O Tribunal Superior confirma a sentenza do Contencioso sobre a sanción a un funcionario municipal

0

O Concello acaba de recibir a comunicación do fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia relativo á apelación contra unha sentenza anterior ditada polo Xulgado do Contecioso-Administrativo de Ferrol ao respecto da sanción imposta a un funcionario municipal pola comisión dunha falta moi grave. O escrito do Superior cita na exposición de fundamentos xurídicos que, efectivamente, o funcionario -extesoureiro municipal- incorreu en incompatibilidade ao manter o seu posto como liquidador da extinta Cooperativa de San Sadurniño ao tempo que traballaba no Concello, feito acreditado polo Contencioso e constitutivo dunha falta moi grave que a Administración local sancionou impoñéndolle ao funcionario público 3 anos e 1 día de suspensión de emprego e soldo. Unha sanción que o xulgado ferrolán substituíu polo “demérito”, é dicir, a degradación na súa categoría profesional, coa conseguinte redución substancial nos seus complementos retributivos . A sentenza acaba de ser ratificada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. O Concello estuda a posibilidade de presentar un recurso de casación perante o Tribunal Supremo e desde o executivo local lémbrase que a sanción ao extesoureiro se manterá mentres non haxa sentenza firme ou ata que se complete o prazo de 3 anos e 1 día indicado pola funcionaria provincial que levou todo o expediente onde se reflicte a gradación da sanción imposta.

O Concello abriulle expediente disciplinario ao traballador municipal ao detectar que podería estarse dando unha situación de incompatiblidade entre o seu posto de funcionario -e tamén Tesoureiro municipal naquel momento- e a súa actividade privada como liquidador da Cooperativa de Explotación en Común de San Sadurniño. Porén, ao expediente tamén se incorporou unha posible falta administrativa motivada polo acceso do funcionario a información catastral protexida dun particular sen que houbese ningún procedemento municipal que xustificase ese acceso que, posteriormente, lle suporía unha sanción ao Concello por parte da Axencia Española de Protección de Datos.

O expediente disciplinario instruiuno unha funcionaria da Deputación Provincial que, ao cabo, ditaminou que o funcionario cometera unha falta moi grave no relativo á incompatibilidade. A instrutora tamén propuxo como sanción que o traballador fose suspendido de emprego e soldo durante 3 anos e 1 día. Unha medida que o Concello adoptou a finais de 2016 seguindo o seu ditame. “O Concello actuou segundo o que dixo a instrutora do expediente, que é unha funcionaria imparcial e allea ao propio Concello”, comenta Secundino García.

Durante a tramitación, a instrutora tamén recomendou sacar a parte referida á vulneración da Lei de Protección de Datos e que os feitos se puxesen en coñecemento da Fiscalía, quen logo os uniu á denuncia que paralelamente presentara a persoa titular dos datos protexidos e supostamente vulnerados. Este segundo asunto seguiu o seu propio camiño pola vía penal e tamén se encontra arestora na Audiencia Provincial da Coruña a instancias da afectada.

Entre tanto, o funcionario -que continúa suspendido de emprego e soldo a día de hoxe- recorreu a sanción imposta polo Concello a raíz da incompatibilidade, presentando para iso un recurso perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ferrol. Este órgano confirmou na súa sentenza que o funcionario cometera unha falta moi grave, ademais de avalar o xeito en que se levara a cabo todo o procedemento de instrución.

Porén, o Contencioso tamén estimou que a sanción imposta debería ser “o demérito” -o cambio na súa categoría profesional por outra inferior e a conseguinte redución salarial no complemento de destino -e non a suspensión de emprego e soldo. Neste sentido, o Concello recorreu o pronunciamento do xulgado perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que hai escasos días ratificou a postura do Contencioso indicando como máis acaída a degradación do funcionario que a súa suspensión.

Agora ábrese un prazo de 30 días para acudir a unha instancia superior, que neste caso sería o Tribunal Supremo, a través dun recurso de casación. Desde o executivo local informan que neste momento os servizos xurídicos “están estudando os pormenores do fallo do TSXG” de cara a presentar o recurso “en defensa do interese público”. Secundino García recordou que a Administración local “seguiu escrupulosamente todos os pasos que había que seguir para atallar unha situación anormal que confirmou tanto o Contencioso como o Tribunal Superior. O funcionario cometeu unha falta moi grave, iso está demostrado xudicialmente, e o que se está discutindo nos tribunais é se a sanción que se lle impuxo é ou non é axeitada de acordo coa gravedade da infracción que cometeu. En calquera caso, o Concello limitouse a aplicar o ditame da instrutora independente que levou toda a investigación”.

O alcalde lembra que a sanción de demérito “é unha das máis suaves que poden impoñérselle a un funcionario que cometa unha falta tipificada como moi grave” e tamén engade que “nun Concello pequeno coma o noso” esa sanción “sería inaplicable” debido a que, segundo precisa Secundino García, “na relación de postos de traballo non hai definida ningunha categoría inmediatamente inferior á ocupada polo funcionario, polo que a degradación por demérito non sería factible e correríase o risco de que a falta quedase impune”.

García apunta, por último, que o Concello “acepta as resolucións e sentenzas xudiciais, como non podía ser doutra maneira, pero tamén ten o deber de despexar dúbidas esgotando todas as vías ata obter unha sentenza firme. Como cargos públicos temos encomendado velar polo interese público e defender a institución por riba de todo. Para nós, e penso que tamén para o resto da veciñanza, sería difícil de entender que un funcionario público poida cometer unha falta moi grave e que despois a sanción lle quede en nada ou nun castigo simbólico”.

 

Share.