O xurado falla os 30 premios do certame “San Sadurniño en flor”

0

Silvia Caffaro, Tania Couce e Susana Fernández. Tres expertas no mundo da planta e da flor que o pasado xoves botaron literalmente case todo o día revisando as imaxes enviadas pola veciñanza para participar no certame de paisaxismo “San Sadurniño en flor” convocado polo Concello. E non o tiveron nada doado, tanto pola cantidade como pola calidade que debían xulgar. En total solicitaron planta cerca de 140 domicilios dos que finalmente se inscribiron no concurso 110 distribuídos en tres categorías: Mellores composicións florais de exterior; Patios, peches e xardíns máis vistosos e, por último, o apartado no que se premiaban as xanelas ou balconadas máis floridas. Todos eles con propostas creativas e diversas nas que se empregou o verde facilitado de maneira gratuíta pola área de Desenvolvemento local e ao que se lle arrimaron outros elementos, como máis planta, atrezzo e incluso material de refugallo. O resultado, un mosaico variado e rechamante que se pode ver nunha galería do Facebook municipal e tamén nun mapa de Google onde aparecen os 30 premios outorgados, que se entregarán na Casa do Concello este domingo ás 12.00h. 

“San Sadurniño en flor” concibiuse como unha iniciativa coa que se quixo promocionar o engalanamento do territorio e tamén apoiar o tecido produtivo local relacionado co sector primario e coa hostalaría. Toda a a flor e planta de temporada  -ademais da que doou Vivergal- mercouse nos viveiros de aquí para logo repartila de balde entre as veciñas e veciños adheridos á convocatoria. Ademais, os premios que se entregarán o domingo tamén están compostos case ao cento por cento por produto de San Sadurniño: unha froiteira e unha oliveira galegas (de Viveiros Gudín), queixos de Lácteos O Casal e de Queixos Brigantia, Requeixo de Bardaos, unha lata de galletas ecolóxicas de nata Maruxas, pementos da horta de José Luis Sanjurjo, unha lámina dos Garabatos de Juanlu e un bono de 40€ para gastalo nos restaurantes do municipio: Casa Casal (Igrexafeita), Os Cazadores (Santa Mariña), O Ferrador (San Sadurniño), A Granxa (San Sadurniño) e Riboira (Lamas). Os seis vales que hai para cada restaurante introduciranse de maneira aleatoria en cada un dos trinta lotes.

Volvendo ao certame, o reto que se lle lanzou á veciñanza foi o de lucir os seus xardíns, patios e balcóns coa planta proporcionada, á que logo lle podían engadir a que quixesen mercar pola súa conta e outros elementos decorativos, coa finalidade de obter composicións vistosas e que, preferentemente, chamasen a atención desde a vía pública. Logo debían tirarlle varias fotos á montaxe e remitilas ao Concello para entrar no concurso, xulgado por tres profesionais do sector: Silvia Caffaro, de Viveiros Flor Galicia, a florista Tania Couce –Floristería La Feria– e a máxima responsable de Planteles Vivergal, Susana Fernández.

O xurado fixo o xoves pasado unha xornada maratoniana de mañá e tarde revisando todas as imaxes e analizando múltiples factores -estéticos, de visibilidade, de equilibrio compositivo, de composición con outros obxectos, de aproveitamento da planta facilitada polo Concello, etc.-, seguindo para iso o seu propio criterio profesional e as indicacións xerais que se deron ao inicio do certame.

“O obxectivo conseguiuse”, sinala o titular de Desenvolvemento local, Manolo Varela. “Pediron planta case 140 persoas e despois mandaron as súas fotos 110. Para ser o primeiro ano foi todo un éxito. Tamén foi unha aprendizaxe de cara á edición do ano que vén. En 2021 queremos repetir a experiencia dunha maneira máis definida e, se é posible, facéndoa cadrar coa Feira da Plantación”. O concelleiro quixo agradecer “a colaboración de todas as firmas” que se implicaron no proxecto e tamén a da xente “que quixo participar nel decorando as súas casas, co que tamén axudan, aínda que só sexa un pouco, á recuperación económica de moitos negocios locais afectados pola crise”.

Varela engade que ese foi, precisamente, outro dos obxectivos do certame: “quixemos que San Sadurniño se vise bonito, darlle un aire alegre tras dous meses confinados, pero tamén apoiar o noso tecido primario mercándolle produto e axudándolle a promocionarse. Ademais,  algúns viveiros e establecementos relacionados coa planta tamén nos comentaron que  venderan máis do habitual a raíz do concurso”.

Os premios
E agora -xa si- toca falar dos premios en cada unha das categorías, de acordo co resultado das deliberacións do xurado profesional:

Composicións florais de exterior:

  • Ana B. Rodríguez Calderón
  • David Tembrás Alonso
  • María del Mar López Bellón
  • Manuel Seco Hermida
  • Manuel Ángel López Pita
  • María Llanos Luaces Gudín
  • María Rosario Fonticoba Bellón
  • Mercedes Hermida Hermida
  • Noemi Carballido Tembrás
  • Xela Barro Deibe

Patios, peches e xardíns máis vistosos:

  • Alicia Leal Fernández
  • Ana Fernández Aneiros
  • Ana Lamas Picos
  • Ana María Iglesias Fonticoba
  • Araceli Graña Pico
  • Celsa Sabín Montero
  • Iago Lourido Calvo
  • Rosa Romero Carballo
  • Residencia Súa Casa
  • Verónica Bermúdez López

Xanelas ou balconadas máis floridas:

  • Alba Gil Castro
  • Ángeles Castro Tembrás
  • Ignacio Couce Aneiros
  • José Emilio Tuimil García
  • Ana B. Breixo Gundín
  • Loli Orjales Riola
  • María Luísa Villar Martínez
  • María Pilar Rodríguez Vergara
  • Mari Carmen García Castro
  • Mercedes Roca Cobelo

Os premios entregaranse este domingo 5 de xullo nun pequeno acto que se celebrará na Casa do Concello a partir das 12.00h. Porén, “San Sadurniño en flor” continúa, xa que as composicións premiadas poden verse pasando por cada lugar, aínda que sempre desde a vía pública por tratarse de propiedades privadas.

Para facilitar a súa localización creamos un mapa den Google Maps onde os xardíns que levaron premio se atopan distribuídos por cada categoría -hai que picar no cadro despregable da esquina superior esquerda- e, ademais, incorporáronse dúas fotos ilustrativas de cada un deles. Para ver a totalidade de participantes tamén publicamos unha galería en Facebook.

Share.