O rexistro municipal ampliará horario pola semana e pechará os sábados

0

A partir desta fin de semana o rexistro municipal de San Sadurniño verá modificados os seus horarios para axeitar o funcionamento deste servizo ás necesidades reais da cidadanía e tamén á entrada en vigor da Lei do Procedemento administrativo común das Administracións Públicas, na que se establece que desde o 2 de outubro os sábados serán días inhábiles desde o punto de vista do cómputo de prazos administrativos. Ata agora o rexistro recibía os sábados unha media de dúas ou tres consultas, o que levou ao equipo de goberno e ao persoal municipal a acordar o peche nese día e a ampliar a atención o resto da semana. Así, o rexistro municipal -que funciona tamén como punto de entrada de documentos cara a outras administracións- estará aberto de luns a venres desde as 8.30 ata as 14.30h. A modificación aféctalle tamén ao horario do funcionariado do servizo, que realizará o tempo restante ata completar a xornada semanal en horario flexible de 7.00 a 8.30h. e de 14.30 a 21.00h.

A nova Lei do Procedemento administrativo común das Administracións Públicas vén reordenar as relacións administración-cidadanía e tamén as relacións entre as propias administracións coas miras postas en simplificarlle á xente trámites e procedementos. Este novo marco legal  presenta como principal novidade a aposta pola vía electrónica na tramitación de todo tipo de procedementos e a definición máis precisa de aspectos como o dos prazos de presentación de documentos, os de resolución de expedientes ou o do sentido do silencio administrativo.

No asunto dos prazos a lei indica que agora se contarán sempre en días hábiles -antes eran naturais a menos que se especificase o de “hábil”- entendendo como tales as xornadas de luns a venres e non a do sábado. Deste xeito, en termos xerais, para calquera convocatoria que se abra a partir do día 2 e que non indique expresamente “días naturais” haberá que contar deixando fóra sábados, domingos e festivos (no ámbito xeográfico ao que lle afecte o procedemento).

Esta circunstancia e o baixo número de trámites que se facían no rexistro os sábados levaron ao equipo de goberno e ao persoal a reordenar os horarios de atención no servizo. Deste xeito o rexistro pechará na fin de semana e abrirá ao público unha hora máis pola semana: de 8.30 a 14.30h. O cambio suporá tamén unha reorganización dos horarios de traballo internos, introducindo a flexibilidade de 7 a 8.30h. e de 14.30 a 21.00h.

Modernización administrativa
A Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento administrativo común das Administracións públicas centra boa parte do seu articulado no impulso definitivo da administración electrónica. O obxectivo que persegue é o de que todos os trámites cos concellos e outras institucións públicas se poidan facer desde a casa e que exista unha interoperabilidade entre as administracións para que o usuario ou usuaria non teña que andar achegando documentos e certificacións que xa están en poder desas administracións. A idea é que a dixitalización axude a axilizar os procedementos reducindo papeleos e tamén papeis, que seguirán sendo un medio válido para relacionarse cos organismos públicos (a lei dí que queda a elección das persoas físicas pero que será obrigatorio para persoas xurídicas, entidades e empregados públicos no desempeño do seu traballo).

Porén, o cambio que promove a lei esixe que os municipios emprendan dunha vez por todas o farragoso proceso de catalogar todos os procedementos administrativos, normalizalos documentalmente, nomear responsables da súa tramitación, e, en último caso, habilitar versións electrónicas coas que a cidadanía, empresas e institucións poidan interactuar e intercambiar información.

San Sadurniño leva varios meses facendo o traballo de preparación de todos os procedementos que deberán estar á disposición dos usuarios e usuarias a través da sede electrónica. Con todo, a lei que entra en vigor esta fin de semana establece que todos os aspectos relativos ao rexistro electrónico -e o correspondente rexistro de persoal público habilitado para manexar esta información-, ao punto de acceso xeral electrónico da Administración e o arquivo único electrónico -onde se gardarán todos os nosos expedientes- deberán estar operativos en outubro de 2018.

Share.