O que aí vén

0

Levamos varios días co tempo ocupando espazo en xornais, radios e programas de televisión. Os servizos de información meteorolóxica anuncian que desde hoxe e ata alomenos a fin de semana imos vivir unha intensa vaga de calor con temperaturas que noutros puntos do Estado e incluso nalgúns lugares do interior de Galicia -especialmente en Ourense e Pontevedra- van pasar dos 40ºC. Pero… ¿a nós vainos tocar ou non?. Segundo parece si, aínda que non con tanta intensidade. Na nosa comarca Meteogalicia agarda que mañá cheguemos aos 32ºC e que o venres mesmo pasemos dos 35ºC. Nestas condicións cómpre hidratarse ben e tomar precaucións para evitar golpes de calor. Tamén é importante atenderlle ao Índice de Risco Diario de Incendio forestal -o IRDI-, que xa este mércores está marcando un alto grao de perigo na metade norte do noso concello.

A primeira vaga de calor deste ano débese a unha situación de estabilidade atmosférica na faixa occidental de Europa que vai propiciar a entrada dunha masa de aire moi quente e seco procedente do Sáhara e do norte de África. Porén, esa lingua seca e cálida non baterá de cheo na Península, senón que irá subindo nos próximos días escorada ao oeste. De aí que as zonas que máis o notarán serán Huelva, Sevilla e Córdoba, toda Estremadura, parte de Castela-A Mancha, Castela e León -Salamanca, Valladolid, Zamora e León- e, xa en Galicia, a conca do Miño e toda a costa pontevedresa e do sur da Coruña.

Neses lugares a AEMET marcou unha alerta laranxa por altas temperaturas para o venres, que será amarela en practicamente todas as áreas circundantes, de maneira que todo Ourense, toda Pontevedra, o 80% da provincia de Lugo e máis da metade sur da Coruña tamén se verán afectadas pola calor. Só se salvarán as áreas de influencia marítima desde Bergantiños até Ribadeo. Con todo, que ninguén se engane, porque nese arco “máis fresco” tamén vai facer calor espesa e non se prevé que haxa brisas para aliviala. Sen ir moi lonxe, Meteogalicia prevé que este mércores na zona de Ferrol se chegue aos 27ºC, mañá serán 32ºC e o venres agárdase unha marca de ata 36ºC.

Do frío podemos fuxir abrigándonos, pero da calor é máis difícil escapar. E cando é tanta tamén fai falla tomar precaucións que, malia ser obvias, debemos ter sempre presentes: hidratarse moito -sobre todo a rapazada e as persoas maiores-, procurar non andar por fóra nos intres de maior calor -desde o mediodía ata cerca da posta do sol-, buscar as sombras e, no caso de ter que saír, facelo con gorra e sombreiro e coa pel protexida por unha crema de factor 50 ou superior, debido aos altos niveis de radiación ultravioleta que tamén se esperan.

Os anuncios dos servizos meteorolóxicos baséanse en modelos e cálculos matemáticos que case sempre se aproximan moito á realidade, aínda que ás veces poidan pecar de exceso e outras quedar curtos. En calquera caso trátase de información de referencia para a seguridade que hai que ter moi en conta, posto que sempre é mellor previr que logo lamentar.

Isto último tamén lle é de aplicación ao risco de incendios forestais sinalado polo IRDI que se publica diariamente na web da Consellería do Medio Rural. Os meses do verán están cualificados no PLADIGA -plan de defensa contra incendios- como época de perigo alto de lumes. Nesa época prohíbense todo tipo de queimas e mesmo se restrinxe a posibilidade de facer churrascadas ou botar “fuegho” dependendo das zonas e do que diga o IRDI do día.

Este índice segue o modelo Forest Fire Weather Index (FWI), tamén coñecido como índice canadense, que xunta distintos parámetros, como son as condicións de seca prolongada; as previsións de temperatura, humidade e vento e a cantidade e estado da vexetación. Con esa información xérase un mapa diario daqueles lugares que están máis predispostos a padecer un incendio con probabilidade de propagación. Os riscos sinálanse en cores que van desde o azul do grao 1 de baixo perigo ata o vermello -grao 5- de perigo extremo. Hoxe mesmo, cando aínda non entrou a vaga de calor anunciada, máis da metade norte de San Sadurniño está encadrada na cor amarela, é dicir, no grao de perigo alto do IRDI. Mañá, pasado e de cara á fin de semana seguramente todo o territorio quedará marcada en laranxa ou en vermello. Haberá que prestar atención.

Quen teña curiosidade por saber que temperaturas se alcanzan en San Sadurniño nos próximos días pode seguir en tempo real os datos que vaia medindo a estación meteorolóxica automatizada que hai no CPI dentro do proxecto educativo Meteosansa.

Share.