O pleno sorteará este sábado a composición das mesas electorais

0

Para este sábado ás 11.30h. hai convocado un pleno extraordinario que terá catro puntos na orde do día, aínda que para votación só vai o referido á urxencia da sesión. Logo tratarase a ratificación da adhesión de San Sadurniño ao Pacto das Alcaldías polo Clima e as Enerxías renovables, a rectificación da documentación do POS+ Adicional 2/2020 e, por último, efectuarase o sorteo da composición das mesas electorais do próximo 12 de xullo. Uns comicios que serán atípicos por celebrarse en pleno verán e porque estarán rodeados de todo tipo de medidas preventivas. No censo electoral do noso concello, segundo o INE, figuran 2.908 persoas, das que 2.460 figuran como residentes en Galicia e as 448 restantes como residentes no estranxeiro.

O sorteo farase cun aplicativo informático que sacará o listado para cada unha das sete mesas, recollendo presidencia e vogalías e tamén as suplencias. A partir do luns notificaráselles ás persoas designadas o seu nomeamento, dándolles prazo para que aleguen as circunstancias previstas na normativa de cara a xustificaren, de ser o caso, as razóns para non asumir a encomenda.

As eleccións do 12 de xullo ao Parlamento de Galicia desenvolveranse cos horarios habituais: ás 8 da mañá deberán reunirse nos locais electorais as persoas nomeadas para as mesas, logo constituiranse e as votacións poderán comezar ás 9 da mañá.

O cambio principal vén dado polas medidas preventivas do contaxio do coronavirus, empezando pola configuración dos propios espazos. Na medida do posible marcarase un camiño de entrada e saída que impida movementos erráticos dentro do local, tamén haberá marcas no chan para que se garden as distancias con respecto á mesa e o voto depositarase nunha bandexa antes de ser introducido na urna co obxectivo de que non haxa contacto entre votante e quen ocupe a presidencia.

Ademais tamén se colocarán a cabina de tal xeito que se preserve o segredo do voto evitando ter que manipular a cortina. Nos locais haberá xel hidroalcólico e as superficies de contacto limparanse polo menos tres veces ao longo da xornada. Será obrigatorio o uso de mascarillas para entrar no colexio electoral e é moi recomendable desinfectar as mans antes e despois de exercer o dereito. A Xunta de Galicia, en colaboración co Estado e os municipios, mobilizará ás policías, protección civil e a Garda Civil para controlar que se respectan as medidas preventivas e regular os aforos.

Fóra disto, que non é pouco, os comicios serán coma sempre en canto ao voto presencial en urna. O que si hai son cambios en canto ao voto por correo. Poderase solicitar a documentación nas oficinas -igual que outras veces- e, debido á COVID-19, agora tamén se pode pedir por vía telemática a través da web de Correos con DNI electrónico ou certificado dixital.

As solicitudes presenciais ou telemáticas hai que facelas até o 2 de xullo (incluído) e a oficina do Censo Electoral enviaranos entre o 22 de xuño e o 5 de xullo as papeletas, o certificado censal, unha folla explicativa e o sobre co enderezo da nosa mesa (onde teremos que meter o voto). Os sobres haberá que entregalos presencialmente na oficina de correos.

Porén, a Xunta Electoral Central aceptou que o sobre se lle poida entregar directamente ao persoal de Correos no momento en que nos entreguen a documentación. É dicir, cando nos traian as papeletas temos a opción de pedirlles que nos leven xa o voto, de maneira que non teñamos que acudir logo a unha oficina. É algo voluntario e, en calquera caso, o trámite ha de facerse “sen menoscabo do requisito do segredo do voto”. O último día para entregarlle o voto a Correos na oficina será o venres 10 de xullo até as 20.00h.

Toda a información sobre os procedementos electorais pode consultarse nesta web.

Os outros temas do pleno
No pleno tamén se ratificará a adhesión de San Sadurniño ao Pacto europeo das Alcaldías para o Clima e a Enerxía. Trátase dunha declaración na que se adquire o compromiso de levar a cabo unha folla de ruta común a todas as administracións co obxectivo de frear o cambio climático co horizonte do ano 2050. O pacto, auspiciado pola Comisión Europea, marca retos de carácter ambiental que permitan conter o quecemento global nun máximo de 2 graos centígrados por riba dos que se rexistraban na época preindustrial. Un dos compromisos que se expresan é o de que os municipios sexan capaces de reducir nun 40% as súas emisións de CO2 e doutros gases de efecto invernadoiro antes do remate desta mesma década. Os concellos adheridos ao pacto tamén se comprometen a aumentar a súa capacidade de resistencia e adaptación ao cambio climático e, ademais, asumen o compromiso de compartir experiencias, coñecementos e resultados.

A sesión convocada para este sábado ás 11.30h. -que se celebrará sen público por cuestións de aforo- inclúe tamén a rectificación da documentación relativa ao POS+ Adicional 2/2020 que non lle afecta nin aos importes nin aos proxectos que se van acometer, cifrados en 124.600 euros. En concreto trátase do aglomerado da pista do Eirexado a Lourido e do paso a LED da iluminación no centro urbano, no Enxerto, Agra de Arriba e Currás.

 

Share.