O sábado volve a Xornada de Cultura popular galega

0

“De cores, ferreñas e música”, ese é o título da VIII Xornada de Cultura popular galega que ao longo deste sábado se desenvolverá na Casa da Cultura desde pola mañá ata a noitiña. A asociación folclórica e cultural Berros do Castro, organizadora do evento, preparou un programa estruturado en tres bloques temáticos: unha exposición relacionada coa música tradicional e popular galega, un obradoiro especializado que este ano versará sobre as técnicas da pandeireta e, para finalizar, tres concertos con entrada de balde nos que actuarán o docente do obradoiro, Suso Vaamonde, as pandereteiras Lilaina (Miño) e a Charanga Os Campantes da Baña. Berros do Castro vén organizando esta xornada desde 2009 co obxectivo de promocionar, dinamizar e pór en valor a música e mailo patrimonio inmaterial do país.

A actividade arrancará na Casa da Cultura a primeira hora da mañá coa apertura da exposición “Bota o pano para fóra”, que recolle un mostrario de panos e mantóns tradicionais da ampla colección do artesán Alberto Golpe Beceiro.  A maioría das pezas que se exporán son tecidos orixinais do século XIX e representan tanto os estilos e modas imperantes en cada zona de Galicia como os xeitos de vestir por oficio ou por poder adquisitivo.

Alberto Golpe recibiu varios premios en concursos de indumentaria e desfiles de traxe galego. A exposición que chega a San Sadurniño e que só poderá visitarse durante a xornada do sábado é só unha pequena parte de todo o que leva recollido por Galicia co obxectivo de conservar e dar a coñecer a riqueza e as peculiariedades da forma de vestir en Galicia nos séculos XIX e principios do XX.

Os segredos da pandeireta, ao descuberto con Suso Vaamonde
O músico Suso Vaamonde descubrirá algúns dos segredos da pandeireta nun obradoiro para o que xa non quedan vacantes. Ao pouco de anunciar a programación deste ano, Berros do Castro recibiu ducias de solicitudes para este taller no que se abordarán, entre outras cuestións, a historia e morfoloxía do instrumento, como debe collerse, os movementos e, sobre todo, as funcións como acompañamento da voz e doutros instrumentos.

O encontro -partido nunha sesión de mañá e outra de tarde- tamén se ocupará dos estilos tradicionais e actuais na pandeireta, así como dos recursos habituais cando se toca con outros instrumentos melódicos. Vaamonde é profesor do AGADIC e un destacado gaiteiro que, ademais de colaborar con infinidade de intérpretes, mantén formación estable con Xosé Lois Romero e Pedro Lamas no trío Vaamonde, Lamas e Romero. 

Concertos a partir das 20.00h.
O apartado de actuacións musicais abrirao o propio Suso Vaamonde facendo unha exhibición das posibilidades da pandeireta que servirá como repaso dos recursos aprendidos durante o obradoiro da xornada. Na liña de anteriores edicións da Xornada de Cultura popular galega, a fórmula elixida será a dun concerto didáctico que combinará a interpretación de varias pezas con pequenas explicacións previas accesibles tamén para público non iniciado no instrumento.

Ao remate da conferencia sobre pandeireta, a sesión continuará coa actuación de Lilaina, unha agrupación de pandeiretas pertencentes à asociación cultural O Castro de Miño. Levan investigando no folc galego desde 2009 co obxectivo de recoller bailes, músicas e vestiarios. Porén, a súa actividade musical comezou catro anos antes e desde aquela levan participado en numerosos proxectos musicais. Na actualidade forman parte do proxecto de percusión tradicional Aliboria, dirixido por Xosé Lois Romero.

O peche da xornada correrá por conta dos Campantes da Baña, cun estilo semellante ao das murgas de comezos do século XX. Puidemos velos no magosto de Naraío o ano pasado e en 2013 nos pasarrúas das festas de Santa Isabel. Tocan pezas tradicionais e ritmos importados que se incorporaron ao longo do tempo á tradición musical galega. Todo con clarinete, clarinete requinto, saxofón, gaitas, caixa e bombo con pratos. Música que convida a bailar e coa que finalizará -preto xa das 23.00h.- a VIII Xornada de Cultura popular galega que organiza a AFC Berros do Castro coa colaboración do Concello de San Sadurniño, a Deputación da Coruña e a Cooperativa de Meirás.

Para obter máis información sobre a xornada ou interesarse por se hai vacantes no obradoiro de pandeireta é necesario contactar coa AFC Berros do Castro enviándolles unha mensaxe ao seu Facebookao correo electrónio berrosdocastro@gmail.com ou chamando aos teléfonos  626 140 798 / 669 795 418. Lembramos unha vez máis que tanto a exposición como os concertos que acollerá a Casa da Cultura son gratuítos. 

Share.