O virus da gripe vénnos ver. Preparémonos

0

Aí van uns cantos datos para pensar neles: no outono inverno 2018-2019 estímase que houbo 490.000 casos leves de gripe en atención primaria, producíronse 35.300 hospitalizacións por causa do virus das que 2.500 requiriron permanecer na UCI e, o máis preocupante, houbo 6.300 mortes atribuíbles á gripe. É información do Sistema de Vixilancia da Gripe en España que pon de manifesto a necesidade de tomar precaucións para evitar contaxios. A principal é vacinarse, algo que se pode facer desde hai uns días solicitando cita previa no Centro de Saúde. ¿Quen debe facelo? Mellor que se vaian “pinchar” as persoas maiores de 60 anos e calquera que se atope nos grupos onde o virus pode ser máis prexudicial, como son as nenas e nenos e adolescentes con enfermidades de base, embarazadas, quen padeza doenzas que baixen as defensas ou persoas que traballen na sanidade e en calquera outro servizo comunitario (bombeiros, policía, etc.).

Os datos sobre a conveniencia da vacina tamén nos falan de que na temporada gripal 2018/19 se evitaron coa inxección un 20% de casos leves de gripe, un 11% de hospitalizacións, un 40% as admisións na UCI e estímase que se evitaron arredor dun 38% de mortes atribuíbles ao virus.

Porén, dentro da estatística tamén hai algo preocupante: só se vacinaron o 54% das persoas maiores de 64 anos, grupo ao que se refiren todas as porcentaxes anteriores. Ese é un dos motivos de que o SERGAS estea insistindo tanto con publicidade e instando aos concellos para que lle dean a máxima difusión á mensaxe de que cómpre vacinarse.

A campaña dura desde o 14 de outubro ao 27 de decembro e este ano hai algunhas novidades, como a recomendación de vacinar bebés prematuros e persoas con calquera trastorno da coagulación, ademais da utilización de tres tipos de vacinas: unha adxuvada para persoas de 65 ou máis anos, outra tetravalente para mulleres embarazadas e para persoas de calquera outro grupo de risco con idade entre 15 e 64 anos e, a terceira -tamén tetravalente-, formulada para poboación infantil entre os 6 meses e os 14 anos.

A vacina é efectiva e, aínda que non garante protección ao cento por cento, si reduce considerablemente as consecuencias de contaxiarse co virus. Vacinarse pode supoñer a diferenza entre pasar a gripe como un simple arrefriado ou ter que botar varios días na cama con febre e malestar. Ademais, desde o SERGAS repítese, unha vez máis, que a vacina é segura -os efectos adversos son pouco frecuentes e leves- e, en contra do que moita xente pensa, a vacina tampouco causa a gripe posto que se fabrica con virus desactivados que non son infecciosos.

Xunto coa vacinación hai algunhas prácticas preventivas do contaxio: lavar ben as mans e non tocar os ollos, o nariz ou a boca se non as temos ben limpas; limpar ben na casa as superficies de contacto compartido -manillas de portas,  mobles, aseos, etc.-; tapar a boca e o nariz ao tusir ou esbirrar… E se finalmente pillamos a gripe debemos evitar o contacto con outras persoas, especialmente se presentan algún factor de risco, e quedar na casa ata pasar alomenos 24 horas sen febre e sen tomar medicamentos que a baixen.

Todas estas recomendacións encóntranse na web gripe.sergas.gal, dividida nos seguintes apartados principais:

Como previr a gripe?
Cando e onde vacinarse?
Quen debe vacinarse?
É segura a vacina?

Share.