O Sons na Cortiña vence á tronada

0

Este domingo amenceu soleado e sen rastro de nubes no ceo. Xornada que convidaba a botarse fóra para aproveitar o día ao aire libre na praia, na piscina ou, como fixeron unha chea de familias, disfrutando de merendada, xogos e boa música no III Sons na Cortiña. O festival organizado pola área de Cultura logrou xuntar numeroso público á beira do Xuvia, especialmente para os concertos da tarde. E iso que o ceo se encapotou na sobremesa e descargou auga en abundancia, axudando a refrescar un ambiente de calor abafante e pegañenta. A ninguén pareceu importarlle moito dentro da carpa, na compaña de The Kids Band, das espectaculares De Vacas e do mellor reggae estatal traído por Natural Green. O Sons rematou cerca das 22.00h. e con el unha fin de semana intensa no contorno do arboreto de especies autóctonas da Cortiña.  

Os únicos que safaron da auga foron os compoñentes da Orquestra Os Modernos, que animaron a sesión vermún do Sons na Cortiña cun catálogo de pezas “modernas” para o primeiro terzo do século XX, cando os indianos retornados e a prosperidade económica propiciaron a chegada a Galicia de ritmos de ultramar que non tardaron en mesturarse cos propios. Sobre o escenario, músicos de grande talla, como Alonso Caxade ou Paco Nogueiras, e unha ambientación propia do que deberon ser as festas daqueles anos: traxes á medida, chalecos, tirantes, lazo… e funil como único amplificador para presentarlle as pezas ao público expectante.

Mentres, a maior parte da rapazada aproveitaba para xogar por fóra cos enredos que había ciscados pola campeira -dinosauros de madeira, a rá, catro en raia, crebacabezas 3D, tirafondas, etc.-, pero tamén para facer chapas e camisetas con Gazapo ou aprender malabares e circo coa xente de Circus Magníficus que despois, en plena treboada vespertina, ofrecerían un espectáculo cargado de humor e números imposibles.

A auga tamén obrigou a trasladar a unha das dúas carpas o tatami de loitas de sumo. Metidos e metidas nun grande traxe acolchado que protexía -e tamén limitaba os movementos- os nenos e nenas colléronlle gusto rapidamente aos combates de risa que aínda daban máis risa cando os que loitaban entre si eran os maiores.

O apartado musical da tarde abrírono The Kids Band cerca xa das 19.00h. Son tres rapazolos de Ferrol que lle renden tributo a grupos de todos os tempos, pero con querencia polo pop e rock dos 70, 80 e 90. Coke, Lucas e Ricky triunfaron coas súas versións de temas de Los Secretos, John Lennon, Tequila, Hombres G ou The Beatles, ademais de arrastrar canda si unha boa lexión de fans.

Tras deles subiron ao escenario De Vacas, sen dúbida o grupo revelación da música galega nos últimos tempos. Son Paula Romero, Inés Salvado e Faia Díaz, tres mozas con voces prodixiosas e case indiferenzables que se acompañan da guitarra de Guillermo Fernández para versionear “grandes temas venerados polas masas e maltratados pola historia” de artistas tan insignes como as Spice Girls, Michel Teló, PSY, Enrique Iglesias ou Luis Fonsi, de quen cantan o seu particular “Amodiño”, mellorando sen dúbida a melodía orixinal.

Retranqueiras e picantes, De Vacas ofreceron un espectáculo dunha calidade musical excepcional salpimentada cun humor desinhibido e desinhibidor que provocou gargalladas tan sonoras coma os aplausos. Gustaron, e gustaron moito. De feito, ao remate do concerto gastaron máis dun cuarto de hora en asinar discos e en retratarse con quen quixo gardar un selfi de recordo.

O peche musical da tarde -e do III Sons na Cortiña- foi cousa de Natural Green, un grupo ferrolán -aínda que dous dos compoñentes teñen raíces en San Sadurniño- que se mantén fiel á esencia do Reggae. Comezaron en 2009 sendo cinco membros e hoxe son case unha decena. Neste tempo levan percorrido e triunfado nunha chea de festivais, entre eles o Rototom Sunsplash, considerado o máis prestixioso de Europa. Aseguran que a súa música pretende “plasmar a vida tal e como a coñecemos e intentar cambiar o que cremos que está mal na sociedade”.

O Sons na Cortiña naceu en 2015 como festival musical para a xente nova e como continuación nocturna da Feira Rural. Porén, o ano pasado o Concello optou por desdobrar os dous eventos na última fin de semana de agosto, de xeito que o Sons pasase ao domingo cunha programación de seu e ampliada arredor do eixo principal da música.

O festival é unha iniciativa da Concellaría de Mocidade que conta con finanzamento da Deputación da Coruña e a colaboración da asociación cultural AC/DZ. A titular de Cultura e Mocidade, Sabela Cinza, cualificou a edición deste ano como “un éxito” a pesar de que o tempo “non foi o mellor, nin por tanta calor como fixo nin pola chuvia que nos acompañou durante case toda a tarde”. Aínda así, Cinza destaca que o resultado alcanzado “anima a continuar en próximas edicións”.

E a próxima fin de semana, Chanfaina
E case sen deixar alentar, o departamento de Cultura xa nos propón para a primeira fin de semana de setembro a cuarta edición do Chanfaina Lab. O encontro cinematográfico que ten como obxectivo promover a creación, a aprendizaxe e a experimentación audiovisual tomando como principal referente o territorio de San Sadurniño. A lista de asistentes  reunirá realizadores e realizadoras do municipio con xente de fóra e longa traxectoria e reputación no mundo audiovisual.

O Chanfaina deste ano desenvolverase desde este venres 1 ata o domingo 3, e amplía o seu catálogo de actividades con máis proxeccións e un apartado formativo impartido durante o venres pola xornalista transmedia María Yáñez e polo realizador Juan Lesta. Pola mañá Yáñez ensinará na Casa da Xuventude como facer memes para as redes sociais, mentres que pola tarde Juan Lesta ofrecerá un curso acelerado de montaxe de vídeo con dispositivos móbiles. Para cada unha das accións formativas hai 15 prazas. As inscricións poden facerse a través do teléfono 616 016 793.

O programa complétase coas proxeccións da Eira de Cineastas -curtas feitas polos participantes- na tarde do venres (20.00h., Casa da Cultura), cun pase de cinema rural portugués comentado polo realizador luso Carlos Viana (sábado, 20.00h., Casa da Cultura) e cunha clase maxistral no mesmo espazo impartida o domingo ás 17.00h. por Óliver Laxe, autor de filmes tan premiados como Mimosas ou Todos vós sodes capitáns. Estas tres actividades son gratuítas e con entrada libre.

O Chanfaina Lab está organizado polo Concello de San Sadurniño, coa colaboración económica da Deputación da Coruña e a loxística das asociacións veciñais de Santa Mariña do MonteXuntanza de Lamas San Pipote de BardaosPico de Ferreira e Aula Cemit.

 

Share.