O sábado celébrase o último pleno ordinario do mandato

0

Un total de sete puntos compoñen a orde do día do pleno ordinario fixado para este sábado ás 11.30h. que, salvo cuestións urxentes que poidan xurdir posteriormente e que deban ser tratadas pola corporación, será o último deste mandato. Catro dos asuntos son os habituais deste tipo de sesións: a aprobación de actas, a dación de contas sobre resolucións da alcaldía, un apartado reservado a posibles mocións urxentes e, o último, o dos rogos e preguntas. O contido dos outros tres temas centrais atinxe á integración de San Sadurniño na central de contratación da FEMP, a designación do xuíz ou xuíza de paz titular e de substitución e, por último -e quizais o de maior relevancia- a aprobación do Regulamento de Emerxencia Social. 

O documento vén artellar o procedemento de concesión das axudas municipais destinadas a familias nunha situación de emerxencia social que requiran apoio económico urxente para gastos relacionados coa vivenda ou aloxamento -alugueiros, luz, auga, etc.-, a cobertura de necesidades de subsistencia, para gastos derivados da educación de menores, a axuda económica para casos de violencia de xénero e outros tipos de gastos non relacionados cos anteriores pero igualmente urxentes que, en todo caso, han de contar cun informe social favorable.

No regulamento márcanse os requisitos para acceder ás axudas reflectindo tanto as circunstancias sociais como os umbrais de renda, ademais das obrigas e compromisos adquiridos polas persoas beneficiarias e toda a documentación que cumprirá presentar para acollerse a elas. A contía máxima anual por unidade familiar estableceuse en 800 euros. As axudas serán persoais e intransferibles e concederanse con carácter finalista, é dicir, para atender as necesidades concretas para as que foron solicitadas. Iso si, malia tratarse dun apoio económico para unha necesidade determinada, no regulamento tamén se sinala que a axuda poderá ser subsidiaria doutras prestacións económicas recoñecidas ou recoñecibles de acordo coa lexislación vixente.

Outro dos asuntos do pleno tratará a adhesión de San Sadurniño á Central de contratación da Federación Española de Municipios e Provincias. Este servizo facilítalles aos municipios de forma gratuíta a posibilidade de obter un maior número de ofertas e con prezos máis vantaxosos para calquera subministración ou servizo que precisen contratar. Ademais, a federación municipal descarga aos concellos de boa parte do traballo administrativo, simplificándolles a tramitación dos contratos e reducindo os seus prazos.

O terceiro grande tema da sesión será a elección de xuíz ou xuíza de paz, co que se pecha o procedemento aberto o pasado mes de febreiro. O Concello recibiu un total de 10 solicitudes e agora é competencia do pleno adxudicar os dous postos, un de titular e outro para substitucións.

A sesión pechará coa habitual quenda de rogos e preguntas. Este será o último pleno de carácter ordinario do mandato 2015-2019, polo que -salvo que houbera que convocar algún pleno urxente- tamén será o último pleno para a corporación tal e como está configurada na actualidade.

Share.