O pleno ordinario votará a aprobación do inventario municipal e un novo regulamento do servizo de augas

0

San Sadurniño celebra este sábado a partir das 11.30h. pleno ordinario. Será unha sesión que incorpora dez puntos na súa orde do día, aínda que a maior parte deles serán dos cualificados como “de trámite” por referirse a cuestións que, en principio,  darán pouco lugar ao debate se temos en conta que a meirande parte delas pasaron sen votos contrarios pola comisión informativa. Se cadra os de maior trascendencia sexan os dous relativos á toma de posesión de Cristina Calvo Tuimil polas filas do PP e de Yolanda Vázquez Pazos -que ocupará o único escano do PSdeG-PSOE- a aprobación do inventario de bens municipais e a  proposta de modificación das ordenanzas da auga e dos sumidoiros -que non variarán tarifas- para adaptalas a un novo regulamento que tamén se votará no pleno.

O pleno comezará co trámite habitual de aprobar a acta da sesión do mes de xullo para, posteriormente, facer o chamamento das dúas concelleiras electas pendentes de tomar posesión do seu cargo. No caso de Cristina Calvo Tuimil esta será a terceira vez en que se inclúa o punto na orde do día dun pleno, despois de que a nova edila non se incorporase nin na sesión de maio nin na de xullo.  Calvo, que se atopa traballando no estranxeiro, concorreu ás eleccións municipais de 2015 no posto nº 6 da lista do Partido Popular e accede á corporación a raíz da renuncia de Silvia Fernández Muíño. Tamén está previsto que mañá tome posesión polo PSOE Yolanda Vázquez Pazos para ocupar o lugar deixado por Eduardo Lourido Doval xusto antes do verán.

Tralo asunto das incorporacións das dúas concelleiras, o pleno ocuparase de votar a aprobación do inventario municipal de bens. Un tema que xa fora á sesión de maio para darlle o visto e prace daquela a unha exposición previa coa finalidade de que veciñanza puidese consultar toda a documentación e detectar posibles erros. Mañá volverase votar un documento xa corrixido, co obxectivo de iniciar a exposición pública oficial para a presentación de posibles reclamacións. A redacción do documento iniciouse en 2015 e, ademais dos bens patrimoniais -edificios, mobiliario, vehículos, dereitos, etc.- tamén inclúe a relación actualizada de camiños municipais. O anterior inventario databa de 1997.

As tres seguintes cuestións refírense a temas administrativos, como é o caso de que as funcións de Tesouraría municipal recaian no Secretario-Interventor ou a modificación dun acordo plenario anterior para que o Concello se adapte plenamente ao sistema de rexistro de facturas electrónicas. Neste mesmo bloque tamén se aprobará unha modificación das partidas do orzamento para darlle cobertura a varios investimentos municipais, como son a instalación de bases para colectores de lixo no CPI e na área recreativa de Currás, a instalación dun porteiro automático e a sinalización do Centro Municipal de Empresas, a merca dun detector de fugas de auga ou a reforma da Casa do Concello para habilitar unha nova oficina.

Quedan para o final do pleno os dous asuntos que seguramente xeren máis debate. E é que o goberno local presentará no pleno unha nova redacción do regulamento do servizo municipal de abastecemento de auga. O antigo documento era de carácter interno e “excesivamente sinxelo”. O novo elevarase a norma de cumprimento público e recollerá todos os aspectos relacionados co servizo, así como as obrigas e dereitos tanto do Concello como dos usuarios e usuarias.

O cambio no regulamento obrigará a modificar as ordenanzas relativas ao abastecemento e ao tratamento de augas residuais, que tamén se someterán ao debate plenario. Neste caso non se tocan prezos, senón que se introduce a diferenciación entre usuarios particulares e negocios nos mínimos e, ademais, créase unha tarifa para o caso de que alguén queira baleirar unha cisterna na EDAR de Cornide.

A sesión,  fixada para as 11.30h., finalizará co apartado de mocións, rogos e preguntas. Posteriormente abrirase a quenda de cuestións plantexadas polo público. Os plenos son públicos, con entrada libre e grávanse íntegros para despois publicalos a través da plataforma ivoox.

Share.