Os asuntos administrativos centran o pleno ordinario deste sábado

0

Un total de seis puntos compoñen a orde do día do pleno ordinario do mes de maio. Salvo os dous últimos -o de mocións urxentes e rogos e preguntas- os demais atinxen a cuestións de tipo administrativo e, máis en concreto, ao proceso de adaptación do Concello á nova lei de Contratos do Sector público. Neste sentido a corporación votará que San Sadurniño se adhira á plataforma estatal de xestión deste tipo de expedientes, así como e a constitución dunha nova  Mesa de Contratación permanente axustada ao que di a normativa.

A sesión arrancará cos puntos habituais de aprobación da acta do anterior pleno e de dación de contas das resolucións adoptadas pola alcaldía desde aquela. Deseguido entrará no apartado de debate e aprobación, se procede, dos dous puntos relativos á lei de contratos, que chegan ao pleno cun carácter de urxencia que deberá ser validado pola maioría da corporación antes de ser votados.

O primeiro deles ten por obxectivo que San Sadurniño entre formar parte da plataforma de contratación do sector público impulsada polo Ministerio de Facenda e Función pública. E é que a nova lei esixe que, para participar nas licitacións, as empresas teñen que presentar a documentación por vía telemática, o que lles esixe aos concellos dispor dunha ferramenta que permita toda a tramitación e seguimento dos expedientes. Unha ferramenta que o Estado ten xa en marcha e que pode ser utilizada por todas as administracións para xestionar os seus procedementos de contratación. Na práctica, a plataforma estatal virá substituír o actual Perfil de Contratante, que funcionou ata o momento cun aplicativo facilitado pola Xunta.

Por outra banda, a Lei 9/2017, de 8 de novembro, de Contratos co Sector público tamén inclúe outras novidades importantes, coas que se tenta traspoñer a normativa europea ao ordenamento español neste ámbito. A grandes trazos, a lei incrementa o control e a transparencia na contratación pública, especialmente no caso de entes que dependen ou que están participados por organismos públicos. Tamén se redefinen os tipos de contratación e modifícanse os seus umbrais económicos. Outro dos cambios reseñables é que o criterio de concesión puramente económico, a denominada “oferta económica máis vantaxosa”, se ve sustituído agora pola “mellor relación calidade-prezo”, que se avaliará atendendo a criterios económicos e cualitativos, como poden ser os de tipo social ou ambiental.

Ante estes cambios normativos en vigor desde o pasado mes de marzo tamén cumprirá adaptar a mesa de contratación. Así, a proposta que se levará ao pleno será a de nomear como presidente ao edil de Facenda Xesús Soto, dúas vogalías -unha ostentada pola secretaria municipal e outra pola arquitecta-, e unha secretaría da mesa, da que se encargaría unha das funcionarias municipais. Todos os cargos contarían con alomenos unha suplencia e, ademais, na mesa tamén terían representación os tres grupos políticos da corporación.

O pleno comezará ás 11.30h. e rematará cos apartados de mocións, rogos e preguntas. Unha vez levantada a sesión tamén se abrirá unha quenda de intervencións por parte do público.

Share.