dentro do galeguismo político e cultural sufriu a represión franquista.

Porén, a diferenza doutros, el non foi procesado nin se viu forzado á emigración, aínda que si foi “depurado” polo rexime e tivo restrinxido o seu acceso á docencia pública, á que non voltaría ata 1950.

Participou no Seminario de Estudos Galegos e no Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, foi membro numerario da Real Academia Galega e un dos impulsores do Museo do Pobo Galego. Desde que en 1929 publicara por primeira vez en A Nosa Terra, Fraguas acumulou ata a súa morte preto de 150 textos entre libros, artigos e ensaios, referidos na súa maioría ao estudo etnográfico de Galicia.

San Sadurniño renderalle homenaxe a Fraguas este venres 17 de maio a partir das 11.00h. na Casa da Cultura, tras cambiar o emprazamento inicial ao aire libre pola previsión de mal tempo. O acto estará marcado pola música e a oralidade, coa obra “Antón Fraguas no bosque da Moura” e tamén a actuación do grupo folc Encrucillada.

Á tarde, a partir das 18.00h., toma o relevo a AVV O Castelo de Narahío co seu Encontro de Cantares Tradicionais, no que se aproveita a data para afondar na figura da persoa homenaxeada alternándoa con música. Desta vez a entidade convidou aos grupos das escolas municipais de gaita e pandeireta e tamén ao alumnado das clases de acordeón que se imparten no seu local social. Teñen preparado un repertorio con pezas interpretadas individualmente por cada unha das tres agrupacións, pero tamén tocarán outras en conxunto, convertendo a Veiga nunha auténtica festa do patrimonio inmaterial e da preservación da cultura pola que Fraguas sempre traballo.

Subvención para a Biblioteca Municipal
En relación coa literatura e a lingua galegas, a Xunta acaba de publicar o listado de subvencións anuais para a adquisición de títulos en galego. A axencia de lectura de San Sadurniño disporá de algo máis de 1.100 euros para facerse con novidades editoriais na nosa lingua.

A biblioteca pública tamén desenvolve ao longo do ano un intenso programa de dinamización por medio do clube de lectura ou dos retos lectores que se promoven ao arranque de cada curso como unha especie de desafío  ao longo de 9 meses e que, ao cabo, ten premio para quen logre completar o compromiso de ler os libros propostos.

Ademais, a Biblioteca acóllese todos os anos ao programa “Ler Conta Moito” da Consellaría de Cultura para os servizos integrados na Rede Pública de Bibliotecas de Galicia. Trátase dunha liña de subvencións para a contratación de espectáculos de animación á lectura que despois se distribúen ao longo do ano, habitualmente con sesións para a rapazada máis pequena na propia biblioteca ou na Casa da Cultura, en coordinación coa EIM A Rolada e co CPI de San Sadurniño.

Desde a axencia municipal de lectura comentan que neste 2019 a publicación da convocatoria por parte da Xunta se retrasou ata abril, cando o habitual é que saia no mes de febreiro. A día de hoxe aínda non se publicou a resolución das contías adxudicadas a cada municipio, polo que, de momento, tampouco se poden contratar espectáculos do catálogo deste programa autonómico, que en anteriores anualidades se utilizaba para reforzar a programación do Día do Libro e das Letras Galegas. O Concello ten solicitadas as axudas de “Ler Conta Moito” e desde a biblioteca tamén están preparando xa a documentación para o programa “Ler Conta Moito-Igualdade e Loita contra a violencia de xénero”, convocado recentemente dentro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

pactoestado

Financiación con cargo aos créditos recibidos do Ministerio de la Presidencia, Relaciones con las Cortes e Igualdad (Secretaria de Estado de Igualdad)

Share.