Os Campantes da Baña e a Xove Banda de Narón pechan o calendario musical das festas patronais

0

Este verán en San Sadurniño non houbo sesións vermú nin verbenas en ningunha parroquia co gallo das súas respectivas festas patronais. Iso non quere dicir que nas casas non se celebrasen en maior ou menor medida cumprindo as medidas preventivas. Mesmo houbo misas nos días sinalados e, coincidindo con elas, o Concello levou aos adros actuacións das bandas de música de Ortigueira e da Xove Banda de Narón, pertencente á AC Sementeira. O verán apura os seus últimos días e xa quedan só dúas citas principais: a Santa María en Bardaos deste sábado e o Biscordel de Igrexafeita do domingo 19.

O Concello non renunciou a que en todas as parroquias, malia non haber festas, se mantivese viva a tradición das “funcións” do patrón ou patroa, e por iso  coordinou cos cregos que nos días das misas principais se completase a xornada coa actuación da Xove Banda de Narón, ofrecendo un pequeno concerto no adro de cada igrexa. Foi así por Santa Isabel en San Sadurniño, polo San Cristovo en Ferreira, polo Carme en Lamas -tocou a banda de Ortigueira-, pola Santa Mariña na parroquia do Monte -daquela coa Banda do Garaxe- e, de novo coa formación naronesa, no San Roque de Naraío.

A mediados de agosto a rolda musical fixo parada en espera das dúas grandes celebracións de setembro en Bardaos e Igrexafeita.

Así, este sábado 11 ás 13:45h. -hora aproximada- está posta a actuación da Charanga Os Campantes da Baña no campo da festa de Bardaos, situado a tan só uns metros da igrexa parroquial onde ata minutos antes se celebrará a misa na honra de Santa María, un tanto solapada dun tempo a esta parte polo pagán San Pipote aínda que na parroquia sempre se coidou moito que ambos convivisen en harmonía.

Á fin de semana seguinte, a do 18 e 19 de setembro, Igrexafeita celebrará o seu Biscordel. A procesión do domingo é a que máis fieis xunta na parroquia -posiblemente sexa tamén unha das máis numerosas do concello, ou a que máis, habería que contar- e por esa razón será trala misa dominical cando actúe a Xove Banda de Narón. Farao a iso das 13:30h., aínda que o horario é igualmente aproximado e dependerá do comezo e remate da liturxia e de se haberá ou non procesión.

Tamén unha xeorruta
O domingo 19 tamén finalizará o calendario de xeorrutas organizadas polo Concello durante este verán para percorrer parte do río Castro e do Forgoselo. O itinerario -denominado Xeorruta das Pías- permitirá observar as distintas fases da formación dos bolos graníticos -grandes rochas que aparecen na paisaxe, ás veces unhas dacabalo doutras- e tamén das pías, que son curiosos buratos resultado da erosión, nuns casos pola acción erosiva de pequenas rochas, como ocorre na zona de Riolimpo, e noutros pola acción físico-química da auga da chuvia, algo que se ve claramente nas penas de Racamonde.

A ruta comezará ás 10:00h. no castelo de Naraío e, posteriormente, baixará a Riolimpo. Logo regresarase ao punto de partida e será necesario coller o coche para subir até Racamonde, lugar onde finalizará o paseo percorrendo a pista do parque eólico, salpicada a un lado e outro por distintas formacións graníticas.

A andaina é de intensidade baixa e apta practicamente para calquera idade. A inscrición, gratuíta, debe facerse a través de este formulario. Hai un límite de 20 prazas.

Share.