O último pleno ordinario aproba a modificación do Plan Económico e Financieiro

0

A Casa do Concello acolleu este venres pasado a última sesión ordinaria do pleno municipal. A convocatoria incluía na súa orde do día un total de oito puntos que, a priori, eran cuestións de trámite: a aprobación de actas, a da conta xeral de 2018, a incorporación ao inventario municipal dun camiño, os cambios na ordenanza de expedición de documentos e, sobre todo, a modificación do Plan Económico e Financieiro aprobado a principios de ano para introducir os parámetros de cálculo comunicados pola Consellería de Facenda. Foi este asunto -o 3º da orde do día- o que xerou máis debate, non tanto pola modificación en si como polo trasfondo da normativa que obriga aos concellos a restrinxir o seu nivel de investimento malia estar saneados economicamente, como é o caso do de San Sadurniño. A cuestión saiu adiante cos votos favorables de BNG e PSOE, mentres que o PP optou pola abstención. O outro apartado que centrou tamén boa parte dos 63 minutos que durou a sesión foi o dos rogos e preguntas.

Trala aprobación por unanimidade da acta da anterior sesión, o primeiro asunto que se tratou foi o da conta xeral de 2018, que pasou o trámite de exposición pública sen ningún tipo de alegación e que, unha vez no pleno, foi aprobada cos votos favorables de BNG e PSOE e a abstención do Partido Popular.

O seguinte asunto -e punto central da sesión- foi o da modificación, por solicitude da Xunta de Galicia, do Plan Económico e Financieiro 2019-20 aprobado a principios de ano. Os PEF xorden da  Lei de estabilidade presupostaria e sustentabilidade financeira aprobada en 2012, na que se introducen límites económicos para todas as Administracións Públicas. En base a distintos cálculos, o que di a normativa -a grandes trazos- é que os municipios non poden superar certos límites de gasto establecidos por lei aínda que teñan recursos de sobra para investir e, de facelo, deberán acometer plans de axuste nos seguintes exercicios que corrixan as desviacións orzamentarias. Iso foi o que se fixo na sesión plenaria de marzo co voto favorable dos tres grupos para corrixir o incumprimento do ano 2017, cando se fixeron investimentos utilizando os remanentes de tesouraría que o concello tiña dispoñibles. Porén, a Xunta de Galicia -organismo encargado da tutela das contabilidades municipais- comunicou a necesidade de modificar o contido do documento, algo que se fixo este venres con apoio de BNG e PSOE e a abstención popular.

Na exposición de motivos, Manolo Varela -actuando como portavoz do Grupo de Goberno en ausencia de Mari Carme Muíño- criticou que a normativa sobre o teito de gasto se lle aplique “por igual” a municipios “saneados e non saneados” e mostrouse esperanzado en que o novo goberno estatal acometa unha modificación da lei para favorecer que os concellos con recursos poidan investir sen restricións.

Tras esta primeira quenda, o PSOE só preguntou se a modificación tería incidencia na liquidación de salarios pendente de facerlle a un funcionario municipal. O Grupo de goberno aclarou a este respecto que non existía relación do plan cos soldos do persoal. Pola súa banda, o PP queixouse que o asunto non viñese acompañado dunha proposta da alcaldía. O executivo local indicaríalle, tamén minutos despois, que neste caso non é preceptiva proposta da alcaldía posto que o Plan Económico e Financieiro é un informe que emana directamente da Intervención municipal.

Xa dentro do argumentario, o PP asegurou que en 2018 “fixéronse as cousas mal, na liquidación de 2017 incumpriuse a regra de gasto e a establidade orzamentaria” e que o PEF debería terse aprobado para o exercicio 2018-19 e non para o ano 2019-20. Esther Díaz acusou ao goberno local  de “mentir” apuntando  que o executivo asegurou en 2018 que o PEF se aprobaría en tempo e que a súa tramitación “fóra de prazo” -en marzo deste ano- non tería consecuencias. Para o PP, como resultado “da mala organización”, agora o consistorio debe adoptar “un acordo de non dispoñiblidade de créditos” que, segundo o PP, inmobilizará “varias partidas de 2019” por valor de algo máis de 120.000 euros deste ano que “son intocables”.

Secundino García tranquilizou á Díaz Vergara indicando que o exercicio de 2019 “de facto está pechado” e insistindo en que a aplicación do plan “non ten consecuencias prácticas para San Sadurniño”. O rexedor tamén insistiu en que os PEF “son resultado dunha lei inxusta que todos os concellos queren cambiar”. García confirmou con datos a saúde económica municipal indicando que a 31 de decembro de 2018 “tiñamos 900.000 euros en bancos e agora temos 1.500.000 euros, e por esas leis que fai a ultradereita económica, ademais de rescatar os bancos e non cobrarlles, fórzase a 8.000 concellos do Estado español a ter cartos nos bancos e non podelos gastar. Quen está facendo o negocio do século é a banca cos cartos dos impostos da xente, cartos que estarían mellor investidos en servizos”.

Secundino García tamén xustificou que o plan corrector de 2017 non puidese presentarse en 2018 aludindo á “carga de traballo” do persoal administrativo, motivada pola actual complexidade “da burocracia” sobre a rendición de contas, pero tamén pola baixa laboral do Secretario-Interventor e polo necesario período de adaptación da súa substituta e que, malia isto, lográronse corrixir os retrasos que había na contabilidade. García zanxou o debate volvendo sobre a saúde económica municipal: “o incumprimento é debido á utilización do remanente” e explicou que “tecnicamente” se pode  incorrer en desequilibrio presupostario “por exemplo, porque as obras dun POS as executas na anualidade seguinte, pero iso non quere dicir que o resultado orzamentario sexa negativo, porque, se o fose, o Concello tería menos cartos que cando se iniciou o exercicio, e temos máis”.

“Entendino perfectamente, non cumprimos a lei porque a lei non é xusta… e nós cumprimos só as que son xustas”, ironizou Esther Díaz nunha breve réplica á que Secundino García lle retrucou: “Para min a xustiza está por riba da lei, que che quede claro. No franquismo tamén había leis, pero eran inxustas. Se hai unha lei  que non che permite gastar cartos aínda téndoos, eu prefiro incumprila  para non crear unha inxustiza”.

O punto saiu adiante cos votos favorables do BNG e do PSOE e a abstención do PP. A continuación a unanimidade instalouse brevemente no salón de plenos para darlle o visto e prace á modificación do inventario municipal de cara a incorporar nel un tramo de 40 metros de camiño situado no Pico de Ferreira e tamén para aprobar varios cambios na ordenanza T-4, reguladora dos prezos públicos pola expedición de documentos. Entre outras variacións están a supresión da obriga de pagar por trámites que agora se poden facer a través da Sede Electrónica, tamén a supresión da taxa por empadroarse no municipio e, sobre todo, o aumento dos importes pola sinatura dos contratos coa Administración local.

A recta final do pleno abriuna unha moción presentada polo PP na que se reclamaba a condena dos “actos violentos realizados nos últimos días por elementos radicais en Cataluña” e o “apoio incondicional ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, así como á Policía Autonómica catalá polo seu traballo impecable”. O portavoz do PSOE indicou que sempre se debe recoñecer o traballo do persoal público, pero puntualizou que neste caso “é momento de diálogo” e non de “sementar crispación” con mocións como a lida por María Belén Trigo. Neste sentido Lois Anxo Rodríguez anunciou o seu voto contrario ao texto, igual que fixo o grupo municipal do BNG ratificando a exposición de Rodríguez.

Rogos e preguntas
Case a metade do pleno do venres estivo ocupada polo apartado dos rogos e das preguntas. Lois Anxo Rodríguez recordou a necesidade de acceder á documentación preparatoria dos plenos por vía electrónica. Secundino García indicou que os expedientes se porán a disposición de todos os grupo a través da plataforma Notifica de cara a garantir a seguridade do envío e tamén a certificación da súa recepción. O PP propuxo como rogo que se poña a disposición de Servizos Sociais a vivenda municipal rehabilitada en Bardaos para posibles casos de emerxencia. O alcalde aceptou trasladarlle a proposta ao departamento para que avalíe a súa conveniencia e necesidade obxectiva.

A quenda das preguntas abriuna o PSOE preguntando sobre a posibilidade de que os grupos da oposición participen na negociación da RPT que nestes momentos se está levando a cabo no Concello. O alcalde sinalou que “non hai ningún inconveniente” en que o resto de grupos teñan acceso á documentación, entre outras cousas porque se trata dun asunto público.

O PP interesouse polas dificultades que teñen os autobuses para xirar na nova rotonda ao pé do centro de ensino e pedindo unha solución para o problema. O alcalde respostou que a rotonda debería ter máis radio, pero que iso obrigaría no seu día a expropiar terreos e que a situación se debe máis a vehículos mal estacionados que ao propio deseño da glorieta. María Belén Trigo comentou tamén que a algunhas familias beneficiarias das bolsas escolares se lles ingresara unha maior contía que a correspondente e que agora tiñan que reingresalas nunha conta do Concello “sen poñer o concepto”. Un extremo que, segundo Secundino García, se debeu a un erro administrativo que lle afectou a “tres ou catro casos” e que dos trámites relacionados con esa devolución se encargan directamente os servizos administrativos.

O PP inquiriu na súa quenda ao executivo  sobre cantas obras están pendentes aínda do POS, habida conta de que queda “un mes” para que finalice o ano. O alcalde repasou mentalmente as que están xa executadas e as que están iniciadas pero non rematadas, puntualizando que aínda hai de prazo ata xuño de 2020 para rematalas. En relación co tema viario, o grupo popular tamén preguntou se se arranxaran os problemas de asolagamento nunha vivenda da Praza, en Ferreira, e solicitou que se detallasen as reparacións que se fixeron na Avenida Marqués de Figueroa, publicados na web municipal o pasado 21 de novembro referíndose a un reaglomerado efectuado preto da Capela do Belén. Secundino García explicou que ademais dese, aínda faltan por amañar o acceso a dúas vivendas e o paso peonil de diante do CPI, dos que se encargará a empresa adxudicataria dos aglomerados previstos entre Santa Mariña e Bardaos e en Amido.

Share.