O xornalista Manolo Torrente fala en San Sadurniño de “Mauthausen, regreso ao campo da morte”

0

Manuel López Torrente é xornalista na TVG, onde leva traballando case desde os seus inicios e sempre vinculado aos espazos informativos. En 1989, coa “galega” aínda dando os seus primeiros pasos, Manolo Torrente viaxou até o campo de concentración de Mauthausen acompañado polo reporteiro gráfico Álex Adonis e o produtor Xabier Trepat para facer unha reportaxe sobre o horror do exterminio nazi a través dos recordos de Enrique Doval e Xaquín Balboa, dous galegos que lograron saír con vida daquel inferno. A peza, titulada “Mauthausen, regreso ao campo da morte”, emitiuse pouco despois na cadea pública e onte puidemos vela de novo comentada polo propio Torrente dentro da exposición “Francesc Boix, fotógrafo de Mauthausen”, organizada pola asociación ConcienciArte e a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica.  Ao acto asistiron arredor de 20 persoas que, antes do pase, participaron nunha visita guiada pola mostra da man da representante da ARMH, Mari Carmen García Rodeja.

O documental de Torrente foi unha das primeiras aproximacións audiovisuais que se fixeron en España á realidade dos deportados -case todos republicanos que se exiliaran en Francia trala guerra civil- e hoxe ten unha grande relevancia histórica por recoller en primeira persoa os testemuños e as explicacións in situ de dous supervivintes de entre os aproximadamente 179 galegos que acabaron deportados a campos nazis, a práctica totalidade ao complexo de Mauthausen/Gusen.

Tanto Enrique Doval como Xaquín Balboa hai anos que faleceron, pero quédanos o que lle contaron á cámara cunha naturalidade e temperanza inusual tratándose de vivencias que deberon ser de dureza extrema, quizais porque o cotián da morte entre os muros de Mauthausen os acabou blindando mentalmente ou quizais porque o paso do tempo acaba curando calquera ferida.

Balboa e Doval comentan no documental de Manolo Torrente as malleiras, os traballos forzados, a desesperación dalgúns que remataban o sufrimento tirándose aos valados electrificados e mesmo detalles tan sutís e reveladores do que era aquilo como o feito de chegar a agradecer como un agasallo unha pataca asada á calor dun crematorio.

“Mauthausen, regreso ao campo da morte” é hoxe un dos documentais de referencia para a recuperación da memoria histórica das 9.000 persoas españolas que acabaron en complexos nazis, aínda que tal e como precisa Torrente no guión, o número exacto é descoñecido.

Á proxección do documental asistiron unha vintena de persoas

Á proxección do documental asistiron unha vintena de persoas

O director natural da Coveluda, destaca a importancia de coñecer a historia para non repetila e recorda que neste proxecto houbo unha grande implicación persoal de todo o equipo técnico para poder contar o que ata daquela aínda estaba por contar. Neste sentido, Manolo Torrente agradeceu o traballo do camarógrafo Álex Adonis -un chileno que tamén o deixou todo atrás fuxindo do rexime de Pinochet-, o esforzo e capacidade de resolución do produtor Xabier Trepat e, por último, o labor do editor de vídeo José Pernas, “que montou comigo o documental traballando polas noites e sen cobrar un peso”.

Mauthausen, hai 80 anos 
O 8 de agosto de 1938, cinco meses despois do “Anschluss” (anexión) de Austria ao III Reich, chegaron os primeiros presos do campo de Dachau a Mauthausen. Á hora de elixir o lugar foi decisiva a súa localización nas inmediacións da canteira de granito, como tamén ocorreu co campo próximo de Gusen en 1940. Os presos foron empregados nos primeiros momentos na construción do campo e traballaron para empresa propiedade da SS “Deutsche Erd- und Steinwerke GmbH.” na produción de materiais para as obras monumentais e de prestixio da Alemaña nacionalsocialista.

A función política do campo, a persecución permanente e a detención dos opositores políticos e ideolóxicos –reais ou supostos– é a que predominou ata 1943. Mauthausen/ Gusen foi clasificado no seu momento como o único campo da “Categoría III”. Isto comportaba as condicións de detención máis severas entre os campos de concentración nazis. Nese tempo, a mortalidade foi unha das máis altas entre os campos de concentración do III Reich.

A partir de 1942/43, como en todos os campos de concentración, os presos foron empregados de forma crecente no traballo para os fins da industria bélica. Como resultado creáronse numerosos subcampos e creceu fortemente o número de presos. A finais de 1942 Mauthausen, Gusen e un pequeno número de subcampos contaban con 14.000 presos; en marzo de 1945 había en Mauthausen e nos seus subcampos máis de 84.000.

Desde a segunda metade do ano 1944 chegaron a Mauthausen transportes de evacuación con milleiros de presos, sobre todo desde os campos de concentración do leste. Ademais, na primavera de 1945 pecháronse os subcampos situados ao leste de Mauthausen, así como os campos de traballo forzoso existentes para os xudeus húngaros e os presos foron conducidos cara a Mauthausen en auténticas marchas da morte. Isto levou en Mauthausen e Gusen, así como nos subcampos aínda existentes de Ebensee, Steyr e Gunskirchen a unha absoluta superpoboación. A fame e as enfermidades trouxeron unha vertixinosa alza da mortalidade.

Antes da proxección, a representante da ARMH, Cristina García, guiou o público pola exposición

Antes da proxección, a representante da ARMH, Cristina García, guiou o público pola exposición

Entre os deportados a Mauthausen, a maioría procedía de Polonia, seguidos polos cidadáns soviéticos e os húngaros. Ademais, en Mauthausen tamén foron presos grandes grupos de alemáns e austriacos, franceses, italianos, iugoslavos e españois. En conxunto, a dirección da SS rexistrou a homes, mulleres e nenos de máis de 40 nacións. Os presos xudeus chegaron na súa maioría de Polonia e Hungría a partir de maio de 1944; as súas posibilidades de sobrevivir foron as máis baixas.

En conxunto, entre a apertura do campo en agosto de 1938 e a liberación polo exército de Estados Unidos en maio de 1945, unhas 190.000 persoas foron deportadas a Mauthausen.

Miles de presos foron mortos a golpes, abatidos a tiros, asasinados mediante inxeccións ou levados a perecer por conxelación. Polo menos 10.200 presos do campo de concentración foron asasinados mediante gas letal na cámara de gas do campo central, no campo de Gusen, no centro de execución do castelo de Hartheim ou ben nun vehículo adaptado para iso que realizaba o traxecto entre Mauthausen e Gusen. A maioría dos presos morreu como consecuencia da súa explotación como man de obra, levada a cabo sen ningún escrúpulo e acompañada de malos tratos, así como unhas racións alimentarias insuficientes, unha vestimenta deficiente e a carencia de atención médica. En total perderon a vida polo menos 90.000 presos en Mauthausen, Gusen e os seus subcampos, preto da metade deles no últimos catro meses que precederon á liberación.

Fonte: www.mauthausen-memorial.org

Share.