O programa Tempos para compartir regresará en outubro cun obradoiro sobre plantas silvestres

0

Trala parada provocada pola pandemia, Igualdade tamén agarda poder retomar o programa Tempos para compartir. Se todo vai ben celebrarase o primeiro sábado de outubro -día 3- no local social de Lamas a partir das 17.00h. O prazo de inscrición permanece aberto desde hai días  de cara a ir cubrindo as 10 prazas dispoñibles -o grupo redúcese por motivos preventivos-, dándolle prioridade ás persoas empadroadas no concello. O tema principal serán as plantas ventureiras e as súas propiedades.

O título exacto deste primeiro Tempos… é “Coñeces as plantas do teu entorno?” e teremos como docentes a Nerea Loureiro e David Graña, quen nos falarán sobre as plantas silvestres que temos preto de nós e das posibilidades que ofrecen na cociña, como remedio caseiro para algunhas doenzas ou para crear ambiente cos seus delicados aromas.

Nos últimos tempos o mercado deste tipo de plantas e flores non deixou de medrar. Nos andeis dos supermercados onde antes só había azafráns e especias, agora atopamos unha chea de posibilidades en forma de follas e talos desecados. Ademais, moitos puntos de venda incrementaron a súa superficie adicada a herboristería onde hai tamén moita variedade de planta liofilizada para prepararmos infusións e ungüentos. Mesmo medrou a demanda de planta verde para ter na casa en maceta e poder así botar man dela.

Moitas desas plantas podemos atopalas ao pé de camiños, no monte e en silveiras, co que podemos aforrar unhas motas e tamén gozar dunha xornada ao aire libre mentres as apañamos, sexa para aproveitalas directamente ou para recollerlles a semente e poñelas na nosa horta ou xardín. Romeu, herba luísa, ourego, fiúncho, pirixel, alfábega, tomentelo, menta, lavanda, abelurias… todas teñen algunha propiedade, aínda que fai falla coñecelas ben xa que, no medio, tamén hai outras que poden ser perigosas se non se empregan correctamente.

A charla impartida por David Graña e Nerea Loureiro describirá as máis comúns que hai na nosa zona e os múltiples usos que poden ter na casa, algúns deles sorprendentes. Por outra banda, o obradoiro tamén pretende recuperar un coñecemento ancestral que foi pasando de xeración en xeración e que agora corre o perigo de se perder.

A data límite para apuntarse para participar neste Tempos para compartir é o venres 28 de setembro e débese chamar a o teléfono 981 490 027 (ext.1) ou mandar un correo a veronica.rodriguez@sansadurnino.gal. As prazas están limitadas a 10 por razóns preventivas e asignaranse por orde de petición dándolle prioridade á veciñanza empadroada en San Sadurniño.

A través destas vías de contacto tamén podedes obter máis información, propoñer novos temas que vos interesen ou ofrecervos para impartir un obradoiro sobre calquera materia da que saibades un pouco máis que o resto.

Share.