Obxectivo: chegar ás 40 doazóns por cada mil habitantes

0

A Organización Mundial da Saúde recomenda que para cubrir as necesidades de sangue do sistema de saúde de calquera país se produzan unha media de 40 a 60 doazóns por cada mil habitantes. Non parece un número demasiado difícil de acadar para un xesto solidario que salva moitas vidas, pero a realidade é que San Sadurniño está por debaixo, moi por debaixo desa ratio. De feito, segundo os datos facilitados pola ADOS -o antigo Centro de Transfusión de sangue de Galicia- o noso concello anda en tan só 17 doazóns por cada mil habitantes. Por iso, desde a Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue e desde o Concello faise un chamamento para incrementar o número de doazóns ata, polo menos, o que marca a OMS. Para iso, un autobús desta axencia estará o mércores 5 de setembro na praza do antigo Concello pola mañá e pola tarde.

Estímase que para o sostemento do sistema público de saúde de Galicia fan falla arredor de 500 doazóns diarias e que só os hospitais precisan 10.000 doazóns mensuais para atender, como media tamén diaria, 2.700 urxencias, 500 intervencións cirúrxicas e 3 trasplantes de órganos e tecidos.

Para ser doador ou doadora hai que ter unha saúde normal, pesar máis de 50 quilos e andar nunha idade comprendida entre os 18 e os 65 anos, aínda que se somos maiores dese tope tamén podemos doar con autorización médica. Os homes poden doar un máximo de 4 veces ao ano e as mulleres 3, deixando pasar entre cada doazón un mínimo de 2 meses.

Estas normas son xerais e complétanse con outras nas que se recollen as excepcións que limitan a posibilidade de doar con carácter temporal ou permanente: se se padecen ou padeceron enfermidades transmisibles polo sangue, se fixemos unha tatuaxe ou un piercing hai pouco… mesmo está establecida a prohibición de doar para  persoas que xunten un ano de permanencia no Reino Unido entre o 1980 e o 1996.

Por este motivo é importante que a persoa doadora achegue toda a información posible sobre os seus antecedentes e sobre o seu estado de saúde, xa que o sangue doado vai destinado a axudar a recuperación de  doentes. Con todo, o persoal sanitario das unidades móbiles sempre fai unha comprobación previa de que esteamos ben e todas as extraccións son analizadas antes de incorporarse aos bancos do sistema público de saúde.

Ah, tamén é importante saber que non se pode doar inmediatamente despois de xantar, senón que debemos agardar polo menos dúas horas. Por último, é obrigado levar o DNI e informar ao persoal médico da unidade móbil se estamos tomando algún medicamento.

En caso de que calquera persoa teña algunha dúbida sobre se pode ser doante ou non, pode consultar co persoal das unidades móbiles ou nos locais de doazón (o máis próximo está no CHUF Arquitecto Marcide-Novoa Santos). Tamén pode chamar ao teléfono gratuíto 900 100 828, das 8.00 ás 22.00 dende teléfonos fixos e móbiles. Outro medio de consulta é a web da ADOS, onde se recolle grande cantidade de información sobre a doazón.

A unidade móbil da ADOS fará as extraccións en San Sadurniño o mércores 5 de setembro onde sempre, na praza do Convento do Rosario -diante do posto da Garda Civil-, entre as 9.30 e as 14.30h. e das 16.00 e as 21.00 h.

Share.