O Concello prevé reparar case nove quilómetros de pistas municipais con cargo ao POS+ 2023

0

O pleno extraordinario celebrado o pasado xoves aprobou  a distribución dos investimentos que se financiarán este ano con cargo ao Plan Único da Deputación da Coruña -dirixido a gasto corrente, obras e investimentos financieiramente sostibles- e tamén ao Plan Adicional 01/2023 para gasto social, que o Concello dedicará ao SAF e a outros programas, como os obradoiros de Memoria Activa ou o programa de acompañamento e prevención da violencia de xénero O Lavadoiro. Os tres grupos da corporación déronlle o visto e prace por unanimidade a máis de 760.000 euros en proxectos que ou ben xa teñen consignados fondos provinciais ou ben (no caso do Plan Complementario) deberán agardar a que a Deputación xere máis partidas económicas para ser executados. No apartado de infraestruturas definidas destacan as actuacións para reparar 13 pistas que, en conxunto, suman case 9 quilómetros da rede viaria municipal.

Tal e como se explicou no pleno, o Concello reservou 202.139,70 euros para gastos correntes, principalmente para cofinanciar cos fondos provinciais o incremento do prezo nos consumos enerxéticos. Porén, a maior parte do POS+ empregarase na reparación das seguintes estradas e camiños:

  • O aglomerado do Camiño da Bidueda, de 800 metros de lonxitude, para acondicionar a que é, de facto, a rúa principal que artella o núcleo de Cornide. A obra consistirá na extensión dun novo firme máis uniforme e adherente, así como a sinalización, desde a confluencia coa estrada de Ortigueira até a última vivenda da zona, xusto no límite do camiño reparado recentemente que comunica Cornide coa pista A Bidueda-O Chao. O proxecto está cuantificado en 61.472,85 euros.
  • O asfaltado e limpeza de cunetas das pistas do Pico (1.130m) e o O Chao (300m), en Ferreira; dous tramos no Vilar (120 e 75m), en Igrexafeita; e, dentro do mesmo paquete, outros 300 metros de camiño en Orxás, en San Sadurniño. Neste caso o orzamento de execución das obras ascende a 57.293,35 euros.
  • A terceira intervención acollida á parte económica fixa do POS+ é a ampliación do saneamento e o abastecemento ao Rupiallo, en San Sadurniño. A canalización da auga arrancará na pista da Portela e conectarase á condución existente medio quilómetro máis abaixo, na estrada que vén da Agra de Abaixo. A tubaxe do novo saneamento seguirá un percorrido paralelo sobre unha distancia lixeiramente inferior e tamén se conectará no mesmo punto á rede xeral de fecais. O último paso será o asfaltado da pista, de 530 metros de lonxitude. O prezo da obra para a súa licitación pública alcanza os 40.418,99 euros.

En canto aos proxectos predefinidos dentro do Plan Complementario -que se levarán a cabo se a Deputación xera novas partidas económicas-, o Concello xa ten adiantados os seguintes:

  • A reparación integral da ponte do Pozo de Lamas, en Igrexafeita, cuxo custe ascende a 44.034,82€, de cara a habilitar o acceso tanto á área recreativa como aos predios e montes da ribeira sur do río Castro. A ponte, moi danada polas riadas dos últimos anos, é a única maneira de vadear o río no punto onde se encontra co rego de María Queira. Ademais de darlle máis ancho tamén será necesario reparar o grande socavón que fixo a auga nun dos seus extremos.
  • Outros 46.221,32€ irían para a climatización e renovación do sistema de sonorización e iluminación da Casa da Cultura, dúas das cuestións pendentes na actualidade para mellorar a funcionalidade e a comodidade do auditorio.
  • No Plan Complementario tamén vai un proxecto para varias obras de asfaltado. Son a pista de Solposto (730m), en Igrexafeita, e outras catro en Naraío: unha en Lourido de 90 metros, a do Lugar do Monte (870m), a do Pousadoiro (1.290m) e un tramo de 300 metros en Racamonde. O investimento previsto é de 74.742,84 euros.
  • Por outra banda, en Bardaos o Concello quere continuar co programa de aglomerados de vías principais que se vén desenvolvendo desde hai anos por todas as parroquias e, nese sentido, adiantóuselle á Deputación  o proxecto de aglomerado entre A Veiga e O Castro, sobre unha distancia de 1.300 metros e cun custe de 94.409,48 euros.
  • No mesmo sentido tamén vai o proxecto deseñado para aglomerar desde A Fraguela até a antiga estrada das Pontes (900m), en Naraío.En programas anteriores xa se executaron os tramos A Longra-Riolimpo, Riolimpo-O Castelo, O Castelo-A Fraguela e esta sería a última intervención plurianual que, de haber financiamento para o seu arranxo, completaríaa a renovación dos accesos ao castelo de Naraío e lugares próximos, sobre unha distancia total cercana aos 3,5 quilómetros, todos con firme aglomerado.

Esta última pista, entre A Fraguela e Vilarxá, motivou a pregunta plenaria por parte da representante do PP María Belén Trigo sobre a razón de que o proxecto volvese incluírse no POS provincial e con diferencia de prezo con respecto a anos anteriores. O Goberno local explicou que a actuación se incluíra no Plan Complementario con anterioridade precisando que se trataba dunha previsión -igual que todos os proxectos deste plan- en espera de que a Deputación crease novas partidas que finalmente non se chegaron a producir. Sobre a cuestión do incremento de prezos, no pleno tamén se explicou que os proxectos recuperados de anualidades anteriores tiveron que revisar as contías debido ao encarecemento dos materiais.

O Partido Popular, malia votar a favor dos proxectos, criticou que non se incluíse a parroquia de Lamas no programa de obras provinciais. Unha crítica que o Grupo de Goberno rebatiu recordando que para a parroquia xa se contrataron varios proxectos viarios -Vilar, Piegolongo, Penacastrelo- e que, ademais, proximamente tamén van iniciarse as obras de aglomerado da pista entre A Camba e o límite con Moeche, que discorre case na súa totalidade por Lamas.

POS Social
Canda obras e investimentos en infraestruturas, o pleno celebrado o pasado xoves tamén  tratou a aprobación do POS+ Adicional 1/2023, denominado “POS Social”. Con cargo a este programa o Concello recibirá  58.957,41 euros para cubrir parte dos custes de contratación do persoal de Servizos Sociais, a ampliación do Servizo de Axuda no Fogar e a formación das profesionais de atención domiciliaria, o mantemento do programa de estimulación cognitiva “Memoria Activa” e o apoio ao programa de prevención e acompañamento a vítimas da violencia machista “O Lavadoiro”.

Os tres grupos municipais votaron a favor e o único debate que se deu foi ao respecto de que a documentación sobre o asunto non se puxese a disposición da oposición con tempo suficiente para poder analizala en detalle antes do pleno, algo que segundo o Grupo de Goberno se debeu a un “erro material” encadrado no “enorme esforzo humano” que require a súa tramitación.

A portavoz do Executivo, Mari Carme Muíño explicou que o POS Social fora unha medida da Deputación en apoio dos concellos posta en marcha durante a pandemia que agora, nun novo contexto de crise, o ente provincial decidiu manter “e gustaríanos que a Xunta de Galicia tamén fixera ese esforzo”. Desde o grupo nacionalista destacouse que os fondo provinciais vaian principalmente para financiar o Servizo de Axuda no Fogar, como servizo que o Concello presta mediante “xestión directa”.

Pola súa banda, o socialista Lois Anxo Rodríguez reivindicou o labor da Deputación neste ámbito “aínda sen ter competencias” de cara a apoiar “unha atención de calidade por parte dos concellos”. Rodríguez aliñouse co BNG no sentido de que “sería moi benvido que a Xunta fixese ese mesmo esforzo”. O PP, quen votara en contra da urxencia do punto, anunciou o seu voto favorable ao contido do mesmo, por considerar “fundamental” o gasto social e entender que “é necesaria toda a financiación que poida vir da Deputación ou da Xunta”.

 

Share.