O que podemos e non podemos facer desde hoxe

0

Volvemos estar nunha situación crítica. Cos contaxios medrando a cada día de forma exponencial -251 positivos onte mércores, 19 máis que o martes na área sanitaria de Ferrolterra- faise necesario máis que nunca incrementar as medidas de protección persoal tantas veces repetidas: máscara, hixiene, distanciamento, autoconfinamento en caso de síntomas…, posto que a única barreira que semella efectiva contra o coronavirus e a disciplina individual. A segunda vaga da pandemia está batendo duro e debemos ser conscientes diso tras certo relaxamento xeral durante o verán. As autoridades sanitarias téñeno moi en conta e por iso, desde hoxe mesmo, están en vigor novas medidas restritivas que lle atinxen principalmente ás limitacións de reunión en espazos públicos e privados -máximo 5 persoas, a menos que convivan no mesmo domicilio ou que se trate de actividade laboral, educativa ou administrativa-, aforos dun 50% en todo tipo de negocios e tope tamén para outras actividades, como por exemplo enterros, velorios ou cerimonias. Tal e como fixemos durante as distintas fases do desconfinamento, sistematizamos as medidas máis importantes recollidas na orde da Consellaría de Sanidade que se publicou no DOG onte á noite, xusto dous minutos antes da súa entrada en vigor para os próximos 14 días.

Tras explicar a filosofía das medidas, a orde comeza recordando as obrigas de cautela e protección que todas e todos debemos asumir para evitar a xeración de riscos de propagación da COVID-19. As principais son as de manter sempre a separación de 1,5 metros, usar a máscara, lavar ou desinfectar as mans con frecuencia e tamén aqueles puntos de contacto habituais (manillas de portas, interruptores, mesas…), ventilar as estancias con regularidade, non fumar na vía pública ou espazos abertos ao público a menos de dous metros doutras persoas e, moi importante, se se nota algún síntoma da COVID-19 hai que quedar na casa e avisar ao SERGAS chamando ao 900 400 116. Lembramos eses sinais:  febre, calafríos, tose, sensación de falta de aire, diminución do olfacto e do gusto, dor de gorxa, dores musculares, dor de cabeza, debilidade xeral, diarrea ou vómitos.

A estas directrices, nós engadímoslle outra en paralelo: vacinarse o antes posible contra da gripe. Previr esta doenza tamén é fundamental neste momento por causa da coincidencia dalgúns dos seus síntomas cos da COVID-19 e polo feito de que padecer gripe e covid ao mesmo tempo pode ter consecuencias fatais.  Por outra banda, se se reducen os casos de gripe estacional grazas á vacina, tamén se reducirá o risco de saturar as urxencias médicas e as hospitalizacións nunhas circunstancias en que se deben garantir camas libres para atender posibles repuntes da pandemia. A campaña de vacinación está en marcha desde o pasado 13 de outubro. Hai que pedir cita chamando a o Centro de Saúde981 490 463 ou en https://cita.sergas.es/.

E, agora si, imos debullar cales son as principais restricións que nos trae a orde publicada a pasada noite pola Consellaría de Sanidade. Comentamos as máis relevantes ou, mellor dito, as que teñen unha aplicación práctica no noso concello, onde o Goberno local optou por ir aínda máis aló suspendendo a práctica totalidade das actividades municipais que implicaban en maior ou menor medida a xuntanza de varias persoas.

Grupos de non máis de 5 persoas

Grupos dun máximo de 5 persoas en actividades que se desenvolvan en espazos públicos e tamén privados, a menos que se trate de convivintes. Esta medida non será de aplicación a actividades laborais, empresariais, profesionais e administrativas, nin tampouco a ctividades en centros universitarios, educativos, de formación e ocupacionais, así como no caso da práctica do deporte federado, sempre que se adopten as medidas previstas nos correspondentes protocolos de funcionamento.

Limitación de capacidades e outras restricións

Misas, enterros e mortorios

  • Velorios: 25 persoas se son en espazos abertos e 10 se son en espazos pechados, sexan ou non conviventes.
  • Enterros: comitivas dun máximo de 25 persoas, ademais da persoa oficiante, entre familiares e achegadas.
  • Lugares de culto: máximo 50% da súa capacidade e prohíbese a celebración nos exteriores dos edificios ou na rúa.
  • Cerimonias (vodas, bautizos, comuñóns, casamentos civís…): máximo 100 persoas en exterior e 50 en espazos pechados. Os convites posteriores réxense pola normativa da hostalaría.

Actividade comercial

  • Comercios: máximo 50% da súa capacidade e prioridade para maiores de 75 anos. En centros comerciais prohíbese o uso de zonas recreativas, zonas de descanso e infantís, que deberán estar pechadas.
  • Feiras: Limitadas ao 50% dos postos habituais e garantía de cumprimento do distanciamento persoal, aínda que os concellos poderán ampliar a superficie dispoñible para compensar a restrición da capacidade.

Hostalaría

  • Bares e restaurantes: máximo 50% da súa capacidade no interior e do 75% das mesas nas terrazas. Prohíbese o consumo na barra. Terán que pechar á 01.00h. como moi tarde e non admitirán máis clientela despois das 00.00h. Nas mesas, máximo de 5 persoas. As persoas titulares dos negocios deberán asegurar sempre o cumprimento da separación persoal e doutras medidas preventivas.
  • Lecer nocturno: aplicaránselles as mesmas normas que á hostalaría e a restauración.
  • Espazos comúns de hoteis: máximo dun 50% da súa capacidade.

Espazos culturais e infantís

  • Bibliotecas, arquivos, museos e salas de exposicións, monumentos e outros equipamentos culturais: poderán facerse actividades presenciais sen exceder o 50% da súa capacidade. As actividades en grupo non poderán pasar de 5 persoas, sempre con separación persoal entre si a menos que se trate de convivintes.
  • Espazos de lecer infantil: máximo 50% da súa capacidade.
  • Cines, teatros, auditorios, circos…: máximo 50% da súa capacidade, con butacas preasignadas e sen exceder en ningún caso as 60 persoas en recintos pechados ou as 150 en espazos abertos (100 e 300, respectivamente, se se adoptan medidas organizativas e se se obtén autorización previa da Dirección Xeral de Saúde Pública co correspondente plan de preventivo e seguridade específico)
  • Celebración de congresos, encontros, reunións de negocio, conferencias, eventos e actos similares: máximo 50% da capacidade do espazo e tope de 60 persoas se é pechado e 150 se é aberto (100/300 con plan de seguridade e autorización previa da Dirección Xeral de Sanidade)

Deportes

  • Actividade física e deportiva non federada: no caso de facerse en grupo, máximo 5 persoas sen contar ao monitor/a. Esta ratio tamén se lle aplica ás rutas turísticas (5 persoas e guía), sexan ou non convivintes.
  • Eventos deportivos, adestramentos e competicións deportivas con público: máximo 50% da capacidade das instalacións ou do espazo, sempre con público sentado. Numericamente fixouse o tope en 60 persoas en recintos pechados e de 150 en actividades ao aire libre (100 e 300 con plan de prevención específico e autorización previa da DX de Saúde Pública)
  • Parques infantís, parques biosaudables, zonas deportivas, pistas skate ou espazos de uso público ao aire libre: poderán estar abertos ao público sempre que neles se respecte unha capacidade máxima estimada dunha persoa por cada catro metros cadrados de espazo computable de superficie do recinto.

Máis información:
Ligazón á orde publicada no DOG
Folla de resume das novas restricións (.pdf)

Share.