O XXX Rally de Narón pasará por Ferreira e Igrexafeita este sábado

0

148 é o número total de vehículos inscritos para a trixésima edición do Rally Cidade de Narón. Un evento automobilístico que, de novo, ten en San Sadurniño un dos seus tramos estrela, que se disputará pola mañá con saída en Soutocalvo -no fondo de Ferreira- e chegada na Igrexa, xa no concello das Somozas. Serán case 16 quilómetros de percorrido que se farán en dúas pasadas, unha a partir das 8.30h. e outra a iso das 12.00h., de maneira que o tramo estará pechado ao tráfico desde as 7.30h. ata practicamente as 14.00h.

A competición organizada pola Escudería Siroco de Narón pasará por San Sadurniño facendo o tramo de Ferreira en dirección a Recemel. Comezará en Soutocalvo e desviarase nos Pontigos cara á Chabola. Neste punto os coches deberán reducir drasticamente a velocidade para encadear tres viraxes case xuntos, antes de embalarse ata a gallada na que sempre se xuntan centos de persoas afeccionadas ao motor.

Tralo paso polo clásico cruzamento da estrada de Amido coa provincial, os coches enfiarán a baixada por Caínce, o Hedreiro, e a ponte sobre o río Xuvia que marca a entrada nas Somozas e, de novo, a condución costa arriba. O último cuarto do rally sucará Santa Cristina, a Veiga, o Porto dos Bois e finalizará preto da igrexa de Recemel.

O tráfico permanecerá cortado en todo ese traxecto desde as 7.30h. da mañá e non se abrirá entre as dúas pasadas previstas, unha para as 8.30 e outra para as 12. Cóntase que a proba -denominada TC Ferreira “Talleres Breogán” finalice despois das 13.30h. e que o tramo volva abrir a iso das 14.00h.

O XXX Rally Cidade de Narón comeza na tarde deste venres cunha especial de 1.140m. pola zona do Pazo da Cultura. O primeiro tramo que se correrá mañá será o de Ferreira (15.5 km.), seguido do de Cerdido (16.48 km) e, xa pola tarde, o de Vilachave (16.43 km.) e o de Vilaboa (16.29 km.)

Desde o Concello recoméndase precaución nos desprazamentos e que se atendan as recomendacións da organización en canto aos lugares máis seguros para seguir a proba. Da mesma maneira tamén se lle pide ao público asistente que non deixe lixo na zona.

Share.