O San Paio de Ferreira inaugura o día 25 a temporada de festas

0

Ferreira de abaixo honra o patrón da parroquia durante o sábado 25 de xuño, na que vai ser a primeira festa/verbena que se celebra en todo San Sadurniño tras dous anos de pandemia. Será  na explanada ao pé do local social da Seara cun programa que abranguerá desde mediodía até a noitiña que o ten todo: unha sesión vermú seguida dun bo xantar, xogos para a rapazada, sorteos, cea e verbena. Da música encargaranse a solista Cris e o Grupo Pasión. O último día para reservar ou coller tíckets para o xantar popular é este domingo 19.

O programa do San Paio 2022 leva unhas semanas pendurado nos bares e establecementos comerciais de toda a volta. Nel aparece como primeira referencia a misa na honra do santo, que se celebrará ás 13:00h na igrexa próxima e que irá seguida, tan pronto como remate, da sesión vermú co Grupo Pasión.

Sobre as 15:00h, máis ou menos, empezarase a servir o xantar -paella, churrasco, bebidas, sobremesa e café- ao prezo de 30€ para maiores de 12 anos, 10€ entre 7 e 11 anos e gratis para a rapazada ata 6 anos. Para as nenas e nenos hai menú infantil que inclúe pizza.

As reservas hai que facelas contactando cos números da comisión 669 287 134 (Vanesa), 696 880 044 (Rocío) ou 627 583 419 (Belén). O último día é o 19 de xuño. Tamén se poden mercar os tíckets na Parrillada María Queira, no Café del Palacio e no Bar Ferreira.

Durante a tarde a cativería terá festa da escuma e inchables, ao tempo que actuará a solista Cris.

Pola noite, a partir das 21:00h, serviranse liscos, chourizos e pan ao prezo de 5€ e, deseguido, comezará a verbena de novo co Grupo Pasión e con Cris.

A de San Paio de Ferreira de abaixo é a primeira festa parroquial que se celebra en San Sadurniño tras dous anos de pandemia. A seguinte cita trouleira será o XXVII Festival do Río Castro o sábado 2 de xullo. Ao día seguinte, domingo no que tocaría estar en plenas festas de Santa Isabel (de momento non apareceu comisión para facela), o Concello traerá á agrupación Xacarandaina para que actúe na praza do Convento do Rosario a partir das 13:30h, coincidindo co remate da misa.

Share.