O sábado constitúese a nova corporación municipal

0

Para as 11.00h. deste sábado 15 de xuño está fixada a sesión constitutiva da corporación local saída das eleccións do pasado 26 de maio. A correlación de forzas é a mesma que nos últimos catro anos, con sete representantes do BNG, tres do PP e un do PSdeG-PSOE, aínda que no salón de plenos haberá tamén caras novas en todos os grupos municipais. Porén, antes do pleno do sábado haberá outro extraordinario na mañá deste mércores coa configuración actual e cun único punto na orde do día:  aprobar a acta da última sesión celebrada. En paralelo tamén se pechará o mandato corporativo celebrando as derradeiras sesións das comisións informativas de asuntos do pleno e especial de contas e da Xunta de Goberno Local.

O proceso de constitución das corporacións municipais vén recollido no capítulo VIII da Lei Orgánica 5/1985, de 19 de xuño, do rexime electoral xeral. Nela recóllese a obriga de convocar as sesións vinte días despois das eleccións, é dicir, este sábado 15 de xuño, sen especificar nada sobre a hora á que deben celebrarse.

O pleno de constitución comeza sen ninguén na alcaldía nin tampouco grupos, senón con todas as persoas electas presentes na sala -ou alomenos a maioría absoluta delas-, entre as que se elexirá unha mesa de idade formada pola máis vella, neste caso o veterán Manolo Varela, e a máis nova, que é a nº 2 da lista do PP, Esther Díaz Vergara. Nesta primeira fase da sesión actuarán con asistencia do secretario municipal, que tamén é secretario da mesa de idade.

A este órgano correspóndelle comprobar as credenciais dos futuros concelleiros e concelleiras -ou a certificación expedida pola secretaría municipal- e, unha vez feito isto, quedará constituída a corporación. O paso seguinte será a toma de posesión individual, utilizando para iso as fórmulas de xuramento ou promesa previstas na normativa.

A partir deste momento as persoas elixidas nas urnas son xa concelleiros e concelleiras e, como tales, tócalles votar pola persoa que ocupará a presidencia do pleno e, polo tanto, a alcaldía. Como posibles aspirantes só poden figurar quen encabezasen cada lista electoral: Secundino García Casal polo BNG, María Belén Trigo Meizoso polo PP e Lois Anxo Rodríguez Calvo, único concelleiro do PSdeG-PSOE.

Salvo sorpresas de última hora, todo apunta a que será Secundino García quen volva saír nomeado por cuarta vez consecutiva gracias aos  votos do seu grupo. A este respecto cómpre lembrar que a votacións seguramente sexa secreta, algo que se deberá acordar previamente, e que na última ocasión, na constitución de 2015, García obtivo  8 dos 11 votos totais, os 7 da súa candidatura e un máis, probablemente do representante socialista.

Finalizado o reconto de apoios o alcalde tomará posesión do seu cargo e ocupará a presidencia da sesión, tomando o relevo da mesa de idade. Tampouco está escrito en ningures, pero é costume -ou foi así en anteriores tomas de posesión-  que o alcalde lle ceda a palabra aos demais grupos antes de pronunciar o seu discurso.

Con respecto a hai catro anos cóntanse alomenos cinco caras novas na corporación. Polo BNG recunca María del Carmen Muíño Filgueira, quen xa fora concelleira nos dous primeiros mandatos, e entra por primeira vez Tomás Calvo García. No PP repite María Belén Trigo Meizoso e incorpóranse María Esther Díaz Vergara e José Luís Hermida Prieto. Polo PSdeG-PSOE estréase na corporación Lois Anxo Rodríguez Calvo.

O pleno está posto para as 11.00h. deste sábado e, coma todos, é aberto ao público. Nos días seguintes convocarase a sesión coñecida comunmente como “de organización”, onde se definirá a periodicidade dos plenos ordinarios, a creación e composición das comisións informativas e permanentes e o nomeamento de representantes da corporación en órganos colexiados. Nese mesmo pleno -que ha de celebrarse a máis tardar un mes despois do de constitución- tamén se dará conta das resolucións da alcaldía en materia de nomeamento das tenencias da alcaldía e das delegacións, sobre a composición da Xunta de Goberno Local e sobre a presidencia das comisións informativas.

Share.