O pleno votará este sábado a relación de explotacións que se beneficiarán das bonificacións do IBI

0

O penúltimo pleno ordinario deste mandato corporativo celebrarase este sábado a partir das 11.30h. levando un total de 8 puntos na relación de asuntos para tratar, dos que a maioría son cuestións administrativas das que habitualmente se consideran “de trámite”, aínda que iso non lle quita para que sexan orixe de debate entre os distintos grupos municipais. Aos habituais de aprobación de actas, dación de contas sobre resolucións da alcaldía, mocións urxentes e rogos e preguntas úneselles neste caso a proposta dunha declaración institucional con motivo do 8M, a aprobación -se procede- do plan económico e financeiro e tamén a declaración como “actividades de especial interese” as das explotacións agrogandeiras e forestais que cumpren os requisitos marcados na ordenanza para beneficiarse dunha bonificación de ata un 95% no recibo do IBI.

O Concello aprobará, polo tanto, un total de 23 solicitudes presentadas ata o 31 de decembro de 2018 que se axustan ao recollido na ordenanza reguladora da “contribución”, onde se sinala que poderán acollerse a unha bonificación do 95% da cota íntegra do imposto aqueles inmobles nos que estean situadas unicamente construcións nas que se desenvolvan total e exclusivamente actividades agrarias, gandeiras e forestais, previa declaración do seu especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias sociais, culturais, histórico-artísticas ou de fomento do emprego que xustifiquen tal declaración. A ordenanza tamén establece que a bonificación será do 50% cando no ben convivan outros usos ademais do agropecuario.

A medida atende a unha modificación da ordenanza do IBI aprobada no pleno do 5 de outubro do ano pasado co obxectivo de  paliar o impacto no sector primario do proceso de regularización emprendido polo Ministerio de Facenda, co que o Catastro deu de alta de forma automática aquelas construcións de máis de 15 metros cadrados. Das 23 solicitudes admitidas, 14 alcanzan a bonificación máxima e o resto obterán unha rebaixa do 50%. Cómpre lembrar que, ademais destas, a ordenanza tamén prevé bonificacións da metade do recibo para todos os inmobles situados en Rede Natura 2000 -tramitadas xa de oficio polo Concello- e unha redución dun 25% do tipo impositivo para todos os bens rústicos que, trala modificación de outubro, pasou do 0,8 ao 0,6, practicamente o mesmo tipo que o IBI urbano.

Este é un dos asuntos de maior trascendencia social da sesión. Pero hai máis. Na orde do día vai tamén a aprobación do plan económico-financeiro do Concello de San Sadurniño para este ano e o que vén, en cumprimento da normativa estatal que obriga aos municipios a adoptar unha serie de medidas correctoras cando se incumpren os obxectivos de estabilidade orzamentaria, regra de gasto ou endebedamento.

A liquidación do orzamento de 2017 apunta a que se pechou o exercicio con 371.376,25 euros en positivo, un total de 841.619,95 euros en fondos líquidos e uns remanentes de tesouraría para gastos xerais de 1.053.271,76 euros. Cifras que acreditarían a solvencia económica das arcas municipais pero que, aínda así, non se axustan ao marcado pola lei en canto a estabilidade orzamentaria e regra de gasto. De aí que sexa obrigatorio aprobar un programa de reconfiguración do orzamento a dous anos vista que lle permita ao Concello cumprir cos parámetros técnicos da lei, independentemente de que este teña recursos económicos suficientes para ampliar servizos ou facer máis investimentos.

Xunto con estes puntos que seguramente sexan os máis debatidos, o pleno tamén tratará dúas cuestións que atinxen a cuestións de funcionamento interno. Unha é a proposta de modificación do articulado do Regulamento de Acción Social do persoal laboral do Concello e, en concreto, o apartado relativo ás condicións de acceso e aos conceptos subvencionables con cargo á partida de 4.000 euros do seu fondo social. Por outra banda, a sesión abordará a modificación da mesa permanente de contratación xeral do Concello para cubrir a suplencia da segunda vogal que ocupaba a traballadora social, agora en excedencia.

A última cuestión que se abordará na sesión antes de entrar no apartado de rogos e preguntas será a da declaración institucional con motivo do 8M, Día Internacional da Muller. De saír adiante, o texto lerase publicamente o venres 8 pola mañá nun acto simbólico que irá acompañado do atado de mandís e cinguidoiros no enreixado exterior da casa consistorial. A proposta de declaración institucional fai tamén un chamamento á participación na xornada de folga feminina convocada para ese mesmo día e apoia a manifestación prevista para este domingo 3 de marzo en Lugo.

 

Share.