O pleno posiciónase contra os “abusos” da banca e introduce unha pequena modificación nas bases das bolsas escolares

0

Unha hora xusta foi o que durou a sesión plenaria que se celebrou onte á tardiña na Casa da Cultura. Para deliberación e acordo ían só tres puntos: a aprobación da acta da sesión anterior, o recoñecemento dun conxunto de facturas -principalmente de subministracións eléctricas- e o debate dunha moción en contra dos “abusos” da banca na que tamén se reclama o mantemento dos servizos financeiros presenciais no rural. Esta cuestión obtivo o apoio unánime da corporación, quen tamén votou a favor dunha pequena modificación das bases das bolsas escolares dos estudos obrigatorios para precisar que a elas poderán acceder quen se beneficien das axudas da Xunta para adquisición de libros de texto e material escolar. 

Tras darlle o beneplácito á acta da sesión anterior, o pleno debateu como primeira cuestión a aprobación dun recoñecemento de 63.000 euros en facturas correspondentes na súa maioría a subministracións de electricidade de iluminacións e instalacións municipais do último trimestre de 2020, que antes de ser aboadas tiveron que revisarse unha por unha para comprobar que os importes e os conceptos eran correctos e que as compañías non rexistrasen consumos duplicados. Un labor minucioso e que requiriu un “esforzo importante” por parte dos servizos municipais que, ademais, resulta nunha rebaixa importante destes gastos con respecto a exercicios anteriores. O asunto saíu adiante co apoio do BNG e do PSOE, mentres que o PP se abstivo.

O terceiro punto da orde do día abordou unha moción presentada polo BNG relativa “ao proceso de concentración e centralización bancaria” dos últimos anos, que tivo como principais repercusións, segundo o grupo nacionalista, a desaparición das caixas de aforros galegas, a supresión de oficinas no rural e a imposición de novas condicións para os servizos, como por exemplo maiores comisións, reducións de horarios ou a substitución da atención presencial pola banca electrónica “abusando das persoas maiores ao convertelas en vulnerables financieiramente e obrigalas practicamente a que terceiras persoas xestionen as súas contas”. Unha situación que se viu agravada pola pandemia, aproveitada polos bancos “como coartada para seguir adiante cunha folla de ruta de oligopolización orquestrada a nivel europeo e internacional”.

Neste sentido, o BNG insta ao Goberno do Estado a que se promovan cambios regulatorios no sector para evitar a concentración, o “incumprimento” das normas de competencia e o “agravamento da exclusión financieira”, nomeadamente á escalada de abusos bancarios en materia de restrición de servizos, a redución de oficinas e persoal, os pactos para limitar os horarios de caixa e o incremento das comisións”. Tamén se insta á Xunta de Galicia para que faga valer as súas competencias en materia de consumo impulsando “campañas colectivas de reclamacións bancarias” e facilitando información ás persoas consumidoras sobre a vulneración dos seus dereitos. A moción  nacionalista -que obtivo o apoio unánime da corporación- remata sumándose ás reclamacións das traballadoras e traballadores da banca sobre o mantemento do emprego e dos servizos financieiros básicos no territorio.

Antes de entrar no apatado de rogos e preguntas, o pleno tomou razón da liquidación de 2020 e dos acordos e resolucións adoptados pola alcaldía desde a anterior sesión. Ademais tamén se incorporou pola vía da urxencia unha moción para modificar un dos artigos da convocatoria de bolsas escolares e de axudas á conciliación na EIM A Rolada. O cambio non lle afecta ao contido nin á finalidade das axudas, para as que o Concello reserva unha partida de 40.000 euros, senón que se centra unicamente en precisar máis as condicións de acceso ás becas para estudos obrigatorios.

A convocatoria deste ano vinculouse a que a rapazada para a que se solicitase a bolsa sexa beneficiaria das axudas establecidas na orde do 12 de maio de 2020 da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, algo que se acreditará cunha certificación expedida pola dirección do centro escolar. A modificación aprobada no pleno -tamén por unanimidade- introduce a precisión de que se poderá cumprir tanto o apartado “b” como o “c” do artigo 1 da liña autonómica, é dicir, ser beneficiario/a das axudas para adquirir libros de texto ou para a compra de material escolar.

Rogos e preguntas
Na recta final do pleno, xa no apartado de rogos e preguntas, o representante do PSOE interesouse pola postura do Concello no seo do Consello Escolar ao respecto do debate sobre a xornada intensiva indicando que a representante municipal, como membro nato deste organismo, non pode absterse nas votacións dos asuntos que se propoñan. Neste caso a decisión municipal foi non pronunciarse nun sentido ou noutro para “non inclinar a balanza” nunha cuestión que deben adoptar nais e pais e profesorado, tal e como explicou o alcalde.

As seguintes dúas cuestións expostas no pleno xeraron amplo debate entre o alcalde e a portavoz do PP, quen preguntou en primeiro lugar se o consistorio presentara alegacións no seu momento ao Plan de transporte público de Galicia, engadindo que as xestións efectuadas pola propia voceira popular serviran para que a veciñanza de Naraío e Igrexafeita tivese buses diarios de volta desde Ferrol.

Noutra orde de cousas, o PP recordou a pregunta formulada o pasado 28 de xaneiro na que lle solicitou información ao rexedor sobre o número de persoas atendidas polo SAF durante o 2020, algo ao que Secundino García respostou cun repaso pormenorizado dos servizos prestados nas modalidades de dependencia e de libre concorrencia e os extraordinarios a raíz da situación xerada pola pandemia.

García sinalou que, como promedio mensual, foron atendidas 47 persoas, unha cifra próxima ás 50 que se facilitaran como estimación nunha comisión informativa, ao non dispor naquel momento dos datos concretos que pedía o PP. Por este motivo, o alcalde recordoulle á concelleira do Partido Popular a necesidade de solicitar por escrito toda aquela información que requirise a recopilación de datos. “Eu non son coma un político que tí adorabas moito, eu non teño un Estado na cabeza”, ironizou Secundino García recollendo as palabras dun famosísimo discurso de eloxio a Manuel Fraga pronunciado en 2005 por José Blanco Pazos, alcalde de Negreira naquel entón.

Iso si, Secundino García, ademais de responder “moi ben” -como recoñeceu Belén Trigo-,  aproveitou para sinalar que o os recursos se incrementaran durante os intres máis duros da pandemia e que mesmo se reforzaran con apoio dunha empresa privada que neste intre xa finalizou. O alcalde tamén lle volveu a pelota ao PP criticando que o financiamento para o SAF por parte da Xunta de Galicia é “moi insuficiente” e un dos principais motivos de que o servizo “non chegue a máis xente”.

Share.