O Rally de Ferrol pasa este venres por Igrexafeita e Ferreira

0

68 vehículos participan na edición nº 47 do Rally de Ferrol. Unha proba puntuable para o Campionato de España que este ano volve ter en San Sadurniño un dos seus principais escenarios, aínda que cunha importante novidade: será este venres pola tarde en vez do sábado. A proba volve enfiar un trazado parecido ao de anos anteriores, saíndo de Igrexafeita, pasando por Ferreira e volvendo meterse en Igrexafeita antes de pasar a territorio das Somozas. O tráfico estará cortado desde pouco antes das cinco da tarde en todo o percorrido e non volverá abrir ata o remate da segunda pasada, que comezará preto das nove e media do serán.

O rally comeza co shakedown (ou percorrido de probas) o propio venres pola mañá, que terá lugar por varios puntos da zona rural de Ferrol. E é que a competición arrancará en Igrexafeita co tramo denominado San Sadurniño-As Somozas. Ten 20 quilómetros de percorrido -case todo polo noso concello- e posiblemente sexa o máis espectacular dos catro trazados que compoñen esta proba do calendario estatal. Deberán facelos todos dúas veces, agás o TC9 Ferrol-Ferrol que terá unha única pasada a primeira hora da tarde do sábado.

Nas zonas de Igrexafeita e Ferreira polas que pasa o rally cortarase o tráfico ás 16.54h. e xa non volverá abrir ata que finalice a segunda pasada. A primeira está prevista para arredor das 18.24h. con saída do lugar da Penalonga. Desde aí os coches baixarán pola Fraga ata o fondo de Ferreira e despois subirán cara a Cadavás e a Leiriña. Alí collerán á esquerda e baixarán ata as Filgueiras para subir despois de novo ata San Cristovo. Na Chabola -unha das curvas máis famosas tanto deste rally coma do de Narón- xirarán con rumbo a Caínce, o Hedreiro e Amido, onde cruzarán o río entrando xa en territorio das Somozas.

Os accesos aos puntos máis interesantes do rally poden consultarse na web da 47ª edición. Tamén alí hai importantes consellos de seguridade para o público asistente que non está de máis consultar antes de saír da casa.

Desde o Concello prégaselle ao público que se coloque en lugares seguros e que siga as recomendacións da organización. Ademais, tamén se pide máxima precaución ao volante nos accesos ao tramo. Outro consello importante tamén é o de respectar o contorno e non deixalo cheo de lixo.

Máis información
Web do Rally de Ferrol
Mapa dos tramos
Guía de acceso aos tramos

Share.