O segundo Venres en Sansa propón vídeo, patinaxe, cociña e educación canina

0

Encaramos xa a segunda entrega do programa de lecer para a mocidade Venres en Sansa. E facémolo con catro propostas nas que haberá que inscribirse antes deste mércores ás 14.00h. na Casa da Cultura, ben de forma presencial ou ben enviando o formulario que hai ao pé desta nova debidamente cuberto a agustin.perez@sansadurnino.gal. Ofértanse obradoiros simultáneos de videocreación e de iniciación ao patinaxe -o primeiro con inicio ás 20.00h. e o segundo ás 21.00h., con finalización prevista para as 23.00- e, na segunda parte da noite, cociña creativa e educación canina.

O Venres en Sansa arrancou o 20 de maio cunha ruta nocturna de BTT, unha clase acelerada de zumba e a primeira sesión para facer que os nosos cans e cadelas atendan as nosas ordes. Nesta primeira sesión participaron arredor de medio cento de persoas, concentradas na súa maioría na ruta ciclista que percorreu Ferreira, subindo incluso ao pico de San Vicente.

As opcións programadas para este venres teñen aínda prazas dispoñibles. Para o obradoiro de vídeo que se desenvolverá na Aula CeMIT ofértanse 10 prazas e é recomendable dispor de ordenador portátil e de algún equipo de gravación, como é o móbil, unha cámara fotográfica con opción vídeo ou unha videocámara. Para outra actividade, a de patinaxe, tamén fai falla equipamento: imprescindibles os patíns, recomendables proteccións para os xeonllos e os cóbados e, por suposto, o casco. Esta actividade terá lugar no ximnasio do centro de educación secundaria e a ela poderán apuntarse un máximo de 15 mozos e mozas entre 12 e 35 anos, a franxa de idades á que van dirixidas a maior parte das propostas do Venres en Sansa.

Entre as 23.00h. e a 1 da mañá repetirase o obradoiro de educación canina, centrado en exercicios que axuden a dominar o comportamento das cadelas e cans en casos sinxelos como cando paseamos con eles ou queremos que nos atendan cando os chamamos. Será no pavillón municipal, hai oito prazas e, como é obvio, fai falla vir na compaña do animal. A única actividade á que poderemos acudir coas mans no peto é a de cociña, que se desenvolverá co mesmo horario no patio cuberto do CPI. Ademais de aprender a facer pratos sinxelos, ricos e creativos, a mocidade poderá degustar o resultado ao final da noite na compaña do resto de participantes nos outros obradoiros que queiran agardar.

O programa Venres en Sansa continuará os días 3, 10 e 17 de xuño con propostas tan variadas como o kickboxing, a robótica e o Minecraft, o sendeirismo e orientación nocturna, e tamén o  paintball, que xa ten todas as súas prazas cubertas desde hai días.

Documentación descargable
Folla de inscrición (PDF)
Folla informativa e programación completa (PDF)

Share.