Obxectivo: ter rozados 238 Km. de pistas municipais antes do 30 de setembro

0

O Concello mantén traballando desde hai semanas os tractores municipais co obxectivo de rozar a totalidade das pistas da súa titulariedade. Non é tarefa doada, xa que estamos falando de 238,75 quilómetros de cunetas e ribazos por partida dobre e máis aínda co verán tan atípico que estamos tendo, onde a combinación de humidade e calor favorece o rápido crecemento da vexetación ata o punto de que as zonas ás que se lles dá unha pasada rebrotan coma se nada aos poucos días. Con todo, o obxectivo da área de Servizos é ter completado o programa anual de limpeza antes do 30 de setembro posto que, ademais, así o estipula o convenio de prevención e defensa contra incendios suscrito coa Consellería do Medio Rural, cofinanciado parcialmente polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do PDR de Galicia 2014-2020. A axuda ascende a 16.262,50€, cos que se estima un alcance de 125 hectáreas de superficie.

No convenio incluíronse un total de 257 pistas e camiños municipais, que supoñen unha lonxitude total de 238.575 metros. Traducido a superficie -xa que hai que repasar 2,5 metros de ancho por cada lado da pista- obtemos que ao remate das actuacións deberán terse completado 1.192.875 m², ou o que é o mesmo, preto de 120 hectáreas de terreo.

Dito dun xeito máis gráfico: rozar as pistas de San Sadurniño é algo así como ter que limpar unha superficie equivalente á de 165 campos de fútbol de tamaño medio, coa diferenza de que no traballo que fan os tractores a superficie non é plana nin está toda xunta, senón que hai que ir desprazándose pouco a pouco, traballando os planos horizontal e vertical e, ademais, mover a maquinaria ao longo e largo dun territorio de 100 Km² e 228 entidades de poboación. Case nada.

E se a todo isto lle sumamos que o tempo está xogando a favor da herba, as silvas e os felgos, o labor de manter o todo o concello en orde de revista ao mesmo tempo convértese nunha tarefa imposible cos medios dispoñibles. De feito, hai lugares que se repasaron hai un mes escaso e que xa volven ter vexetación. Non tanta coma antes, pero a suficiente para que semelle que ás cunetas hai tempo que non se lles toca. “Estamos levando a cabo o programa de limpeza das vías coma todos os anos, pasando dúas veces polas pistas principais e unha vez por aquelas que soportan menos tráfico. Temos dous tractores traballando  desde a primavera e aínda con iso este ano, co tempo que estamos tendo, é case imposible manter a vexetación á raia. E iso pásanos a nós, aos demais concellos e incluso ás brigadas que se encargan da conservación das estradas da Xunta e da Deputación”, explica Secundino García.

O tempo está “criador”, como adoita dicirse, e se ben é un atranco nas rozas, tamén é un aliado contra os incendios. No que levamos de verán practicamente non tivemos ningún día que cumprise coa famosa regra dos 30º de temperatura, menos dun 30% de humidade e máis de 30 Km./h. de vento, que é a combinación perfecta para que un lume sexa imparable. Porén, aínda queda moito verán e os outonos están vindo cada vez máis cálidos e secos, polo que, segundo o alcalde, “o Concello ten que manter limpa a rede viaria, que fai tamén de rede de cortalumes”.

Sobre a prevención de incendios, desde o consistorio vólvese insistir na obriga de manter as distancias das plantacións forestais con respecto ás estradas e camiños. Segundo a normativa da Xunta de prevención de incendios, non pode haber eucaliptos, piñeiros e acacias a menos de 10 metros da parte exterior das pistas -a distancia redúcese a 4 m. no caso de castiñeiros, carballos e outras caducifolias-, mentres que en pistas forestais principais hai que separar as plantacións de especies pirófitas un mínimo de 4 metros desde a beira, 2 metros se se trata de frondosas caducifolias.

Os traballos de limpeza da maleza que está desenvolvendo o Concello de San Sadurniño abranguen un total de 49,4 quilómetros da parroquia de Naraío, 31,6 da de Igrexafeita, 37 Km. de pistas na parroquia de Ferreira, 19,6 en San Sadurniño, 38,6 quilómetros de Lamas, 40,1 quilómetros da parroquia de Santa Mariña do Monte e case 22 quilómetros da de Bardaos.

O convenio suscrito coa Consellería do Medio Rural en materia de roza preventiva establece que estes labores deberán estar completados o 30 de setembro, coa finalidade de ter xustificada a achega económica do FEADER -16.252,50€- antes do 15 de outubro.

xustifaxudas

 

Share.