O proxecto O Lavadoiro centrará os actos do 25N

0

Os concellos de San Sadurniño e Moeche, con apoio da Deputación da Coruña, iniciaron a comezos deste ano un proxecto piloto innovador e de base social para afrontar a violencia de xénero desde unha perspectiva distinta e complementaria dos outros mecanismos de loita contra esta lacra da nosa sociedade. Baixo o título de O Lavadoiro ambos municipios promoveron a creación dun grupo de mulleres “facilitadoras” co obxectivo de contar cunha rede veciñal de apoio ás vítimas e que, ademais, conte cos coñecementos necesarios para detectar posibles casos e cumprir coa necesaria función de acompañamento no proceso de deixar atrás a súa situación. Ademais, dentro deste Lavadoiro tamén naceu un grupo de homes “aliados” coa misión de difundir un novo modelo de masculinidade comprometido coa igualdade, a corresponsabilidade e a erradicación do machismo. Os resultados iniciais do proxecto -que ten vocación de continuidade- daranse a coñecer nun evento programado para a mañá do sábado 26 de novembro na Casa da Cultura. Esta será a cita principal do 25N en San Sadurniño, Día Internacional da eliminación da violencia contra as mulleres e nenas. 

Ademais da presentar o programa O Lavadoiro, o Concello de San Sadurniño tamén se adheríu á campaña provincial “De fronte á violencia de xénero”, que prevé a distribución de material de concienciación e outras actividades, enfocadas este ano á sensibilización e reflexión da mocidade sobre a tecnoloxía como elemento facilitador das desigualdades de xénero e de distintas modalidades de violencia machista.

Seguindo o esquema de anos anteriores, a área de Igualdade da Deputación proporá a partir do luns 21 accións multiplataforma que comprenden a difusión de microvídeos conducidos pola actriz Melania Cruz nos que se describen situacións reais de violencia dixital, como o ciberacoso, o sexting, a sextorsión ou o grooming. A proposta en línea acompañarase cunha ciberquedada xuvenil o día 23 arredor do mesmo tema que se retransmitirá ao vivo desde o IES Rosalía Mera coa participación de alumnado de máis dunha vintena de centros educativos de secundaria.

Dentro da campaña “De fronte á violencia de xénero” tamén estará dispoñible na web un xogo interactivo para público infantil, así como material didáctico para traballar nas aulas. O propio día 25 de novembro a deputada de Igualdade, Mari Carme Muíño, lerá a declaración institucional nun acto que se desenvolverá a partir das 9:45h no IES Puga Ramón. Nesa xornada, en San Sadurniño, tamén se izará a bandeira violeta e lerase o manifesto que se someterá á votación plenaria na sesión convocada para a tarde do xoves.

A acción principal co gallo do 25N no noso Concello desenvolverase o sábado 26 desde as 11:30h na Casa da Cultura cun encontro aberto para presentar o programa O Lavadoiro, impulsado como iniciativa piloto pola Deputación en colaboración cos concellos de San Sadurniño e Moeche.

En primeiro lugar explicaranse os pasos dados até o momento -o proxecto arrancou en febreiro titorizado pola cooperativa Arabías- e os logros alcanzados, como a posta en marcha do grupo de mulleres “facilitadoras” que artellan a rede de apoio veciñal a vítimas do maltrato, así como o grupo de homes “aliados”, cuxo obxectivo é mudar o modelo de masculinidade heteropatriarcal que aínda pesa, e moito, na nosa sociedade. Será unha representación de ambos grupos quen comente co público o traballo que desenvolven, con idea de que o proxecto continúe avanzando de maneira autónoma a partir de agora e incorporando máis persoas tanto ao grupo de facilitadoras como ao de aliados.

Cara ao remate da xuntanza tamén intervirán representantes municipais de San Sadurniño e Moeche e responsables técnicas da cooperativa Arabías, antes de darlle paso á actuación de Vero Rilo  coa súa proposta escénica “Lavandeiras”, que parte da recollida oral de testemuños e vivencias nos lavadoiros, antano auténticos foros de empoderamento feminino e de sororidade.

Como peche deste evento central do 25N en San Sadurniño, a iso das 13:00h, haberá un pequeno coloquio relacionado con todo o tratado na xornada e cos avances que aínda se deben producir para acadar unha igualdade plena e libre de violencias machistas.

Este sábado “rockeamos todas” con Pakolas na Casa da Cultura
En relación coa concienciación e a educación en igualdade cómpre lembrar que este sábado 19 de novembro a partir das 18:30h temos unha cita na Casa da Cultura con Paco Cerdeira “Pakolas” e o seu espectáculo “Rockeamos todas”.
Traeranos unha selección dos seus propios temas, revisados e rigorosamente escollidos para a ocasión, nos que as protagonistas son as nenas e mulleres: nais, inventoras, heroínas, doutoras, figuras femininas “que tratan de poñer en valor a importancia de vivir en igualdade, contando historias de superación de desigualdades e de loita polo respecto e a liberdade”.
Coa súa guitarra e a súa voz ao vivo, xunto con bases gravadas de baixo e batería, Pakolas fará gozar por igual a rapazada e persoas maiores. Pódese reservar entrada -gratuíta- no 616 332 919 ou en agustin.perez@sansadurnino.gal.
Sin título-2_Original ratio_720x123_H_90

 

Share.