As obras do Luis Ksado 2022 ocupan estes días a galería do Concello

0

O espazo expositivo da Casa do Concello acolle as series máis destacadas da pasada edición do Premio Luis Ksado de creación fotográfica convocado pola Deputación da Coruña. Son traballos de Sergi Cámara, Arturo Rodriguez, Belén Lozano, Carlos G. Ximenez, Fuco Reyes e a ganadora, a colección fotográfica “Lume”, do fotoxornalista ourensán Brais Lorenzo. Lume é unha serie de imaxes que recollen con grande dramatismo visual a traxedia dos incendios forestais. Un tema que Lorenzo aborda, tal e como asegurou o xurado do premio, “visualizando o drama humano e ecolóxico na liña do máis puro fotoxornalismo, onde a narrativa visual enfatiza ás persoas que viven momentos de tensión”. Podemos visitala en San Sadurniño ata o día 16 de marzo de de luns a venres entre as 8:30 e as 14:30h. A mostra inclúe

O xurado quixo destacar a actualidade e vixencia da colección, que aborda desde dentro o drama dos lumes que arrasan cada ano centos de hectáreas -e incluso levan vidas-, como consecuencia do cambio climático, do despoboamento do campo e da irresponsabilidade dos pirómanos.

O fallo subliña ademais “a capacidade do autor para narrar visualmente unha historia en imaxes, xa que a colección ten unha narrativa exquisita que mostra unha proximidade física ao tema non só nos momentos do incendio, senón despois, as consecuencias; funciona moi ben como serie pola súa coherencia, ademais cada foto é unha historia por se mesma; son fotos moi expresivas.

Brais Lorenzo é técnico Superior de Fotografía pola Escola de Arte Superior e Deseño Antonio Faílde de Ourense e graduado en Xeografía e Historia pola Universidade de Vigo. Desde o ano 2010 traballa como colaborador da Axencia EFE e do xornal Faro de Vigo. Realizou fotografías para outros medios de comunicación como El País, El Mundo, La Vanguardia, ABC, Público, RTVE, Eldiario.es, La Marea, Nós Diario, Revista Luzes, The Guardian e axencias como AFP, AP ou Anadolu, ademais de realizar diferentes traballos institucionais.

Traballou con ONGs como Greenpeace, WWF e na actualidade colabora co departamento de comunicación de Cruz Vermella. Algúns dos seus traballos foron incluidos en diversas exposicións fotográficas, como a Art & Photo Exhibition (Adís Abeba, Etiopía), para a ONG Sara Canizzaro Child Minders Association; Realidade absoluta, na Galería Geraldes dá Silva (Oporto, Portugal); Rande: pé ou refuxio do Capitán Nemo, no centro cultural A Nacional de Manhattan (Nova York, EEUU); Building a New World, na Academia Albertina de Belas Artes (Turín, Italia); Antropoloxía Visual dunha Sociedade Confinada, no Museo Etnolóxico, (Ribadavia, España); Galicia en Vilo, na Sede Afundación (A Coruña, España); At the Scenes of the Pandemic, no Museo Nacional de Historia Contemporánea (Seúl, Corea do Sur) ou A Vía da Prata. Aires do sur, no Museo Centro Gaiás (Santiago de Compostela, España)

Ademais do Luis Ksado 2022, Lorenzo conseguiu nos últimos dez anos máis dunha trintena de recoñecementos entre mencións e premios, entre eles o Ortega y Gasset de xornalismo, o News Photo Awards ou o Galicia en Foco.

Convocatoria do XVII Premio Luis Ksado
A exposición do Luis Ksado 2022 inclúe tamén as series finalistas, obra de Sergi Cámara, Arturo Rodriguez, Belén Lozano, Carlos G. Ximenez e Fuco Reyes. A súa estadía en San Sadurniño coincide no tempo coa apertura do prazo para presentar obras á edición do premio, aberto á participación de todas as persoas maiores de idade interesadas no campo da fotografía e que non fosen premiadas nas tres edicións anteriores do premio. Por outra banda, as obras presentadas tampouco poderán ter sido premiadas en ningún outro concurso.

As fotografías deberán compoñer unha serie dun mínimo de seis e un máximo de doce, en formato de 30 x 40 cm. As copias hai que achegalas sen ningún tipo de montaxe ou enmarcado, en cor ou branco e negro e inscribiranse no campo do fotodocumentalismo, fotoxornalismo ou reportaxe en xeral.

O prazo de presentación está aberto ata o 31 de maio de 2023. A Deputación da Coruña ten en marcha outras oito convocatorias de creación artística en distintos ámbitos: o XVIII Certame de Arte Isaac Díaz Pardo, o XXI Premio Rafael Dieste de textos teatrais, o XVII Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil, o XVIII Premio Castelao de banda deseñada, o Torrente Ballester de narrativa, o Manuel Murguía de ensaio e o Begoña Caamaño á acción cultural pola igualdade de xénero. Desde finais do pasado ano tamén permanece aberto o prazo do concurso “Quero Cantar” de música infantil e xuvenil e o calendario completarase coa convocatoria, en vindeiras semanas, do Andrés Núñez de arte gráfica e dous premios máis de música: o Andrés Gaos de composición musical e o Fran Pérez ‘Narf’ para artistas e grupos musicais.

Hai máis información no BOP e na web da Deputación da Coruña.

Share.