O Sant Pere i Sant Pau leva para Tarragona a X Copa Príncipe

0

Non puido ser. O Aldebarán-Intasa de San Sadurniño non puido cumprir o soño de revalidar na casa o título copeiro do ano pasado e, de paso, facer historia como único equipo en conseguir dous trofeos consecutivos. O encargado de arrebatarlle ao Sansa ese soño foi o Sant Pere i Sant Pau que, igual ca eles o ano pasado, era a primeira vez que chegaba á Copa Príncipe. O equipo tarraconense desfíxose onte con facilidade do Universidad de Valladolid e hoxe, na final, tivo que suar os puntos contra un Intasa que pagou caros os erros a pesar de non facer un mal partido. O resultado final quedou cun 0-3 que lle supón ao Sant Pere i Sant Pau marchar invicto de San Sadurniño e coa X Copa Príncipe debaixo do brazo. Tralo lóxico disgusto inicial, o Aldebarán-Intasa anda xa pensando na próxima xornada ligueira en que recibirá ao Vigo co obxectivo de manter o liderado de grupo e de seguir avanzando con paso firme cara ao ascenso á máxima categoría do volei estatal.

O partido arrancou ás 12.00h. cun pavillón municipal ateigado de público entregado en todo momento á causa local. Os primeiros compases do encontro mostraron xa a tónica do que se vería despois, cun Sant Pere case sempre por diante que sabería aproveitar todas as oportunidades das que dispuxo. Pola súa banda, a formación dirixida por Manuel Blanco exhibiu boas maneiras no saque, nos bloqueos e en varios remates espectaculares que, malia todo, non lograron compensar a capacidade visitante para erguer balóns a ras de chan e para recuperar xogadas que eran tantos cantados desde as bancadas.

Sempre por detrás, o Intasa tivo que conformarse cun marcador final de 19 a 25 que non lle mermou o ánimo. O segundo set foi moito máis igualado e tamén o máis espectacular da contenda deportiva. O Aldebarán logrou ir por diante até o punto 14. O omnipresente Pakito cubría buratos mentres o tándem Saulo-Gómez facían o propio bloqueando con efectividade na rede. O brasileiro foi un dos grandes valores do encontro suscribindo saques e mates espectaculares aos que tamén lle estamparon a súa sinatura xente como Uxío, o propio Gómez ou Parga, que  combateu como puido a marcaxe bloqueadora do Sant Pere desde o outro lado da malla.

Cando faltaban dez puntos para que calquera dos dous equipos alcanzase o final do set, os tarraconenses empezaron a avanzar pouco a pouco ata alcanzar un diferenzal de 6 puntos (16-22). Semellaba sentenzado, pero o Intasa volveu medrar recuperando balóns imposibles e con tantos de Gómez e Saulo que inxectaron moral nunha formación local incapaz de collerlle o xeito a uns rivais que o mesmo mataban sen compaixón que facían deixadas na rede en aparencia inofensivas pero moi efectivas. Chegaron a poñerse 23 a 24 tras un potente mate de Gómez que, de tanta forza que levaba, petou nun contrincate e volveu rebotado para fóra da banda local.

E nese momento foi cando chegou o que, sen dúbida, foi o punto decisivo do partido. O Aldebarán levaba o servizo.  Sacou e, tras recibir, o Sant Pere i Sant Pau axustou o balón ao estremo da banda cun golpe imparable. Aí remataría o set (23-25) e empezaría a forxarse a derrota local. E é que o terceiro parcial do partido tamén iría para Catalunya gracias a unha defensa moi efectiva e a acertos en ataque alimentados por varios erros locais. O propio adestrador-xogador Manuel Blanco falaría despois do partido dos fallos “que non cometemos habitualmente” como un dos grandes factores da derrota do Aldebarán-Intasa.

De nada serviron as exhortacións á afección do capitán Uxío e algúns tantos certamente espectaculares que, aínda así, non foron capaces de baixar dos 5 puntos a vantaxe tarraconense, cun Álvaro Gimeno que brillou con luz propia e que, á postre, levaría o trofeo ao xogador máis valioso do torneo. O empurre de Gimeno -que fixo 18 puntos- e a experiencia de Sanllehí foron decisivos para a victoria do equipo dirixido por Vladimir Stevovski. Só desperdiciaron unha bóla de partido e, tan pronto como a recuperaron, liquidaron o set e o partido.

O Sant Pere i Sant Pau estoupou entón de ledicia repetindo unha imaxe encarnada en 2016 polo Aldebarán. Igual ca eles, era a primeira vez que os cataláns xogaban unha copa e, tamén igual que o Intasa daquela, ganaron a final con autoridade. En contraposición a tristura dun equipo local que, malia non facer un mal partido, foi incapaz de collerlle o punto a uns rivais fortes e tocados pola sorte.

Agora toca retomar o traballo ligueiro. O Aldebarán ten por diante unha semana de traballo para preparar o derbi autonómico do próximo sábado, cando recibirá na casa ao Club Vigo Voleibol. Manuel Blanco explicaba este mediodía que parte dese traballo se centrará en “conservar alta a moral” do equipo tralo bache de hoxe. O obxectivo a partir de mañá é manterse na cabeza do grupo e ser quen de ascender á máxima categoría do volei estatal. O Aldebarán-Intasa está mantendo  nunha traxectoria intachable esta temporada e, ademais, ser campións da Copa Príncipe en 2016 e subcampións en 2017 non é moco de pavo.

Share.