O Sons na Cortiña pecha unha nova edición marcada polo bo tempo

0

O sol foi un dos grandes protagonistas dunha xornada de música e actividades ao pé do Xuvia encadradas na cuarta edición do Sons na Cortiña. O evento organizado pola área de Cultura e Mocidade ofreceu desde o mediodía propostas para toda a familia nun entorno que, co día que facía, animou a desfrutar do aire libre e dun cartel onde se xuntaron obradoiros para a rapazada, humor e concertos con estilos moi diferentes.

O programa arrancou sobre as 14.15h. coa sesión vermú animada polo grupo tradicional De Ninghures e, trala sobremesa -houbo paella e lacón asado a prezos populares-, desenvolveuse un obradoiro de percusión con materiais de refugallo (latas, caldeiros, paus, etc.) e outro de malabares. Estas dúas actividades foron o aperitivo do espectáculo ofrecido polo pallaso Peter Punk, que volveu sorprender co seu humor e cos seus números nunha proposta moi participativa e cargada de risas case a cada segundo.

Da parte musical da tarde encargáronse A Gramola Gominola, cun repertorio en galego moi rockeiro, e Pablo Balseiro & Los Cascarillas, quen animaron os últimos compases dunha intensa fin de semana en San Sadurniño con versións de distintos estilos, todas elas moi movidas.

No Sons na Cortiña tamén houbo un posto da ONG Causas Comúns, onde se puido mercar material para colaborar nos proxectos que desenvolve en distintas partes do mundo, traballando en favor de persoas refuxiadas e desprazadas por conflitos e situacións de represión política. Destacaban as imaxes do fotógrafo e activista Gabriel Tizón, despregadas tanto no posto da entidade como noutros puntos do recinto.

O festival de música e lecer finalizou pasadas as 21.00h.

Share.