O pleno votará este sábado a colaboración de San Sadurniño no desenvolvemento do Xeoparque do Cabo Ortegal

0

O Concello celebra este sábado a partir das 11.30h. o pleno ordinario correspondente ao mes de novembro, que incorpora na orde do día un total de 14 puntos. Será unha sesión marcada por cuestións administrativas e polas mocións achegadas no prazo ordinario polo BNG -unha sobre os incendios forestais e outra sobre o Pazo de Meirás-, ás que tamén poderían unirse outras presentadas pola vía da urxencia por calquera grupo municipal. Tres son os asuntos que, a priori, teñen maior relevancia. O primeiro é o chamamento por cuarta vez nos últimos meses á concelleira electa Cristina Calvo para que tome posesión do seu cargo no grupo popular, o segundo a aprobación definitiva do inventario municipal de bens e o terceiro a adhesión de San Sadurniño ao convenio de cooperación que suscribirán a Deputación e o resto de concellos comprometidos co proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal.

O Complexo do Cabo Ortegal abrangue 630 Km² de superficie dos municipios de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño (tamén As Somozas, aínda que a administración local se desmarcou do proxecto de xeoparque desde o inicio), onde se localizan ata 52 lugares de interese xeolóxico e 5 sitios de relevancia internacional por atoparse neles formacións únicas ou case imposibles de ver en ningún outro lugar do mundo. Ese é o principal valor dunha zona onde se encontran praias de area vermella, raras praias de area negra como a de Teixidelo -a única no planeta de orixe non volcánica- afloramentos de lava, granitos negros, restos glaciais, e rochas que habitualmente están a máis de 70 kilómetros de profundidade e que aquí poden observarse a simple vista.

Iso é o que poñen en valor os parques xeolóxicos, é dicir (e simplificando moito), as peculiariedades das pedras como  un factor de desenvolvemento económico a través do turismo e doutras iniciativas que poidan beneficiarse deste recoñecemento internacional. No mundo existen 135 xeoparques e en Europa 62, dos que 11 están en España. No noroeste non hai ningún de momento, aínda que nesa carreira polo selo andan tamén a Serra do Xurés e o Monte Pindo. O  xeoparque non restrinxe os usos do chan, como ocorre cos parques naturais, senón que se trata dun distintivo da UNESCO que avala o patrimonio xeolóxico dunha zona concreta para que del tire proveito de forma sustentable todo o territorio.

A parte técnica está practicamente lista, pero agora toca sacar adiante un plan director de cara a iniciar a partir de xaneiro a tramitación efectiva da candidatura perante o organismo internacional.  A UNESCO non outorga a distinción a partir dun programa escrito, senón que para presentar unha candidatura fai falla levar a cabo investimentos e actuacións que, posteriormente, son verificados pola organización dependente das Nacións Unidas. É máis, antes de chegar sequera á UNESCO é necesario pasar polo filtro do Comité Español de Xeoparques, que só admite dúas propostas por ano e sempre que os proxectos reunan suficientes condicións de solvencia técnica.

Os municipios implicados na iniciativa para o complexo do Cabo Ortegal levaban varios meses á procura de finanzamento doutras administracións. Unha busca que espertou o interese da Deputación da Coruña, quen inxectará 500.000 euros a través da área de Turismo e Patrimonio histórico. Esa achega económica materializarase nun convenio suscrito entre o ente provincial e os concellos de San Sadurniño, Moeche, Valdoviño, Cerdido, Cedeira, Cariño e Ortigueira que, ademais, tamén ten por obxecto crear unha comunidade intermunicipal que permita a xestión conxunta do proxecto.

A comunidade será “un espazo virtual” de colaboración entre os municipios e a Deputación que non contará con personalidade xurídica propia, aínda que si estará dirixida por un consello do que formarán parte dous representantes de cada administración. A vixencia do acordo é por un período inicial de 4 anos e a presidencia será rotatoria.

Outros asuntos do pleno

A sesión deste sábado tamén inclúe a aprobación definitiva do inventario municipal de bens, logo dun período de exposición pública no que só se recibiu unha alegación, referida á propiedade dos terreos nos que se asenta a estación potabilizadora municipal.

O acordo que se leva a pleno propón rexeitar a alegación dado que, segundo a documentación e o informe técnico dos que dispón Concello, trátase dun ben de propiedade municipal. Os argumentos que fundamentan o rexeitamento son que o terreo en cuestión está afectado desde hai máis de 30 anos por un servizo público, pero tamén que xa figuraba no inventario do 1995 e no Catastro como un ben de titulariedade municipal.

Antes de chegar a esta cuestión na sesión tamén se fará un novo chamamento para a incorporación da concelleira electa Cristina Calvo Tuimil ás filas do grupo municipal do Partido Popular, que leva desde maio con só dous dos tres representantes que lle corresponden. No último pleno -o do mes de setembro- o portavoz do PP, Manuel Romero, indicou que a concelleira se encontraba traballando fóra, sen que se concretasen nesa sesión datas aproximadas ou previsións ao respecto da súa toma de posesión.

O resto de asuntos da orde do día repártense en temas menores, como o da creación e rexistro perante a Axencia Española de Protección de Datos dun ficheiro destinado ao sistema de videovixilancia  da alarma que se instalará en breve na Casa do Concello; a elevación a definitivo do acordo de desafectación dun camiño público en Campolabrado; a aprobación do regulamento de acción social do persoal laboral -dotado con 4.000 euros-; a cesión do contrato da asistencia técnica do PXOM en favor da empresa Alfonso Botana S.L.; unha modificación de partidas do orzamento municipal por valor de 42.000 euros e, por último, a adhesión do Concello ao convenio suscrito entre a Xunta e a FEGAMP para implantar a Historia Social única, que permitirá axilizar a tramitación de expedientes de servizos sociais entre distintas administracións.

No apartado das mocións hai dúas presentadas polo BNG. A primeira céntrase en cinco propostas para previr os incendios forestais e mellorar a eficiencia na súa extinción mentres que a segunda declara como “non gratas” á familia do ditador Francisco Franco e á fundación que leva o seu nome, ademais de esixirlle á Xunta que sexa o Concello de Sada quen xestione as visitas ao Pazo de Meirás. A moción apoia tamén a reivindicación de que o inmoble pase a mans públicas como espazo vencellado á recuperación da Memoria histórica.

 

Share.