O proxecto de Xeoparque intensifica os contactos en Fitur para posicionar a candidatura

0

A xornada do xoves 23 de xaneiro en FITUR tivo como un dos seus protagonistas o Proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal, sobre todo a primeira hora da tarde durante a presentación da iniciativa que tivo lugar no stand de Galicia. Ao evento -ilustrado coa proxección do vídeo promocional- asistiron os alcaldes e a alcaldesa dos sete municipios implicados, así como o vicepresidente da Deputación -que tamén participa no proxecto-, o delegado da Xunta na Coruña e unha representación da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol. Na intervención perante público profesional e medios falouse tanto do potencial xeolóxico e de desenvolvemento da zona do Cabo Ortegal como doutros destinos asociados a el, como é o caso do Camiño a Santo André ou o Festival de Ortigueira. Porén, a presenza na feira dos rexedores locais e da representación provincial tivo outra vertente tanto ou máis importante que a protocolaria e publicitaria, posto que durante o día uns e outros mantiveron varios encontros nos que intercambiaron impresións con responsables doutros xeoparques xa en funcionamento e con algunhas das persoas encargadas de avaliar as candidaturas.

A primeira parada no itinerario de contactos da xornada produciuse no expositor de Castela e León ás 11.00h. co gallo da presentación da revista “Descubrir los Geoparques de España” -descargable en pdf desde aquí-, editada polo foro estatal de xeoparques. Nela faise un percorrido polos 15 xeoparques que hai nestes momentos en España. Ao acto acudiron todos eles e tamén o presidente da Rede Global de Xeoparques, Nikos Zouros, quen recordou as orixes “mediterráneas” desta figura da UNESCO que tivo o seu xermolo en Francia, Grecia, España e Alemaña hai agora exactamente 20 anos. Na súa intervención Zouros convidou a seguir traballando a prol do coñecemento da xeoloxía como base do desenvolvemento sociocultural e económico, ademais de reivindicar os xeoparques como motor da sustentabilidade social e ambiental.

Ao remate da presentación, a alcaldesa de Moeche e os alcaldes de San Sadurniño e Valdoviño reuníronse brevemente con Belén Llera -Secretaria xeral da Comisión española de cooperación coa UNESCO- e con Juana Vegas, xefa da Área de Patrimonio Xeolóxico e Mineiro do IGME, quen se interesaron polo traballo desenvolvido na nosa zona e polo momento en que se encontran os preparativos da candidatura.

Na xuntanza informal tamén participaron Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña e responsable da área de Turismo, e o coordinador do Foro Español de Geoparques, Asier Hilario, ademais de avaliadores deste organismo que serán os encargados de revisar que dous únicos proxectos son propostos este ano para iniciar a tramitación perante a UNESCO. “Un dos obxectivos da nosa visita a FITUR é procurar que o proxecto do Cabo Ortegal sexa visible para todos os avaliadores, mostrarlles o traballo que se leva feito para que cando chegue o momento de presentar a candidatura non lles resulte allea”, comentou Beatriz Bascoy, presidenta da comisión intermunicipal que xestiona o proxecto.

Xa pola tarde, e xusto antes da presentación do vídeo promocional no expositor galego, a comitiva do Cabo Ortegal asistiu no stand de Turespaña á conferencia impartida por Hilario e pola xerente do Geoparkea da Costa Vasca, Leire Barriuso. Os dous volveron repasar a orixe e os obxectivos dos xeoparques, aínda que Barriuso centrou máis a súa intervención no papel que representan como destinos do chamado “ecoturismo”, é dicir, destinos comprometidos coa sostenibilidade ambiental e social.

A axenda de encontros de traballo completouse cunha visita ao stand da Rede Global de Xeoparques, onde Deputación e concellos viron distintos modelos de posta en valor da xeoloxía como argumento turístico e, máis que nada, o grao de implicación das poboacións locais no impulso e mantemento dos xeoparques. Ese é precisamente un dos principais retos que ten por diante o proxecto do Cabo Ortegal.

A intención dos consistorios é iniciar a tramitación da candidatura en abril deste mesmo ano “aínda que teriamos marxe até maio”, asegurou Bascoy engadindo que unha parte fundamental do posible éxito será o apoio social que se dea xerado arredor do proxecto. “Se a candidatura a apoian só os sete alcaldes e os seus gobernos non imos a ningún sitio. Os concellos temos boa sintonía entre nós, pero a iniciativa debe ir de abaixo arriba, ser un proxecto de base social e colectivo”. Neste sentido, convídase a que “particulares, empresas e asociacións” deixen constancia na web do seu respaldo ao proxecto, algo que xa fixeron preto de 200 persoas e entidades en tan só uns días.

 

Share.