O Rallye de Ferrol esixe inscrición previa para acceder aos tramos

0

O venres e mailo sábado temos na comarca a 51ª edición do Rallye de Ferrol, que volve ser puntuable para o campionato estatal. Na cita inscribíronse un total de 91 equipos e, coma calquera evento deportivo no que se prevé unha grande afluencia de público, tamén ten que someterse ás normas preventivas da COVID-19. Neste sentido insístese na obriga de usar máscara e de manter a distancia interpersoal e, ademais, para acceder a calquera punto das especiais que se van disputar -tamén a FIMO- as persoas maiores de 14 anos terán que facer un rexistro previo desde este apartado web. Unha vez realizada a reserva obteremos un código QR que se deberá levar no móbil -ou imprimido en papel- para presentalo en calquera das entradas ao tramo. O Rallye de Ferrol volve pasar por San Sadurniño sucando as parroquias de Igrexafeita e Ferreira. O sábado fará dúas “pasadas” polo tramo San Sadurniño-As Somozas (o máis longo da proba), unha ás 10.25 e outra ás 14.27h. Entre unha e outra non se abrirá a circulación.

O crono empezará a contar na Penalonga, en Igrexafeita, desde onde os coches iniciarán un vertixinoso descenso pasando pola Fraga -Ferreira- ata preto dos Pontigos, onde retomarán a subida con rumbo a Cadavás.

Cruzarán a estrada provincial practicamente no aire, collendo logo un anaco de pista municipal que, poucos metros despois, levará os vehículos de novo á vía da Deputación, por onde continuarán até o cruzamento da Santa (A Leiriña). Nese punto collerán á esquerda e encamiñaranse a Santiso e As Filgueiras seguindo un itinerario moi rápido e técnico en baixada.

Logo subirán de novo ao Xestal, San Cristovo e a Chabola, lugar predilecto para o público por estar alí unha das curvas clásicas da cita. Nese punto enlazarán cun descenso acusado até Amido,  lugar de Igrexafeita no que o rally abandonará territorio de San Sadurniño para entrar na súa segunda metade  xa en pistas das Somozas.

A circulación para o tráfico rodado cortarase en todo ese percorrido ás 9.00h. e non volverá abrir até o remate da segunda volta do rally, preto xa das 16.00h. Porén, no intervalo entre pasadas -de 11.45 a 13.25h., aproximadamente- as persoas residentes que non teñan outra alternativa si poderán entrar ou saír en caso de necesidade (recoméndase non facelo) seguindo o sentido do tramo e comunicándollo á organización antes deste venres, algo que se deberá facer contactando co 676 857 909.

Para acceder aos tramos, obrigatoria inscrición previa
Desde o Concello recoméndase seguir os consellos de seguridade da organización, nomeadamente no referido a zonas prohibidas para o público, que estarán debidamente sinalizadas. Tamén se pide precaución nas estradas e nos accesos aos puntos de maior interese, como pode ser a famosa curva de Ferreira. Outra petición que se fai desde o Concello e a organización ten que ver máis co civismo: non deben deixarse tiradas máscaras, panos desbotables e outros tipos de lixo por razóns obvias e, ademais, porque a práctica totalidade de lugares reservados para o público son leiras e montes privados.

A maior novidade desta edición en canto a seguridade vén marcada por causa da COVID-19. Os rallys xuntan moita xente e de moitas procedencias. As medidas preventivas de contaxios son as tantas veces repetidas: uso obrigatorio da máscara dos 6 anos en diante, manter en todo momento 1,5 metros de separación mínima con respecto a outras persoas, hixiene de mans e respiratoria, non fumar se non se poden garantir 2 metros de distancia e evitar aglomeracións (algo certamente difícil nos puntos de maior interese).

Porén, a estas obrigas úneselle tamén a de dispor de algún método de detección temperá de posibles gromos. Por este motivo a organización puxo en marcha un sistema de reservas para poder acceder aos tramos e tamén ao parque de FIMO. É dicir, para ir ver o rally como público temos que apuntarnos a través desta web. Unha vez completado o trámite -obrigatorio de 14 anos en diante- a aplicación enviaranos ao correo un documento cun código QR que se deberá presentar nos controis de acceso. Poderemos levalo no móbil ou imprimido e unha mesma persoa pode presentar a reserva para máis espectadores.

Share.