O Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal impulsará un plan de excelencia para apoiar a hostalaría e o turismo

0

Os alcaldes e alcaldesa dos concellos integrantes da Asociación para a Xestión do Xeoparque de Cabo Ortegal –Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño- acordaron impulsar a elaboración dun proxecto de desenvolvemento e impulso turístico no ámbito territorial conxunto que repercuta principalmente na necesaria supervivencia do sector da hostalería e restauración. No marco da entidade promotora do proxecto, os sete municipios buscan deste xeito promocionar e apoiar un dos sectores máis castigados pola pandemia, de maneira que o plan sirva de guía para impulsar de forma ordenada, sostible e rendible os recursos turísticos deste ámbito territorial.

A gravedade da situación económica das comarcas ás que pertencen os sete concellos e o deterioramento causado pola situación sanitaria no conxunto dos sectores económicos, nomeadamente na hostalaría, esixen, segundo a asociación xestora, accións conxuntas e planificadas. O territorio conta cun patrimonio xeolóxico, natural e histórico único, ao que se lle engade unha gastronomía excepcional -apoiada nunha ampla rede hostaleira e puntos de venda-, que  o converten nun dos destinos turísticos con maior potencial do Norte da Península.

O proxecto presentarase como Plan de Excelencia Turística para o Xeoparque de Cabo Ortegal como un documento que non é tanto unha marca, senón unha forma de actuar, capaz de provocar un efecto dinamizador directo e indirecto sobre o ámbito de aplicación e que buscará obter o apoio dos fondos europeos.

O plan contará, ademais, co apoio económico da Deputación da Coruña, no marco do convenio que proximamente se asinará entre esta Administración e a Asociación, e presentarase á Secretaría Xeral de Turismo da Xunta de Galicia co obxectivo de que aposte por esta iniciativa.

Share.