O reto diario da solidariedade

0

A iniciativa solidaria de enviar forraxe a explotacións que resultaron afectadas polos incendios segue adiante e, quizais, con máis forza. O chamamento feito pola asociación gandeira PROLEGA a través das redes sociais e dos medios de comunicación tivo un efecto multiplicador e xa se contan por ducias as gandeirías de toda Galicia que ofrecen silo e herba seca, ademais de transportistas que se brindan a facer algunha viaxe de balde ou só polo custe do gasóleo. A piques de cumprírense dúas semanas dos lumes, coordinar toda esta loxística é un reto diario que PROLEGA afronta en solitario, sen axuda de ningunha administración salvo a dos concellos de San Sadurniño, Moeche e Ortigueira -asumindo os custes de cadanseu transporte- e a daqueles municipios a onde se está mandando o alimento para o gando.

David Arnoso e outros gandeiros da asociación PROLEGA levan varios días colgados do teléfono. Ademais de ter que atender as súas propias explotacións tamén andan a mil recibindo e facendo chamadas para axilizar os envíos de forraxe ás explotacións afectadas polos incendios. “É un reto loxístico, horas e horas de teléfono e, ao mesmo tempo, atender a granxa, que é o que nos dá de vivir”, sinala Arnoso.

Este gandeiro de Naraío -e presidente de PROLEGA- explicaba onte á tardiña que o máis difícil é atopar transporte e, despois, sincronizar a carga dos camións, que adoitan facer viaxes por varias explotacións. A xornada de onte foi un bo exemplo. Pola mañá saiu un porte para o municipio pontevedrés  das Neves desde o concello de Pol, en Lugo e, pola tarde, aproveitouse un transporte da empresa de Becerreá Forrajes Fidalgo que acababa de descargar en Xermade para que se desviase a Mañón, a Ribadeume e a Naraío completando así un cargamento de 38 rolos de herba seca e silo con destino ao concello lugués de Cervantes.

Segundo explica David, os portes “son case todos retornos (viaxes de volta nos que o camión iría baleiro) que dán moito que ordenar para poder cargar nas explotacións no momento en que os gandeiros poden atendelos”. Tralos primeiros días a cousa está máis organizada tanto na parte de optimizar as rutas coma na da recepción da axuda, xa que agora son os concellos afectados quen intermedian na súa distribución. Tal e como apunta Arnoso, neses municipios “teñen un censo das explotacións afectadas e son eles quen reparten a forraxe para que cheguen ás gandeirías que máis a necesitan”.

O presidente de PROLEGA estivo en dúas das entregas, unha nas Neves e outra no concello ourensán de Carballeda de Avia. Aínda se emociona ao lembrar o que atopou alí. “Foi moi triste ver aquela situación, as casas que arderon por completo e a xente que che daba ánimos, a emoción de que lles chegara a axuda… foi algo incrible. Esta xente quedou sen nada para darlles de comer aos animais e téñense que buscar a vida por algún sitio. Este ano é un ano malo, non hai forraxes para comprar e os que hai están carísimos”.

David Arnoso critica tamén o papel da Xunta nesta cuestión. Malia o anuncio do decreto de axudas publicado para cubrir as perdas, a cuestión está no día a día inmediatamente despois dos lumes “as vacas tamén comen despois dun incendio. Parécelles que con técnicos se soluciona todo, pero os animais non poden esperar”, comenta Arnoso engadindo que as únicas administracións que contactaron con PROLEGA para ofrecer  colaboración foron os concellos de San Sadurniño, Moeche e Ortigueira e aqueles aos que vai destinada a axuda.

Entre hoxe e mañá a asociación ten previsto enviar un cargamento de forraxe para Pazos de Borbén e, seguramente, outros dous para o concello de Melón, ambos en Ourense. De momento van tendo forraxe e ofertas de transporte gratuíto ou a prezo de custe: “segue chamando moita xente de todas partes, incluso nos chamaron dunha escola infantil da Coruña e un grupo de xente de Valencia que xuntaron cartos e que nos preguntaban onde podían ingresalos”. Nestes dous casos puntuais a opción que se lles deu desde PROLEGA foi a de que se fixesen cargo dos custes dalgún dos transportes pagándoo eles directamente e sen mediación económica por parte da entidade gandeira.

Desde a asociación, que reúne 30 gandeirías de toda a volta, xestionouse na última semana a recollida e entrega de cerca de 300 rolos de forraxe. Porén, PROLEGA tamén recoñece que o envío de axuda a outras zonas non é algo que poida sosterse indefinidamente. “A xente que deu forraxe xa entregou a que consideraba que lle ía sobrar, non pode doar máis”.

Con todo, Arnoso tamén asegura que a asociación segue manténdose firme no seu compromiso solidario de “seguir axudando no que se poida”. Por iso, quen teña rolos de silo, de herba seca ou palla… ou quen teña maneira de facer un porte a algún dos municipios afectados pola vaga de incendios, pode chamar ao 636.884.861 ou enviar un correo a asociacion.prolega@gmail.com.

Share.