O proxecto A Fusquenlla finaliza este venres en Cerdido a súa rolda de presentacións

0

O ciclo de presentacións do centro de transformación agroalimentaria A Fusquenlla rematará este venres en Cerdido a súa rolda polos catro municipios implicados no proxecto, San Sadurniño, Moeche, Cerdido e Valdoviño. Será ás 18:00h. na Casa da Cultura de Cerdido e, de novo, cunha demostración do potencial dos produtos transformados, a cargo do cociñeiro Antonio Díaz. De momento aínda non se completaron as 25 localidades dispoñibles, que poden reservarse durante todo o día de hoxe neste formulario en liña. O plan de dinamización da Fusquenlla conta con apoio da Consellaría do Medio Rural.

Díaz levará á demostración de Cerdido varios exemplos de hortalizas, froitos e cogomelos conservados ou transformados para alongar no tempo as súas propiedades, ademais de ampliar  as posibilidades de comercialización de produtos que, doutro modo, só terían saída en fresco e con prezos moi inferiores coincidindo coas épocas de maduración ou maior produción.

O cociñeiro, que leva anos apostando polos alimentos de proximidade, tamén preparará e dará a proba de petiscos moi saborosos feitos con materia prima preservada da nosa zona. O cociñeiro insistiu nas anteriores presentacións que tiveron lugar en San Sadurniño, Valdoviño e Moeche en que A Fusquenlla ofrece unha grande oportunidade para todas estas elaboracións. Unha oportunidade que se debe aproveitar enchendo as súas instalacións de actividade e de propostas innovadoras.

O novo servizo de ámbito comarcal -incluído na rede de traballo colaborativo da Deputación da Coruña- encóntrase nunha das naves do recinto feiral de San Ramón, en Moeche, e está dotado con todo tipo de equipamento profesional para garantir o cumprimento da esixente normativa sobre seguridade, sanidade, etiquetaxe e trazabilidade alimentaria.

O centro dispón no seu andar baixo de dúas zonas de recepción de materia prima con accesos idependentes, unha para froita e vexetais e outra para mel. A primeira delas conta con báscula de pesaxe, cámara de almacenamento e un espazo onde mesmo se pode facer unha primeira clasificación e limpeza  antes de iniciar o proceso de transformación ou envasado. Ao conxunto de estancias engádense  vestiarios, aseos, recunchos de almacenaxe de material de limpeza e outros equipamentos, así como unha pequena oficina para a levanza dos rexistros obrigatorios.

Un dos principais lugares d’A Fusquenlla é a zona de conservas e zumes. Nela instaláronse unha cociña industrial, un forno combi de alta capacidade para cocción, asado e pasteurización,  a mesa de traballo con refrixerador e outros materiais necesarios, como son mesas e carros auxiliares, a batedora, a tamizadora, as básculas de precisión, a máquina lavalouzas e unha completa batería de potas, cazos, coitelos, garfos e outros utensilios.

Noutra banda desta mesma sala sitúanse a trituradora de froita e a prensa hidráulica para o apretado e filtrado de zumes, aos que logo se lles poderá dar un tratamento térmico para alongar o tempo de conservación mantendo todas as súas propiedades.

O recinto complétase con dous almacéns para o produto xa elaborado. Un está ao carón da cociña, mentres que o outro se encontra na zona de extracción e envasado de mel. Esta área d’A Fusquenlla -que tamén ten entrada propia de materia prima- distribúese en dous andares unidos por unha escaleira interior. No superior van colocadas a desoperculadora automática e máis o extractor por centrifugado, con capacidade para 18 cadros de cada vez. Dúas tubaxes comunican esta sala coa do baixo, onde o mel cae por gravedade directamente aos tanques de decantación e desde alí pasa a unha moderna máquina de envasado que axiliza o traballo sen que se haxa perdas dun produto tan saboroso e prezado.

A visita virtual polas instalacións pode facerse visitando a web www.afusquenlla.gal, posta en marcha dentro do programa de difusión financiado pola Consellaría do Medio Rural.

Share.