O son “hai que planificalo” igual que a imaxe, asegura o experto David Machado

0

David Machado sabe un mundo sobre a gravación e posprodución de son (ten unha chea de Mestre Mateo e dous premios Goya), e ademais é moi ameno compartindo os seus coñecementos. El dirixiu o segundo obradoiro técnico do VII Chanfaina Lab, titulado “Isto non se arranxa na posprodución”, que se desenvolveu esta mañá na Casa da Cultura. Nel explicou como se propaga o sonido, que tipos de micrófono temos ao noso alcance para captalo, como debemos facelo -algúns erros que se cometen habitualmente despois son difíciles de corrixir- e que ferramentas asequibles podemos utilizar para melloralo e integralo nas nosas curtametraxes.

O obradoiro tratou aspectos técnicos arredor da gravación e posterior edición sonora dun produto audiovisual e, neste sentido, Machado ensinou “as problemáticas do rexistro do son” para que o alumnado as teña en conta xa na gravación “e evitar problemas” xa que, segundo dixo, “ás veces gravamos todo o día e despois encontrámonos con que todo o que fixemos non vale para nada”.

Partindo desta idea, o experto en son mostrou micrófonos e para que situacións están recomendados dependendo do uso que lle queira dar -micros direccionais, micros de gravata, micros con alimentación externa, etc.- e tamén insistiu en que todos os elementos empregados, sobre todo os cables e conectores, sexan da mellor calidade posible e se encontren en bo estado para evitar que queden rexistradas interferencias.

Porén, o consello máis importante que lle deu ás quince persoas que participaron no obradoiro foi o de “pensar e planificar o son que queremos para a nosa peza igual que o facemos coas imaxes”, xa que a banda sonora -sexa son directo, efectos, música…- “é tan importante coma o que vemos”.

O obradoiro concluiu pasadas as 15:00h, pero o Chanfaina non fixo máis que comezar. Entre as 17:00 e as 18:00h as creadoras e creadores que participan este ano irán chegando á Casa da Cultura onde se farán as presentacións e se falará da loxística da fin de semana.

Logo, ás 18:30h, haberá unha pequena recepción no Concello e inaugurarase a mostra “20 anos de O Bosque animado” contando co seu produtor e codirector, Manolo Gómez.
Desde alí, se o tempo axuda, baixarase até o arboreto da Cortiña para plantar a árbore conmemorativa da presente edición, antes de celebrar -sobre as 20:30h- a Eira de Cineastas onde cada participante se irá presentando con fragmentos da súa produción audiovisual.

O VII Chanfaina Lab está organizado polo Concello de San Sadurniño con apoio da liña de axudas para festivais de artes escénicas e audiovisuais da Deputación da Coruña.

Share.