O próximo mércores arranca o programa “Con-vive”

0

O programa “Con-vive” é unha iniciativa do departamento de Igualdade financiada pola Deputación da Coruña coa que se lles propón ás familias con nenos e nenas de 3 a 12 anos un espazo no que aprenderen técnicas para mellorar a relaxación, o coñecemento interior e as relacións tanto dentro da propia familia como con outras persoas. A dinámica do día a día -o traballo, atender as cousas da casa, coidar da rapazada, etc.- métenos moitas veces nunha actividade constante e frenética na que moitas veces deixa nun recuncho eses momentos de tranquilidade que todo o mundo quere para “gozar da familia”. Un concepto do que se ten oído falar moito pero que é difícil de definir e, sobre todo, de vivir plenamente. Por iso o programa “Con-vive” quere traballar algunhas pautas doadas de seguir na casa  coas que se persegue, en último caso, reforzar vínculos afectivos e mellorar a comunicación.

Os obradoiros desenvolveranse os mércores pola tarde desde o 9 de novembro e ata o 14 de decembro na ludoteca do colexio público en sesións dunha hora e cuarto. O Concello ofertou a través do último boletín Novas un total de 12 prazas -12 familias na compaña dos seus fillos e fillas- que se cubriron case na súa totalidade tralo anuncio.

Trala presentación do pasado 26 de novembro, a actividade propiamente dita comezará o próximo mércores. E farao cunha estrutura que será a mesma no resto das sesións, que estarán guiadas por unha profesional da Educación social e a Psicopedagoxía. Na primeira parte da tarde farase un quecemento con exercicios físicos e de respiración e tamén se organizarán pequenos xogos para estreitar elos entre todas as persoas participantes. O segundo apartado ocuparase de favorecer o autocoñecemento e as relacións sociais con propostas de expresión corporal, teatralización, estimulación sensitiva e outros xeitos de facer saír a creatividade. A parte final das sesións será, igual que se fai coas actividades infantís, para baixar revolucións. E para iso faranse, principalmente, exercicios respiratorios e  de relaxación.

Tal e como sinala a técnica de Igualdade, Verónica Rodríguez, “a idea das sesións é deixar a un lado a vergoña e espertar o neno ou nena que levamos dentro, que saia e interactúe coas demais persoas”. Rodríguez explica que os exercicios e actividades dos obradoiros “respectarán os ritmos de cadaquén, sen forzar e dando liberdade para que cada persoa chegue a onde queira”.

Os contidos que se abordarán en familia serán, entre outros, o da autoestima, a motivación, a comunicación a liberación de tensións, a responsabilidade ou a facilidade para transmitir emocións. “Usaranse técnicas de expresión corporal, dramatización, xogos cooperativos, ioga e outras para que a actividade sexa divertida mentres se traballan aspectos persoais e emocionais e se promove a reflexión sobre cuestións relacionadas co desenvolvemento persoal”.

O programa “Con-vive” aínda ten prazas dispoñibles para tres familias. Quen queira informarse ou inscribirse nestes obradoiros  pode chamar ao 981 490 027 (ext. 1), enviar un correo a veronica.rodriguez@sansadurnino.gal ou pasar  polo departamento de Igualdade.

Share.