O último Venres en Sansa! ofrece unha espectacular ruta BTT nocturna

0

O programa de lecer alternativo para a mocidade Venres en Sansa! chega este día 12 de outubro á fin da edición de 2018. Farao ofertando cinco actividades dirixidas principalmente a idades entre 12 e 35 anos, aínda que tamén se lle dará entrada a persoas que pasen dese tempo no caso de que haxa vacantes. Teremos baile moderno e salsa, malabares, zumba, parkour e, ademais, unha ruta nocturna en bici de montaña que coincide coa quedada organizada polo club Biela e Chaveta a prol da Asociación Cometa. Para este evento ciclista duns 32 quilómetros de percorrido hai dispoñibles 200 prazas e o custe da inscrición son 10€, incluíndo no prezo o seguro, uns petiscos de final de ruta e unha achega de 5€ para a asociación, que se ocupa da recollida, coidado e xestión da adopción de cans abandonados. O prazo para apuntarse na ruta de grande distancia finaliza este luns ás 23.59h. a través de galitiming.com. Para o trazado curto -e gratuíto- incluído nos Venres en Sansa! as inscricións rematan o mércores e deberán facerse, igual que para o resto das actividades, entregando a folla correspondente na Casa da Cultura ou na Biblioteca. 

A ruta de BTT ofrecerá, polo tanto, dúas opcións. A saída darase pouco despois das 19.00h. diante do colexio público e os primeiros compases serán comúns para quen participe no Venres en Sansa! e para quen se inscriba itinerario completo organizado polo club ciclista local Biela e Chaveta. A diferenza está en que no primeiro caso a ruta é gratuíta -anque sen opción aos petiscos finais- e tamén no feito de que só se percorrerá unha pequena parte dos 32.2 Km. totais seguindo pistas relativamente doadas e aptas para quen non poida asumir o nivel de esixencia do trazado total.

Biela e Chaveta leva varios días marcando indicacións e limpando pistas e carreiros forestais para unha quedada que salvará ata 350 metros de desnivel avanzando maiormente por vías sen asfaltar de San Sadurniño, Naraío, Igrexafeita, Ferreira, Moeche e Lamas. Trátase dun percorrido apto unicamente para deportistas con experiencia e o club ofrece dúas opcións de inscrición: 5€ só o dorsal -e seguro- e 10€ incluíndo uns petiscos de final de ruta e a colaboración coa Asociación Cometa. En ambos casos haberá duchas e servizo de limpeza de bicicletas.

No momento de redactar esta información, na ruta xa ían inscritas 75 persoas nun máximo de 200 prazas dispoñibles. Para apuntarse no percorrido completo hai que acudir á web galitiming.com, onde se deberá efectuar tamén o pagamento en calquera das dúas opcións elixidas.

Para a inscrición na parte gratuíta incluída nos Venres en Sansa! -rapazada e mocidade de entre 12 e 35 anos- hai que pasar pola Casa da Cultura en horario de mañá ou pola biblioteca en horario de tarde e entregar alí o mércores como moi tarde a ficha dispoñible nesta ligazón. En calquera caso, hai que levar casco e bici con sistema de iluminación e sinalización traseira, sendo recomendable tamén outro equipamento de protección ante eventuais caídas.

Outras propostas
Para o resto das actividades deste último Venres en Sansa! do 12 de outubro tamén haberá que inscribirse da mesma maneira. A oferta volve ser variada é as bicis súmaselle un obradoiro de baile moderno e salsa entre as 19.30 e as 21.30h. na Casa da Cultura e outro co mesmo horario no ximnasio do colexio para aprender malabarismos.

A segunda metade da noite -de 21.30 a 23.30h.- estará ocupada polo zumba no ximnasio do CPI e pola iniciación ao parkour nos arredores da Casa da Cultura.

No programa implicáronse os departamentos municipais de Cultura, Deportes, Mocidade, Igualdade e Desenvolvemento local que nesta cuarta edición dos Venres en Sansa! iniciada en xuño volveron contar coa colaboración do club BTT Biela e Chaveta, do Club Brío e do CPI de San Sadurniño.

Share.