O “sabio” do volei Ricardo Maldonado impartirá en San Sadurniño un obradoiro de tecnificación

0

A Escola Galega de Adestradores de volei elixiu o pavillón municipal de San Sadurniño para levar a cabo na mañá do domingo 26 a súa primeira xornada de tecnificación pensada para ofrecer todas as claves sobre a preparación de equipos e deportistas nesta disciplina. O poñente principal será Ricardo Maldonado, adestrador do CyL Palencia 2018 e responsable da canteira da selección estatal durante máis dunha década, quen abordará tanto os apartados do adestramento físico como táctico. O prazo de inscrición nesta actividade está xa aberto a través do correo  adestradores@fgvb.es, a onde haberá que mandar cuberta a solicitude de participación xunto co xustificante de ter ingresada a matrícula, que é de 15€ por persoa ou de 10 € no caso de que acudan tres ou máis membros dun mesmo club. A actividade está organizada pola Escola Galega de Adestradores, o CV Aldebarán e o Concello, en colaboración coas federacións galega e estatal.

O obxectivo desta I Xornada de Tecnificación para adestradores e adestradoras é o de dotar os cadros técnicos de ferramentas de traballo para a mellora do rendemento dos equipos, a través dunha sesión intensiva de mañá -de 9 a 14 horas- con parte teórica e práctica.

O público obxectivo da iniciativa son as persoas que se encargan da preparación física e técnica dos equipos, aínda que tamén está aberta a deportistas, árbitros, persoas coa licenzatura ou a diplomatura en Educación Física, alumnado de INEF, psicólogos e psicólogas deportivas e, en xeral, a calquera persoa vinculada co mundo do volei.

A sesión impartiraa Ricardo Maldonado, un dos referentes formativos do volei estatal e responsable como primeiro adestrador da “factoría de estrelas” que é a Concentración Permanente Xuvenil masculina situada en Palencia.

A selección deste centro de alto rendemento ten no seu programa anual foguearse na SM2 coa denominación CyL Palencia, equipo que visitará San Sadurniño o sábado 25 para medirse co Intasa. Aproveitando a coincidencia no calendario, a Escola Galega de Adestradores e mailo Aldebarán, botarán man da sabedoría deste arxentino que regresou recentemente a España tras unha breve paréntese adestrando á selección xuvenil catarí.

O prezo deste curso acelerado de tecnificación é de 15 euros, aínda que o prezo baixa a 10 euros por persoa a partir de tres membros dun mesmo club. Para apuntarse será necesario cumprimentar o boletín de inscrición e envialo xunto co xustificante do ingreso  na conta da FGVB -ES71 0081 0499 6400 0137 8440 -a adestradores@fgvb.es, con data límite o 23 de novembro.

Ao remate da xornada, a Federación Galega de Voleibol concederá un certificado de asistencia.

Share.