O sol e a variedade tiraron polo público para o mercado local

0

O mercado local do outono adoita ser un dos máis concorridos do calendario anual. E o deste último domingo de outubro volveu confirmalo, habida conta de que nos xardíns municipais houbo moita oferta e moi variada e, sobre todo, sol. Un sol abafante por momentos que acelerou o paso do público polos postos de alimentación e produto fresco -os que estaban situados á raiola- e que convidou a pararse algo máis nos de artesanía e segunda man dispostos nas sombras da parte baixa do recinto.

No tocante á planta e á alimentación o protagonismo levárono case todo as castañas, o mel e as flores, aínda que nos postos tamén se puideron atopar por prezos máis ou menos axustados cebolas e outros froitos da terra.

Con todo, a maior diversidade deuse entre a artesanía e a segunda man. Desta vez as manufacturas de telas e obxectos decorativos víronse superadas polas oportunidades. No mercado houbo unha chea delas: libros, xoguetes, ferramentas e tarecos antigos, discos, roupa, etc., que converteron os xardíns nun mosaico de cores e curiosidades entre o que perderse e, se cadra, atopar algo que levar para a casa.

O mercado local do outono pechou pouco despois das 14.00h. unha edición que habitualmente concita numeroso público, e máis aínda cando cadra cun día soleado que anima a dar un paseo pola contorna. O próximo mercado -o último do ano- celebrarase no mes de decembro nunha data aínda por concretar.

Share.