“Ocultas na paisaxe”, de Sabela Pernas, pecha as estreas virtuais do último Chanfaina Lab

0

Se miramos moi de preto, pero que moi, moi de preto a pel queimada polo sol e curtida polos traballos, veremos algo semellante a vales, ríos e montañas. Veremos unha paisaxe, en definitiva, que en Galicia quizais se mostre máis agreste se sobrevoamos as mans, os pés ou as tempas de calquera muller do rural. Empregamos o verbo sobrevoar á mantenta, porque iso é o que fai Sabela Pernas na súa peza “Ocultas na paisaxe”, producida dentro do encontro audiovisual Chanfaina Lab. A realizadora pontesa -en colaboración con Ana Seijo, Raquel Enríquez e Sandra Martínez- achéganos unha mirada case microscópica ás marcas do tempo, “unha viaxe ao profundo dunha paisaxe viva, que desvela as verdadeiras -e ocultas- estruturas que sosteñen un pobo”. Velaí a ficha da curta en Fálame de San Sadurniño escrita polo profesor Manolo González.

Sabela Pernas titulouse en realización de audiovisuais e espectáculos na Escola de Imaxe e Son de A Coruña, mais tamén acadou a licenciatura de Comunicación Audiovisual na Universidade de Vigo e o máster de “Film Making” na Kingston University en Londres. Dende sempre alternou traballos no eido da industria, como editora na Televisión de Galicia ou en varias produtoras audiovisuais, coa dirección de curtametraxes documentais e experimentais coas que acadou diversos premios como os de “Xuventude Crea” de novos creadores da Xunta de Galicia en dúas ocasións (2007-2008) e seleccionadas en festivais nacionais e internacionais; algunhas das pezas poden verse na súa canle.

É cofundadora do colectivo de cineastas internacionais W.in.c films.. Actualmente compaxina o seu labor docente como profesora en ciclos formativos de Imaxe e Son coa participación en diferentes proxectos singulares como “VideodinamizArte” en colaboración coa sicóloga Ana Seijo, unha iniciativa que conxuga a creación audiovisual e a psicoloxía.

Sabela Pernas achegouse dende o veciño concello de As Pontes para participar na Chanfainalab con esta ampla bagaxe de experiencia e talento, mais cun obxectivo emocional moi meditado que marcou o punto de partida da súa peza: “Eu comecei polo principio, coa pregunta, ‘qué é a Chanfaina?‘. Ao descubrir que era un prato típico do concello, feito con vísceras, comezou a resultarme interesante a idea dos ingredientes. Órganos internos, que realizan funcións concretas e indispensábeis para o noso organismo funcione, pero que sempre están ocultas. Unín este concepto coa información acadada en “Fálame de San Sadurniño”. Alí interesáronme moito as historias de mulleres, que ao igual que as vísceras, realizan funcións ocultas, imprescindíbeis e vitais para que unha casa, familia ou pobo funcione, pero que na meirande parte das veces pasan desapercibidas. Ademais proveño dunha familia onde este tipo de mulleres está moi presente, polo que o tema tamén me tinguía dende o persoal. Así que decidinme a unir os dous conceptos e facerlles unha pequena homenaxe. Tiña tamén moi claro que me gustaría que na banda sonora soara unha zanfona. Ese instrumento conéctame coa terra e coas entrañas. Teño unha moi boa amiga, Ana Seijo, que a toca, e de feito lieina para que fixera a súa primeira banda sonora. Tamén na postprodución e os efectos visuais contei coa axuda de Raquel Enríquez, e as fermosas palabras de Sandra Martínez. Todo este proceso deume pé para explorar novas cousas na postprodución, e liar a unha amiga para que me fixera os efectos visuais da árbore. Así que no meu caso, deixeime levar totalmente pola idea de laboratorio que propoñedes e experimentei cousas novas”.

“Ocultas na paisaxe” ademais dunha reivindicación da muller é unha marabillosa metáfora visual do proceso de calquera creación social ou colectiva da humanidade e tamén da propia experiencia da Chanfainalab. A través de planos detalle moi plásticos, -case cadros abstractos-, das texturas da pel de varias mulleres de San Sadurniño, constrúese a identidade e o empoderamento da comunidade mediante o agromar dunha vizosa árbore, protectora e frondosa.

Mais sen “elas” nada sería posibel. É un grande final para a 3º Chanfaina lab; un filme rotundo, suxerinte e poderoso da prometedora cineasta de As Pontes. Como afirma a propia Sabela: “Agardo que a xente a goce e se deixe levar. É unha peza moi plástica, agardo que suxestiva, mais cunha mensaxe clara. Por iso tamén espero que a entenda todo o mundo, a interiorice e poida deixarlle algún pouso no seu corazón”. A autenticidade e o humanismo que respira a peza latexa nesa árbore viva, conformada por diversas mulleres, sensibilidades e olladas; unha arela pola diversidade que tamén procuramos no equipo da Chanfaina lab, onde tamén nos identificamos coa frase que condensa o sentir do filme: “No profundo, elas coa afouteza do brando, tecen estrutura dun pobo”.

Share.