Os alcaldes do eixo Ferrol-Ribadeo cualifican de “tomadura de pelo” o encontro con RENFE e a Xunta desta mañá

0

Durante boa parte da mañá de hoxe tivo lugar na sede da Xunta en Ferrol o encontro convocado por RENFE no que se reuniron representantes da entidade pública, da Xunta e dunha ducia de concellos  polos que pasa a liña ferroviaria Ferrol-Ribadeo. Enriba da mesa volveu poñerse a situación que atravesa a antiga FEVE, que continúa sufrindo cortes no servizo por mor de avarías e do mal estado da infraestrutura. Foi unha xuntanza que non achegou demasiadas novidades, máis aló de información sobre os retoques estéticos que se lle están dando aos vagóns co cambio de asentos e a instalación de máquinas expendedoras de bebidas. Os rexedores aseguran que o encontro foi “unha tomadura de pelo” e criticaron a ausencia da conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez,  cualificándoa como “unha falla de respecto institucional”. O único punto “positivo” da reunión a tres bandas na que non houbo representación de ADIF nin dos municipios gobernados polo PP foi o da constitución dunha comisión técnica composta polos concellos de Burela, Ferrol e Moeche e por representantes de RENFE e da Xunta, co obxectivo de vixiar de preto que o servizo funcione.

Segundo Beatriz Bascoy -portavoz dos 12 municipios de Ferrolterra, o Ortegal e A Mariña que si asistiron á reunión- o obxectivo da comisión é “avanzar no que aínda non se avanzou”, como por exemplo na adecuación dos servizos aos horarios con máis demanda, facer un seguimento do estado das infraestruturas e do bo funcionamento das máquinas e, en definitiva, de que se cumpran as pteicións presentadas pola Plataforma en Defensa do tren Ferrol-Ribadeo. A primeira sesión de traballo desa comisión quedou fixada para o día 31 de outubro, con participación do alcalde de Burela, Alfredo LLano, da propia Beatriz Bascoy e da responsable da área de Infraestruturas en Ferrol, María Lemos, ademais de responsables de RENFE e da Consellería de Infraestruturas e Vivenda.

Sobre o resultado da xuntanza desta mañá, Beatriz Bascoy sinala que tanto ela como o resto de alcaldes se sentiron “burlados”  e “defraudados” tanto polo escaso e “inconcreto” contido do encontro como pola ausencia no mesmo de ADIF e da conselleira Ethel Vázquez que, segundo Bascoy, “por respecto institucional debería estar”. Unha crítica que os alcaldes presentes fixeron extensiva aos seus homólogos do Partido Popular, que tampouco acudiron á convocatoria de RENFE desta mañá.

A portavoz dos alcaldes resume os asuntos tratados como “unha tomadura de pelo” por non centrarse en cuestións de fondo sobre o correcto funcionamento do servizo: “o que nos presentaron hoxe foi contarnos o que se leva feito desde o mes de xuño, nun plan de actuación do ancho métrico que, entre outras cousas, fala da renovación de asentos, do pintado da estación e da colocación de máquinas. Algo que estaría moi ben se as máquinas funcionasen. Pero non funcionan”, explica Bascoy, quen recorda a este respecto que hai tan só uns días entraron en taller tres máquinas.

Por outra banda, no encontro tamén se informou da intención de RENFE de facer unha cuantificación de viaxeiros  da antiga FEVE contabilizando canta xente sobe e baixa do tren ao longo do día. Sobre este tema Secundino García expresou o seu punto de vista: “a cuestión non é ver canta xente sobe ou baixa do tren, senón como adecuar os horarios e frecuencias ás necesidades reais da xente. Igual non é ese o interese, quizais o que busquen é xustificar con números o desmantelamento do servizo”.

Nun comunicado remitido aos medios esta tarde, os 12 alcaldes que asistiron á xuntanza en Ferrol puntualizan que “o problema de fondo” non son asuntos como os horarios e as “necesarias” ampliacións de percorridos, senón máis ben o compromiso de RENFE e da Xunta coa infraestrutura ferroviaria do norte “se RENFE e o Goberno Galego non cren nesta parte do territorio, non facemos nada. E o tempo transcorrido ata agora sen avances así o indica”. Algo que contrasta co ocorrido a principios de mes en Asturias, onde o ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, anunciou diante de Ethel Vázquez 275 millóns de euros para a mellora do servizo de cercanías nesa comunidade. “Aquí nin sequera vén”, lamenta Beatriz Bascoy.

Os concellos de Ferrol, Narón, San Sadurniño, Moeche, Cerdido, Ortigueira, Cariño, Valdoviño, Cedeira, Ribadeo, Burela e Viveiro esíxenlle á Xunta de Galicia “que non se comporte como un goberno ausente e que se faga respectar no Estado cunha aposta decidida polo transporte público e ferroviario que lle corresponde ao Norte de Galicia no século XXI”. Como aval desta demanda os rexedores municipais pechan o comunicado achegando o dato de estaren actuando en representación do 10% da poboación galega, “que merecen un tren, un transporte público ferroviario á altura e que non o teñen nin remotamente”.

Share.