O pleno votará este venres varias rebaixas na contribución

0

O Concello de San Sadurniño celebrará este venres pola mañá -10.30h.- un pleno extraordinario que incorpora na súa orde do día catro puntos entre os que destaca a modificación da ordenanza fiscal que regula o Imposto de Bens Inmobles co obxectivo e incorporar no seu articulado varias rebaixas na “contribución”. Así, a proposta do equipo de goberno é equiparar o tipo dos bens rústicos aos urbanos, quedando ambos no 0,6, bonificar de oficio nun 50% os bens urbanos situados en Rede Natura 2000 no entorno do Forgoselo -en Igrexafeita e Naraío- e, ademais, aplicar unha bonificación do 95% para os inmobles destinados exclusivamente a actividades gandeiras, agrarias e forestais, previa solicitude das persoas titulares.

A modificación da ordenanza vén motivada polo “catastrazo”, o proceso de regularización catastral que está levando a cabo nestes momentos en San Sadurniño o Ministerio de Facenda. Segundo o goberno local, o proceso “afecta dun xeito negativo en grade parte do territorio municipal” ao incluír construcións agropecuarias que antes non tributaban e que, a partir de agora, si deberán facelo aínda que a actividade non se manteña.

O equipo de goberno xa anunciara en anteriores plenos a súa intención de artellar medidas que minorasen os efectos desa nova carga impositiva orixinada polo “catastrazo”. Unha intención que agora e “ata onde a lei estatal permite actuar”, se materializará con varias bonificacións e rebaixando o tipo para os bens rústicos.

Así, todos aqueles bens inmobles dedicados “total e exclusivamente” ás actividades relacionadas co sector primario contarán cunha bonificación dun 95% na cota íntegra do recibo, sempre e cando as persoas titulares cursen a correspondente solicitude para que o Concello poida declarar o seu “especial interese” e aplicar o desconto, que será dun 50% se no ben conviven outros usos ademais do agropecuario.

Outro dos cambios importantes na ordenanza do IBI será a redución nun 25% do tipo do rústico, que pasa do 0,8 ao 0,6, practicamente o mesmo que se lle aplica aos bens de natureza urbana (0,605).

A última das modificacións que se someterá á valoración plenaria é a bonificación dun 50% sobre a cota íntegra da “contribución” en aqueles bens urbanos situados nos núcleos delimitados pola Rede Natura 2000 no ámbito territorial do Forgoselo. En total son 20 lugares das parroquias de Naraío e Igrexafeita que, segundo a proposta de acordo, se caracterizan polo seu vencello ao sector primario e por non contar cun nivel de servizos, infraestruturas e equipamentos colectivos equiparable ao doutras zonas do municipio.

Outros asuntos
No pleno extraordinario convocado para este venres ás 10.30h. tamén se tratará a aprobación das actas das dúas sesións anteriores, así como a modificación dun proxecto con varias obras que quedaron pendentes de executar trala rescisión do contrato á empresa adxudicataria por incumprir as condicións estipuladas. Trátase das pistas desde A Fraga até a antiga estrada das Pontes pasando pola Penalonga -en territorio de Ferreira e Igrexafeita- e o camiño entre A Cabanela e Saabanda, en Santa Mariña do Monte. O resto de obras que non se fixeron -a comunicación de Cornide coa ponte do Xubia á altura do paseo fluvial e o asfaltado do eixo Brame-Vilaverde-O Cancelo, en Lamas- trasladáronse a outro proxecto que se levará a cabo en breve con cargo á modificación de créditos aprobada en setembro.

Por outra banda, o grupo do goberno tamén proporá incorporar por vía urxente unha batería de medidas dirixidas á Xunta de Galicia en relación coa praga de xabaril. En concreto, a realización dun censo do porco bravo, a redacción e posta en marcha dun plan de xestión que volva ao seu a súa poboación, a elaboración dun mapa de danos en todo o territorio galego e a apertura dunha liña de axudas que palíe os danos en explotacións e en cultivos particulares para autoconsumo.

Share.