Onde andan as velutinas?

0

Ninguén se explica que está pasando este ano coa avespa asiática. Despois de cinco anos coa praga in crescendo agora parece que desapareceron. Pero non, que ninguén se engane. O suceso da pasada fin de semana en Viveiro, que se saldou coa morte dunha persoa por causa, presumiblemente, das súas picadas, volve poñer de actualidade mediática un problema que segue aí, latente e quizais algo máis oculto que en anteriores temporadas. Poida que sexa cousa do tempo raro que tivemos durante esta primavera e inicios do verán, pode deberse a unha maior concienciación veciñal coas campañas de trampeo… pero o caso é que se están vendo menos ataques ás colmeas e menos niños en árbores e outras zonas elevadas. Aínda así hai que manterse alerta, xa que  a eclosión anual da praga igual está aínda por chegar. Sexa como vaia ser, nestes momentos  debemos ter moitísimo coidado cando fagamos tarefas de limpeza con rozadoras de man debido a que as colonias primarias  de velutina poden estar medrando tamén na terra.

O caso de Viveiro tivo dramáticas consecuencias, pero non foi o único exemplo de que a velutina e outras avespas poden aniñar no chan. Hai escasos 15 días un neno tamén sufriu a picada da avespa asiática na ribeira do Castro, a escasos metros de onde se estaba celebrando o festival, e hai dous anos un home recibiu varias aguilloadas no lugar de Solposto, en Igrexafeita, facendo exactamente o mesmo que a vítima de Viveiro: limpar de maleza un ribazo cunha rozadora.

Aproveitando o tempo libre e a bonanza climática, en moitas casas aprovéitase para desbrozar sen reparar en que pode ser un labor de risco por causa da velutina. Por iso, desde a Casa do Mel de Goente aconséllase “inspeccionar antes a zona onde se vaia traballar”, tal e como indica Isabel Goti, unha das responsables da entidade. A experta abelleira recomenda tamén utilizar durante a inspección previa “unha máscara de apicultura e unha vara coa que mover a herba para descubrir posibles ocos”, ademais de prestarlle especial atención ao movemento de velutinas que poida haber  pola zona.

Goti comenta que a Casa do Mel recibiu menos avisos de retirada de niños que outras veces a estas mesmas alturas do ano. Pola experiencia acumulada, o normal sería que neste tempo a vespa velutina nigrithorax estivese xa nos bicos das árbores armando as colonias secundarias e empezando a predar con dureza os colmeares de abellas. Porén, a realidade é ben distinta e as avespas asiáticas están mostrando unha actividade moi inferior. Ante esta situación de relativa calma, no mundo apícola pregúntanse se estaremos ante un retraso no ciclo vital das avespas ou, quizais, ante unha merma notable das súas poboacións por razóns ambientais ou pola efectividade dos trampeos primaverais.

Son incógnitas sen resposta polo momento, aínda que unha das opcións que conta con máis papeletas é a primeira, a da repercusión do tempo atmosférico retrasando o ciclo reprodutor da especie invasora. Se é así, e se o verán se prolonga máis do debido, cabe agardar que a velutina volva facer das súas e coa mesma forza de sempre nas próximas semanas. Neste sentido, desde a Asociación Casa do Mel de Goente e desde o Concello lémbrase que calquera niño que se atope -sexa primario ou xa secundario- debe ser notificado ao 012 ou ao 112 para que a Xunta -como responsable do plan de control e erradicación- tome cartas no asunto.

No caso de tratarse de colonias grandes ou nas proximidades de vivendas e que, polo tanto, supoñan un risco alto, tamén se pode contactar co Concello. Ademais, a área de Desenvolvemento local tamén dispón dun traxe protector especial que calquera veciña ou veciño pode solicitar na Casa da Cultura se desexa facer a retirada pola súa conta. A este respecto cómpre lembrar tamén que os niños non se deben retirar nunca de día, nin sequera utilizar o veleno contra deles antes de que se poña o sol. Hai que agardar a que sexa noite pechada e facer toda a operación co maior sixilo posible e practicamente sen utilizar luz artificial.

Unha vez se aplique o veleno desde unha distancia de seguridade, é necesario agardar uns dez ou quince minutos ata ter constancia de que non hai movemento nin dentro nin fóra do niño, que se deberá meter nunha bolsa resistente e hermética (en ningún caso hai que esnaquizar o avespeiro, posto que dentro poden quedar exemplares vivos) para, finalmente, incinerala.

Share.