O trofeo municipal de volei marcha para Lugo

0

O Emevé Lugo levou para a casa o XVI Trofeo de volei Concello de San Sadurniño tras un intenso partido contra o equipo anfitrión que se resolveu en catro sets. Malia perder a final contra un conxunto que tamén loitou hai escasos meses polo ascenso, a escuadra do Aldebarán deixou na afección unha boa impresión, a falta de facer algúns axustes que tiren todo o potencial dos xogadores e que, ademais, consigan unha perfecta sincronización das novas fichaxes dentro da maquinaria azul.

As eliminatorias desta mañá xa deixaron ben claro quen eran os favoritos, cun Emevé que se impuxo por 3-0 ao Dumbría no primeiro encontro e un Intasa que fixo o propio cun combativo Rotogal Boiro que, por dúas veces, estivo a piques de torcerlles os plans aos discípulos de Charly Suárez.

O partido entre lugueses e fisterráns escorouse desde o inicio cara aos primeiros, que marcaron o ritmo nos tres sets e con resultados finais cómodos. Máis correudos mostráronse os de Boiro perante os anfitrións. A escuadra azul -vestida coa equipación vermella- tivo que empregarse a fondo para mantelos atados en curto e evitar que se lles aproximasen no marcador.

Porén, o Rotogal aproveitou ben os erros contrarios e mostrouse efectivo nos bloqueos, apretando a puntuación máis do agardado polo equipo local que, malia todo, soubo controlar a situación. No último set o conxunto visitante mesmo chegou ir por diante cunha diferenza de dous puntos -15/17-. algo que se encargarían de reverter os trallazos de Blanco -despois de baixar un chisco o punto de mira-, a resolución de Peralta mandando balóns desde media pista ou os traizoeiros saques de Baranov e Fran Fernández, ademais da solvencia de Kobcev e Parga na rede e a de Pakito, coma sempre, chegando a todo no medio da cancha. Resultado final do segundo encontro: 3-0.

Trala parada de mediodía, a actividade no pavillón retomouse ás 17.00h. na loita polo terceiro e cuarto posto. Batéronse o Rotogal e mailo Dumbría, e fixérono coma se dunha grande final se tratase. A superioridade dos da Costa da Morte fixo presupoñer nos dous primeiros sets que o partido sería cousa dunha hora como moito. Pero, para a súa sorpresa, o Rotogal soubo reaccionar e no terceiro parcial exhibiu un xogo máis efectivo co que logrou deixar os rivais a 9 puntos de distancia. Con 2 a 1 no marcador, o Dumbría empeza adiantándose e os de Boiro volven meter a directa para non deixalos escapar ata empataren con eles no 11º tanto. A partir de aí, loitando cada punto, o equipo eliminado pola mañá polo Sansa consegue levar o set e forzar un tie-break que se empezou a xogar pretiño xa das sete da tarde, hora para a que estaba posta a final. Repetiuse a tónica dos dous sets anteriores, con tantos moi disputados que ían incrementando equitativamente os contadores na procura do máxico número 15, ao que chegou primeiro o Dumbría.

A loita polo trofeo empezou con arredor de media hora de retraso, aínda que pouco importou despois da entretida sesión ofrecida por Boiro e Dumbría e polo feito de que, ademais dun torneo preparatorio de cara ao arranque ligueiro, tamén era unha homenaxe a Óscar Prieto “Postu”, promesa do volei local formada na canteira do Aldebarán que faleceu prematuramente o pasado mes de xullo. Malia non formar parte do equipo nesta temporada, o grande en todos os aspectos Saulo Costa veu desde o Brasil para xogar o partido, enfundado na camisola co nº3 e o nome de Óscar.

O Intasa saltou á pista disposto a deixar o trofeo en San Sadurniño. Os primeiros compases do partido daban a impresión de que ía ser así. De feito, o set inaugural foi para os da casa de forma incontestable e o segundo arrancou do mesmo modo, aínda que ao pouco empezou a torcerse, máis por deméritos propios que por méritos contrarios (anque tamén os tivesen, e moitos). O resultado final, 21-25 a pesar dun esprint final que facía pensar nunha remontada que lles dese tranquilidade aos de Charly Suárez.

No marcador do municipal figuraba un set para cada escuadra. O terceiro parcial clavou o resultado do anterior, 21 a 25 e o cuarto e derradeiro, case, xa que tamén marchou para lugo -igual que o trofeo- por 20 a 25 tantos. Malia o resultado dos sets, o Aldebarán-Intasa exhibiu o seu potencial de cara a unha esixente temporada que arranca na casa o próximo 13 de outubro. Os reforzos deste ano mostraron actitude e aptitude, destacando pezas como Baranov ou Bastian Peralta, este último un auténtico monstro voador con grande potencia de saque e difícil de deter nos golpes preto da rede. Aprobado alto para todos, aos que só lles quedou a espiña de non poder adicarlle tamén a victoria a Postu.

Share.