O sábado comeza o curso de fruticultura, que aínda ten prazas dispoñibles

0

A AGFA do Eume e o Concello continúan traballando para mostrar as posibilidades de desenvolvemento que ofrece a actividade frutícola. Neste sentido hai varias semanas que se lanzou a convocatoria dun curso sobre esta materia que aínda ten aberto o prazo de inscrición a través  do 616 332 919 ou do correo agustin.perez@sansadurnino.gal. A actividade, de 20h de duración, desenvolverase os sábados 21 e 28 de maio e 4 e 11 de xuño polas mañás.

O enxeñeiro técnico agrícola e especialista en fructicultura Luís Quinteiro encargarase de impartir este curso da Asociación Galega da Froita Autóctona dirixido a persoas que queiran mellorar os seus coñecementos sobre a produción das árbores froiteiras.

O temario abordará a analítica e fertilización do chan, os tipos de poda -de inverno, de formación e de frutificación, en verde, etc.-, o control de pragas e enfermidades por medios convencionais e ecolóxicos, a aplicación de produtos fitosanitarios e os tipos de enxertado.

A teoría darase na Casa da Xuventude e para as prácticas acudirase á horta de conservación Carlos Fornos. O curso ten un prezo de 30€ para a xente de calquera parroquia de San Sadurniño e para persoas socias da AGFA. Para o resto, 60€.

As inscricións hai que facelas a través do 616 332 919 ou do correo agustin.perez@sansadurnino.gal. O prazo para anotarse remata este mércores 18 ás 14:00h.

Esta proposta formativa está incluída no convenio de colaboración suscrito a principios de ano polo Concello e a AGFA do Eume, no que tamén se recolle o mantemento do terreo e das variedades plantadas na horta de conservación Carlos Fornos.

Share.